(I) A onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

Nos últimos 30 anos a nosa comunidade perdeu un 20% da súa superficie agraria útil e ten neste momento preto de 900.000 hectáreas a mato, mentres a falta de terra é un dos maiores problemas para as explotacións que seguen en activo

Vista do concello do Páramo, con concentracións parcelarias pendentes desde fai décadas

Vista do concello do Páramo, con concentracións parcelarias pendentes desde fai décadas

Canta superficie agraria hai en Galicia? Como foi a súa evolución nos últimos anos? Cantas terras produtivas se foron perdendo a medida que ían desaparecendo as explotacións que as mantiñan? En que situación se atopan esas fincas? Cantas delas cambiaron de uso e pasaron a ser monte? En total, canta superficie abandonada hai hoxe en Galicia? Canta desa superficie podería ter usos agrarios? Que habería que facer para recuperala e que se fixo mal até o de agora?

Son preguntas ás que trataremos de dar resposta nos vindeiros días nunha serie de artigos nos que, coa axuda de expertos, analizamos cal é a situación actual de partida á que se enfronta a nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias que ultima a Xunta e que, segundo avanza a Consellería de Medio Rural, aínda que sen concretar datas concretas nin prazos para a súa aprobación, está a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria. Esta é a radiografía do uso da terra en Galicia, os seus déficits e as súas posibilidades.

A nosa comunidade perdeu nos últimos 30 anos máis de 150.000 hectáreas produtivas, un 20% da súa superficie agraria útil, e ten neste momento preto de 900.000 hectáreas a mato, unha parte delas cunha moi boa aptitude produtiva, cando paradoxicamente moitas das explotacións que seguen en activo teñen precisamente na escaseza de terra dispoñible un dos principais freos á súa actividade.

A superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia estaría algo por baixo das 700.000 hectáreas, o que representa menos dunha cuarta parte do territorio total da comunidade

Co 6% do total da superficie rústica do Estado, Galicia concentra o 28% do número total de fincas existentes en España. A nosa comunidade ten 11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, o que quere dicir que dous de cada tres galegos posúen cando menos unha finca rústica, que cada propietario na nosa comunidade conta de media con 6,6 parcelas e que a parcela media non chega aos 2.500 metros cadrados de superficie.

A persistencia destes graves déficits estruturais (escasa superficie útil por explotación e reducido tamaño das parcelas) limita o crecemento do sector agrario galego. Se ben se ten producido nas últimas décadas unha restruturación do sector como consecuencia da desaparición de dúas de cada tres explotacións nos últimos 30 anos, a situación da terra non mudou substancialmente (máis alá do incremento producido na superficie por explotación, motivado en grande medida polo efecto estatístico da notable redución no número de explotacións) e as reticencias tradicionais a figuras como o alugueiro ou as dificultades para a mobilidade da terra, moitas delas de carácter cultural ou motivadas por unha lexislación laxa, fan que unha parte das hectáreas das explotacións que pechan non se transfiran ás que seguen en activo, pasando a situación de abandono ou á forestación.

grafico evolución SAU en Galicia copia

Falta de datos fiables actualizados

No caso das explotacións máis profesionalizadas ou que reciben fondos da PAC existen datos fiables e actualizados vencellados ás declaracións obrigatorias necesarias para ter dereito a estas axudas e ferramentas como o Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIGPAC) aportan datos sobre os usos nas distintas parcelas. O problema xorde á hora de contabilizar a totalidade da superficie agraria.

“Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai”, asegura Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago. Concorda con esta apreciación o seu compañeiro Eduardo Corbelle: “é difícil dar estimacións moi precisas respecto da superficie ocupada por un determinado uso ou cuberta. A razón ten que ver con diferencias metodolóxicas, de escala ou de criterio entre as fontes existentes. Na miña opinión, as cifras que todos manexamos a día de hoxe deberían tomarse con certa prudencia, porque pode haber variacións de varios miles ou decenas de miles de hectáreas facilmente atribuíbles a estas diferenzas metodolóxicas”, afirma.

“Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai”, asegura Quico Ónega

Unha das bases de datos máis empregadas, e que permite facer unha evolución histórica das últimas décadas, é a Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE. Sen embargo, ao tratarse dunha enquisa está baseada nas respostas emitidas por agricultores e gandeiros, sen que exista comprobación exhaustiva da veracidade das respostas. “Enquísanse as explotacións en sentido amplo, igual que nos censos agrarios que publica o IGE, pero son fontes declarativas nas que a fiabilidade non é absoluta”, indica Quico. O problema para facer comparanzas históricas son tamén os cambios metodolóxicos feitos tanto na Enquisa de Estrutura coma no Censo Agrario ao longo dos anos, o que provoca variacións estatísticas nos resultados obtidos.

Para salvar a subxectividade das respostas das distintas enquisas no Laborate traballan con fontes alternativas de tipo cartográfico. “O problema é que as metodoloxías para mapeos de coberturas vexetais en España e Europa non son de todo precisas porque utilizan como unidade mínima a hectárea, e nunha hectárea en Galicia pode haber moitos usos”, evidencia Quico.

