Once claves para mellorar a xenética nunha gandería de vacún de leite

Resumo do seminario práctico sobre “Incremento da rendibilidade das explotacións leiteiras mediante a mellora xenética” que se ven de celebrar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Coñecer o rabaño do que se parte e o obxectivo que se persegue, claves para realizar os acoplamentos

Once claves para mellorar a xenética nunha gandería de vacún de leite

A mellora xenética axuda a mellorar a rendibilidade da gandería

¿Son mellores os touros de Estados Unidos ou de Canadá que os de España para mellorar a xenética dun rabaño de vacún de leite?, ¿Como elixir correctamente un touro nun programa de acoplamento? ¿O touro con máis ICO e o máis caro é o mellor para o meu rabaño?, ¿Que caracteres do ICO son máis herdables?, ¿Que fiabilidade teñen os touros xenómicos?

Estas e outras preguntas formúlanas moitos gandeiros de vacún de leite á hora de elixir os touros para inseminar o seu rabaño. Nun mercado, como é o da xenética de vacún de leite, dominado por grandes multinacionais son moitas as presións comerciais que se realizan sobre os produtores para que gasten cada vez máis diñeiro nos touros números 1.

É por tanto necesario que o gandeiro reciba información contrastada e independente para tomar boas decisións á hora de realizar os acoplamentos. Con este obxectivo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acolleu este mércores un seminario práctico sobre “Incremento da rendibilidade das explotacións leiteiras mediante a mellora xenética”. O curso foi impartido polo director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz; polo xefe da Área de Selección e de Mellora Xenética do centro público Xenética Fontao, Alejandro Fernández, e polo director do CIAM, Manuel López Luaces.

Como norma xeral, para un programa de mellora xenética é imprescindible definir o obxectivo de mellora ou caracteres a mellorar para centrar neles a selección e mellorar así a rendibilidade da gandería.

Velaquí once claves que expuxeron á hora de mellorar a xenética dos rabaños de vacún de leite en base aos acoplamentos:

1 ¿Teñen a mesma herdabilidade todos os caracteres no índice ICO?

Non. Hai caracteres que teñen moi baixa herdabilidade -transmisión de pais a fillas-, e que sen embargo están bastante valorados no ICO.

Herdabilidade dos principais caracteres, segundo os datos de CONAFE de 2016:

CARACTERES

EXEMPLOS

HERDABILIDADE

VALORES (escala de 0 a 1)

REPRODUTIVOS E FUNCIONAIS

-Días abertos (0,043)

-Lonxevidade funcional (0,115)

-Velocidade de muxido (0,11)

-Vista posterior de patas traseiras (0,11)

-Ángulo podal (0,12)

-Incidencia da mamite

-Retención de placenta

BAIXA

0,05 a 0,15

PRODUCIÓN

-Profundidade de ubre (0,30)

-Kilogramos de leite, graxa e proteína (0,28)

MEDIA ALTA

0,2 a 0,4

CALIDADE DE PRODUTOS

-% de graxa (0,55)

-% de proteína (0,5)

ALTA

0,45 A 0,60

ESQUELÉTICOS E ANOTÓMICOS

-Estatura (0,45)

-Conformación da canal

MOI ALTA

Máis de 0,50

Como se observa, os caracteres de reprodución e de saúde (incidencia de mamite, días abertos…etc) teñen moi baixa herdabilidade do touro e da vaca cara as súas fillas, influíndo máis o ambiente de manexo. Esto nos orienta a pensar que a mellora xenética que se obterá para ditos caracteres será máis baixa da esperada.

Tamén é necesario ter en conta á hora de elixir os acoplamentos que hai caracteres no ICO que están correlacionados; é dicir, que están asociados, ben positiva ou negativamente. Así, se seleccionamos para un carácter determinado, estaremos indirectamente, mellorando ou empeorando (segundo o senso da correlación) outro carácter co que exista unha forte correlación. Un exemplo do primeiro é que ao aumentar o peso ao nacemento tamén aumenta a dificultade de parto, o cal é unha correlación desfavorable. Pero tamén pode ser unha correlación negativa: así se seleccionamos para o carácter de produción de leite, as nosas vacas diminuirán o seu valor xenético para días abertos. A herdabilidade dos distintos caracteres varía segundo as razas e tamén segundo os países, sendo menor nos países cunha poboación de vacas máis homoxénea.

2 ¿Son mellores os touros doutros países que os de España?

Non necesariamente. Os índices xenéticos están deseñados para a realidade do sistema produtivo lácteo de cada país e a base xenética tamén varía. Así, países nos que o leite destínase principalmente á elaboración de queixos danlle máis peso nos seus índices xenéticos aos kilos de proteína e de graxa, entre outros, chegando a penalizar, como no caso de Nova Zelanda, a cantidade de leite, mentres que outros, como España, nos que o 80% do leite de vaca que se produce envásase para a súa venda en líquido, séguenlle dando prioridade no seu índice xenético, neste caso o ICO, á produción, aínda que cunha importancia crecente das calidades do leite, e en xeral, dos caracteres funcionais en detrimento dos de produción e de tipo.

Isto fai que un touro que sexa número 1 en Estados Unidos non o sexa en España. É certo que existen as probas de Interbull mediante o programa MACE, que intentan harmonizar os índices xenéticos dos distintos países para intentar ofrecer aos gandeiros un índice xenético internacional, pero os expertos coinciden en advertir de que a súa fiabilidade non é elevada, debido a complexidade da información que manexan.

Unha das claves da mellora xenética é que o gandeiro debe realizar un bo manexo para que o animal poda expresar todo o seu potencial xenético, comezando pola recría, senón estaría desaproveitando o investimento.

3 ¿É preferible ter un touro na gandería para os acoplamentos?

En ganderías de vacún de leite os expertos non o aconsellan. En caso de telo, recoméndase non crialo de vacas da gandería, para evitar problemas de consanguinidade, e sempre seleccionado un touro dunha liña xenética diferente ás das vacas do rabaño onde se vai empregar.

4 ¿Por que é tan importante ter en conta a consanguinidade?

É un dos grandes desafíos aos que se enfronta a gandería de vacún de leite nos próximos anos, xa que a xenómica está provocando un maior incremento na consanguinidade da raza Holstein ao centrar a selección dos reprodutores en machos cos maiores índices que proceden dunhas poucas familias.

A consanguinidade ou inbreeding é o apareamento entre individuos que teñen ascendentes comúns. O principal inconveniente é que diminúe a variabilidade xenética e reduce o progreso xenético futuro. Pero sobre todo, incrementa a aparición de defectos e enfermidades xenéticas debido a alelos recesivos que se expresan en homocigose. Exemplos comúns son a malformación vertebral, o pé de mula, a braquiespiña ou a aracnomelia, provocando a nivel xeral unha redución da fertilidade.

Nas probas xenéticas identifícanse aos touros -e ás vacas, se están xenotipadas- portadores no seu ADN de enfermidades xenéticas coas letras C (de carrier=portador) ou F (free=libre de alelos recesivos), debendo procurar escoller, por regra xeral, os segundos. Tamén existen touros con haplotipos (tramos de ADN) que afectan á fertilidade, dos que ata agora se teñen identificados 5, e noméanse coas letras HH. Neste sentido, a obriga dos centros de inseminación é seleccionar reprodutores libres de defectos xenéticos.

A consanguinidade tamén ten efectos na produción, cifrando algúns estudos ata nun 12% o descenso da produción na primeira lactación nos rabaños con maior consanguinidade.

5 ¿Xenotipado do rabaño: a que animais facerllo e canto custa?

O progreso xenético nun rabaño é maior se se realiza un xenotipado aos animais que se van a usar como reprodutores. Permitiranos coñecer con maior fiabilidade o valor xenético do animal, xa que a estimación do valor xenético do animal que se fai co índice de pedigrí, ten unha fiabilidade moi baixa e pode facer que non esteamos a seleccionar os mellores animais.