Cal é a superficie agraria total de Galicia?

Se botamos man da última Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas publicada polo INE, con datos do 2016, a SAU en Galicia situaríase en 621.643 hectáreas, aínda que para Quico este dato declarativo estaría varios miles de hectáreas por debaixo da realidade, algo que constataría a análise comparativa con ferramentas cartográficas.

En calquera caso, a superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia achegaríase a algo menos de 700.000 hectáreas, segundo as magnitudes que manexan no Laboratorio do Territorio. Esta é unha estimación derivada da análise do Sistema de Información da Ocupación do Solo de España (SIOSE) na súa edición máis recente, de 2014. “No momento actual, probablemente esta sexa a mellor fonte para realizar a estimación”, afirma Eduardo.

O 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo do millo pero só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para cultivos esixentes coma este, segundo a caracterización produtiva dos solos de Galicia realizada por Díaz-Fierros en 1984

A superficie agraria útil representa aínda non unha cuarta parte a superficie total de Galicia, a metade que na UE, onde en numerosos países a superficie agraria chega a supoñer en moitos casos o 50% do territorio. “O feito de que a SAU actual ocupe menos dun terzo da superficie total de Galicia ten relación coa capacidade produtiva dos nosos solos, que tende a ser menor do que normalmente pensamos”, asegura este experto.

Pon como exemplo o Mapa de Capacidade Produtiva dos Solos de Galicia, publicado por F. Díaz-Fierros e F. Gil en 1984, e que segue a ser unha referencia na actualidade e que suxire que só o 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo de millo. “E dese 40% só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para ese cultivo”, matiza Eduardo.

A aptitude produtiva do solo

grafico pendente dos solos en Galicia

O rendemento que as explotacións galegas obteñen da terra dispoñible é elevado, mesmo por enriba da aptitude produtiva do chan. A falta de superficie fai que moitas gandeirías intensivas sementen a millo, por exemplo, fincas con pendentes elevadas, nas que existe risco de perda de solo por arrastre, ou nas que o éxito do cultivo e o rendemento final por hectárea está sometido en moitos casos a condicionantes climatolóxicos, con colleitas escasas en anos secos. A falta de terra fai tamén que se repita o cultivo ano tras ano nas mesmas fincas, obrigando a unhas maiores necesidades de fertilización polo desgaste do solo.

É algo que se constata nas declaracións para o cobro de axudas da PAC. Segundo os datos aportados por Eurostat no 2010, o 60% da SAU estaría sometida en Galicia a reximes produtivos de alta intensidade, e o restante 40% da superficie repartiríase a partes iguais entre media e baixa intensidade produtiva.

Os terreos con pendente inferior a 12% son de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo dese nivel, a partir do cal hai maior risco de erosión 

Máis da metade do territorio galego atópase por enriba dos 400 metros de altitude e o 63% da Superficie Agraria Útil da nosa comunidade estaría clasificada como zona desfavorecida, segundo os criterios aplicados polo MAGRAMA para o establecemento do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

A pendente media do territorio galego é case do 20%, limiar de pendente crítica que segundo os expertos sinala o inicio do arrastre do solo, en función das súas características, tendo en conta que o inicio da erosión do terreo adoita comezar a partir do 12% de pendente, dependendo do tipo de solo. Os terreos con pendente inferior a 12% son, pois, de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo do nivel de pendente do 10%.

O periodo de maior perda de SAU deuse de 1985 a 2005

Se botamos man dos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, os correspondentes coa Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas realizada polo INE, nos últimos 30 anos Galicia tería perdido un total de 88.643 hectáreas de superficie agraria, o que equivalería ao 12,5% da SAU existente en 1987. Sen embargo, a maioría de expertos consultados consideran que esta cifra queda moi curta e que a perda de terra de uso agrícola neste periodo sería moi superior, con cifras que dobrarían as das estatísticas oficiais. “A Enquisa de estrutura das explotacións minusvalora a perda de SAU producida en Galicia”, afirma Quico Ónega.

Concorda con el Eduardo Corbelle: “os censos agrarios non son unha fonte fiable para a estimación de superficies nin no relativo ás cantidades totais nin no tocante ás tendencias que seguen. O censo do ano 1989 estimaba un total de 657.038 ha de superficie agrícola (suma de terras labradas e terras para pastos permanentes), mentres que os datos publicados correspondentes ao censo do ano 2009 estimaban un total de 647.599 ha. Trátase dunha variación neta moi reducida (o 1,4% da superficie agrícola do ano 1989) comparada coa obtida da análise cartográfica dos mapas de uso do solo (o 15,7% da superficie agrícola no período 1985-2005)”.

Da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, a perda de SAU no periodo de 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas

Aínda coas variacións estatísticas que poida haber en función das fontes utilizadas, o que semella claro é que en Galicia produciuse nas últimas décadas unha perda de superficie agraria que foi constante. Con todo, o periodo de maior regresión da SAU coincide co periodo posterior á entrada na Comunidade Económica Europea e o establecemento das cotas lácteas.

“O período posterior á entrada de España na CEE significou para Galicia a continuación e afondamento da transformación da paisaxe que comezara en décadas anteriores. A característica que resume este período é fundamentalmente a expansión da superficie arborada e a diminución da superficie dedicada ao uso agrícola ou gandeiro” afirmaban Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía, e que, da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, estimaba en 145.000 hectáreas a superficie agraria útil perdida nas dúas décadas posteriores á entrada na CEE.

Non existen datos posteriores acadados por este mesmo sistema da comparanza de mapas de usos da terra, pero Eduardo indica que “sabemos que a superficie agraria continuou baixando nestes últimos anos e que entre os anos 2005 e 2014 probablemente se perdeu entre o 2 e o 5% da SAU existente en 2005”. Iso suporía a perda de entre 15.000 e 40.000 hectáreas a maiores das perdidas no periodo anterior, polo que o descenso total acumulado desde 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas.

Urbanización, forestación e abandono

A perda de SAU en Galicia nas últimas décadas débese a tres factores: a urbanización de terras agrícolas, a forestación e o abandono. O traballo de comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente chega á conclusión de que de 1985 a 2005 aumentaron a superficie urbanizada e a de arborado e diminuíu a ocupada pola agricultura e a gandería, á vez que grandes áreas do territorio ficaron abandonadas.

“En todo caso, a área total que deixou de ser obxecto de aproveitamento agrícola ou gandeiro parece terse repartido practicamente a partes iguais entre a que foi abandonada (e que foi cuberta polo mato ou polas formacións de frondosas como parte dun proceso de revexetación espontánea) e a que mudou de uso como consecuencia dunha decisión deliberada dos seus propietarios (que a reforestaron para producir madeira, ou que decidiron construír nela)”, indican.

A caída da SAU repártese a partes iguais entre as terras que foron forestadas e urbanizadas e as que foron abandonadas por ausencia de actividade

“O arborado foi, en termos absolutos, o tipo de cuberta do solo que máis aumentou durante os vinte anos analizados. En conxunto, a superficie clasificada como arborado nos Mapas de cultivos e aproveitamentos pasou de 985.000 ha no ano 1985 a 1.254.297 ha no 2005, estimacións coherentes cos resultados do Inventario Forestal Nacional (IFN): o IFN2 estimaba 1.045.376 ha de monte arborado e de monte arborado ralo no ano 1993, e o IFN3 en 1.405.452 ha no ano 2002”, detallan.

En base ao mapeo do territorio realizado durante o período estudado (1985-2005) aseguran que “coexistiu a revexetación espontánea e a forestación de terras agrícolas de moi boa calidade (37.700 ha e 39.600 ha, respectivamente)”. A comparanza das fontes cartográficas de usos do solo revelaría os seguintes datos para esas dúas décadas: forestación de áreas de mato e de superficie agrícola (235.000 e 158.000 ha, respectivamente), paso a mato de áreas de arborado produtor de madeira (131.000 ha), decrúa de áreas de mato para uso agrícola ou gandeiro (130.000 ha) e abandono a mato de áreas de uso agrícola anterior (106.000 ha).

Unhas 30.000 hectáreas da mellor superficie agrícola perdéronse para sempre como consecuencia de procesos de expansión urbanística e construción de infraestruturas

“Hai unha parte moi importante de superficie agraria perdida nas últimas décadas non por abandono senón por expansión urbanística, construción de infraestruturas ou industrializada, que estaría perdida para sempre ou cando menos a medio ou longo prazo, trátase en moitos casos da mellor terra produtiva de Galicia e que xa é pouco recuperable”, asegura Quico.

“En total, aproximadamente 103.100 ha de terra agrícola de boa calidade foron ocupadas por outros usos, das cales 26.800 ha fórono dun xeito irreversible ao ser ocupadas por cubertas de tipo artificial”, cuantifica o estudo de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente.

A comparación con datos da capacidade produtiva do solo revela que a urbanización e o mantemento do uso agrícola ou gandeiro tiveron lugar principalmente nas terras de maior calidade produtiva, mentres que a forestación se concentrou en terras de calidade intermedia e o abandono afectou ás de peores características.

“A análise de correspondencias entre os cambios de uso e a clase de solo na que tiveron lugar suxire que tanto a superficie que se mantivo con uso agrícola como a que era agrícola e foi ocupada por edicificacións ou cubertas artificiais aparecen asociadas aos solos de mellor calidade. As áreas de expansión do uso agrícola (arrotea de áreas de mato, frondosas ou arborado produtor de madeira) aparecen asociadas a solos de calidade intermedia, ao igual que a forestación de terras agrícolas. O avance de áreas de mato e frondosas aparece ligado a solos de peor calidade e con risco de erosión, e nestes solos tamén se concentran as plantacións de arborado que substituíron ás frondosas e ao mato”, detallan.

Una idea sobre “(I) A onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

  1. PEDRO GARCÍA PARADA

    A cousa é moi sinxela xa que priorizase a plantación de eucaliptos (que non fan que a xente viva no rural) frente a gandeiría e a agricultura ( que si asenta a población)
    Un saúdo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información