O custo do xenotipado en España está neste momento en arredor de 44 euros para o individual, e de 41 euros no caso de recría xenómica. Para os gandeiros non socios de CONAFE o prezo sube a 60 euros.

Neste sentido, recoméndase realizar o xenotipado preferentemente ás xatas, porque van ter maior fertilidade e poderemos investir máis diñeiro no acoplamento con maiores garantías. O progreso xenético tamén será maior se se centran o investimento dos acoplamentos nas xatas. ¿E que xatas xenotipar? Sobre isto non hai consenso, aínda que unha opción fácil sería xenotipar as que sospeitamos que son peores ou que son portadoras de haplotipos ou doenzas xenéticas, para non acabar recriando delas.

6 ¿A opción máis cara é sempre a mellor?

Traballando con obxectivos realistas de mellora xenética a opción de utilizar os touros máis caros non ten que conlevar un maior progreso xenético na nosa gandería. Moitas veces o prezo está influenciado porque se pon de moda unha determinada familia de vacas ou pola limitada dispoñibilidade de doses no mercado dun touro determinado. Sen dúbida, o mellor touro é o que mellor acopla coas nosas vacas e non necesariamente o máis caro. Neste sentido, hai que ter en conta dúas observacións:

-A importancia dos percentiles: Nun touro interésanos saber o superior ou inferior que é cada carácter respecto ao resto de touros avaliados no catálogo. Esta información dánnola os percentiles, cuxo valor vai de 1 a 99. Deste xeito, se selecciono no programa un touro que teña un percentil 99 nun carácter, indicaranos que o 99% dos touros restantes do catálogo son inferiores a el nese carácter. Sen embargo isto encarecerá moito as doses seminais, cando marcando un percentil 90, disporase dun abano máis amplo, cunha alta cualificación nese carácter, e a menor prezo.

-Das distintas opcións de apareamento que nos ofreza o programa, seleccionar aquela máis máis equilibrada entre progreso en ICO e prezo. A veces, elixir a segunda ou a terceira opción permitirá a gandería realizar unha importante mellora xenética, aínda que no sexa cos touros números 1, pero aforrando moito diñeiro.

7 ¿Que fiabilidade teñen os touros xenómicos?

A avaliación xenética dun touro con proba xenómica sen descendencia ten arredor dun 70%. No caso dun touro probado con 80 fillas sube a un 80%, e se se trata dun touro con máis de 100 fillas sube ata un 90%. No caso de que o touro probado supere as 1.000 fillas, polo tanto xa cunha segunda colleita, a súa fiabilidade supera o 95%.

Os touros xenómicos están cada vez desprazando máis aos touros probados nos centros de inseminación xa que o acurtan o intervalo xeracional entre o touro e as súas fillas, e polo tanto, o progreso xenético do rabaño, dunha media de 63 meses no caso dos touros probados a menos da metade nos touros xenómicos.

8 ¿Que estratexia a seguir para a mellora xenética: seleccionar en raza pura ou facer cruzamentos de razas?

A selección en raza pura, por exemplo a que se está realizando na Holstein, presenta as vantaxes de que conserva as características da raza; é acumulativa, de xeito que facendo un bo acoplamento as fillas son mellores que os pais e as netas mellores que os seus proxenitores. Entre as principais desvantaxes están que o progreso xenético é lento, sobre todo nos caracteres con baixa herdabilidade. A gran variabilidade que ten a raza Holstein, debido ao gran tamaño da súa cabana, permite que se podan realizar melloras dos caracteres na raza sen necesidade de cruzamento.

En canto ao cruzamento de dúas razas, este é un sistema de mellora xenética utilizado sobre todo en países con sistemas de produción baseados no pastoreo en extensivo, como Australia ou Nova Zelanda, onde a principal raza leiteira é a Kiwicross, un cruce entre Jersey e Holstein. A principal vantaxe deste sistema de mellora xenética é que é rápido, aproveita a complementariedade entre as razas e o vigor híbrido, sendo interesante para caracteres de baixa herdabilidade. Sen embargo, presenta os inconvenientes de que dificulta a organización da poboación de vacún, ao ter varias razas, e sobre todo a que a mellora xenética obtida non é acumulativa, xa que o máximo de mellora maniféstase no primeiro cruzamento para nas seguintes xeracións vai decrecendo. Neste sentido, os cruces de Montbeliard ou de Roxa Nórdica con Holstein obedecen máis a unha estratexia comercial dos países de orixe destas razas, xa que a mellora xenética pérdese nas fillas dos cruces.

9 Recomendacións prácticas á hora de utilizar o programa de acoplamento

-A ser posible, contar con asesoramento dun técnico imparcial, para facer unha selección á medida duns obxectivos axustados á realidade de cada gandería. O ideal é confeccionar un obxectivo de selección personalizado.

-Marcarse sempre como unha prioridade evitar a consanguinidade. O obxectivo é baixar progresivamente a porcentaxe de consanguinidade ata o mínimo posible, a fin de evitar cruces consanguíneos co risco de incorporar xenes recesivos indesexables.

-Centrar a selección en non máis de 4 ou 5 caracteres ao mesmo tempo, para non reducir o progreso xenético global. A ganancia xenética é maior cando a selección xenética se realiza sobre un só. Por exemplo, se quero mellorar os kilos de proteína podo seleccionar touros cun ICO alto neste carácter e que non teñan índices negativos no resto.

-Ter en conta que caracteres de saúde e reprodutivos como incidencia de mamite, días abertos ou Reconto de Células Somáticas (RCS) teñen unha herdabilidade moi baixa, polo que á hora de escoller un touro sería suficiente con que estes caracteres non fosen negativos. Escoller un touro cun alto valor xenético para estes caracteres encarece a compra das doses seminais sen que haxa melloras apreciables na cabana gandeira.

-Se o que se pretende é seleccionar touros para mellorar as calidades do leite, centrarse no carácter de kilos de graxa e kilos de proteína, non nas porcentaxes, xa que iríamos en detrimento da produción

-Asegurarse de que os touros estean libres de enfermidades xenéticas e de haplotipos.

-Se hai un problema coa velocidade de muxido porque as vacas son ou duras ou brandas, seleccionar, un touro cunha valoración 100 neste carácter para equilibrar nun punto intermedio.

Utilizar nunha gandería o menor número de touros posibles para lograr a uniformidade do rabaño.

-Ter en conta as correlacións xenéticas que existen entre os distintos caracteres, para maximizar o progreso xenético.

10 ¿Qué aspectos se deberían ter en conta nun programa de mellora a nivel nacional?

-Revisar a ponderación dos caracteres baixa ou moi baixa herdabilidade.

-Avaliar caracteres como a velocidade de muxido ou a facilidade de parto.

-Deseñar máis índices de referencia, ademais do ICO, que permitan orientar a mellora xenética en ganderías con necesidades específicas.(ganderías en pastoreo, ecolóxico, que busquen vacas con máis sólidos -graxa e proteína- e menos produción; etc.)

11 A maiores do valor xenético da vaca, que outras cousas debo ter en conta?

É importante estar ao tanto das necesidades futuras do mercado do leite, do que me demandará a industria que me recolle o leite dentro duns anos, dado que a mellora xenética é lenta e os cambios levan tempo. Neste senso, os mercados orientan a unha menor demanda de leite para envasar e incremento na demanda de leite con moitos sólidos (graxa e proteína) e que estes sexan de calidade, para poder ser aproveitados para elaborar iogures, queixos e derivados para a industria alimentaria. Preséntanse alternativas como producir leite A2, que contén unha variante da Beta caseina que fai que o leite sexa máis dixestible e saudable ou rico en Kappa caseina, que permite un maior rendemento queixeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información