O valor fertilizante do xurro

O xurro do gando é un óptimo fertilizante, contribuíndo a reducir os gastos de abonado. A investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), María Isabel Garcia Pomar, explica neste artigo como medir o valor fertilizante do xurro

O valor fertilizante do xurro

O enterrado do xurro é moito máis efectivo para evitar perdas de nitróxeno

 

O contido en nutrientes do xurro presenta variabilidade entre explotacións, e dentro de cada explotación dunha estación a outra. Por iso é conveniente caracterizar o seu valor fertilizante previamente a súa aplicación mediante unha análise ou no momento da súa aplicación mediante unha estimación á partir de medidas indirectas (densidade e/ou condutividade).

No caso de non poder facer esta caracterización podemos utilizar uns valores medios como pode ser a media de máis de 200 mostras de xurro de vacún analizadas nos últimos anos no CIAM. O valor fertilizante deste xurro medio é de 3.02 Kg de N/ m3 de xurro, 1.42 kg de P2O5/ m3 de xurro e 3.54 kg de K2O/ m3 de xurro.

Análise de xurro no laboratorio:

A mostra de xurro para análise no laboratorio debe tomarse da fosa remexendo previamente o xurro, ou directamente da cisterna. A cantidade de mostra estará en torno a medio litro, o envase será de plástico e non se encherá na súa totalidade. En caso de non enviarse a mostra directamente ao laboratorio deberase almacenar en lugar fresco durante non máis de tres días.

Estimación da composición mediante densímetro:

A toma de mostras será igual que para a análise de laboratorio, depositando o xurro recollido nunha probeta ou nun cubo coa suficiente profundidade, remexerase o xurro, e depositárase un densímetro, facendo a lectura aos cinco minutos.

A densidade do xurro está relacionada coa materia seca, e esta co seu valor fertilizante (ver táboa)

XURRO_1_CIAM

XURRO_TABOA_03

A estimación da composición química do xurro de vacún faise tamén a partir da medida da condutividade e a densidade, o que mellora a predición dos contidos de nutrientes (ver táboa). Esta estimación faina a aplicación RAX de Recomendación de Abonado con Xurro no millo forraxeiro (www.ciam.es) mediante a introdución dos valores da condutividade e da densidade. A condutividade (mS/cm) determínase remexendo previamente o xurro e tomando unha mostra de 100 ml da cisterna ou da fosa que se introduce nunha probeta de 1000 ml de capacidade que despois se enche con auga ata os 1000 ml, posteriormente introdúcese o electrodo do condutímetro, que foi previamente calibrado.

Mellora da eficiencia de utilización do nitróxeno (N) dos xurros

Perdas por volatilización:

Se debe enterrar o xurro para evitar as perdas do nitróxeno amoniacal. Se non se enterra se poderá volatilizar ata a totalidade do nitróxeno amoniacal, que representa aproximadamente dun 50% ata un 75% do nitróxeno no xurro de vacún e porcino respectivamente. O 50% das perdas de amoníaco ocorren dentro das 4-12 horas despois da aplicación, a incorporación con grades pode diminuír as perdas arredor do 80% e a inxección en profundidade na súa totalidade.

As perdas por volatilización serán maiores canto maior sexa a materia seca do xurro (xurros espesos) e menores en xurros diluídos debido a maior facilidade de infiltración no terreo destes últimos.

Se o terreo está labrado antes de botar o xurro a infiltración será mellor e polo tanto as perdas serán menores.

A temperatura, a humidade e o vento no momento da aplicación tamén inflúen nesta volatilización:

XURRO_TABOA_012

Para mellorar a utilización do nitróxeno tamén convén diminuír ao mínimo as perdas por lixiviación. Así, se é posible, dende un punto de vista práctico deben evitarse aplicacións no inverno (período de precipitacións elevadas) posto que a choiva pode lavar os nitratos antes de ser asimilados polos cultivos. O atraso das aplicacións do xurro para o millo forraxeiro a finais de inverno-comezo da primavera, aproximándose á sementeira, incrementará a utilización do nitróxeno.

Plans anuais de abonado con xurro en función da intensificación da explotación

As explotacións de vacún de leite galegas poden aforrar moitos cartos na compra de abonos minerais e en moitos casos poden prescindir totalmente deles. A compra de abonado mineral debe calcularse como complemento do xurro.

Unha forma bastante aproximada de coñecer a cantidade de abono anual que dispoñemos no xurro é sabendo o leite producido por hectárea de SAU. A excreción media de fósforo está na proporción de 30% no leite, e 70% no xurro mentres que a excreción de nitróxeno se distribúe, normalmente, desta forma: 30% no leite, 40% no xurro e 30% de perdas no establo e na fosa

Na seguinte figura represéntase a cantidade de nitróxeno e fósforo dispoñible por hectárea de SAU para abonar anualmente con xurro en función da produción de leite por hectárea:

Dispoñibilidade de abono no xurro por ha de SAU en función da produción de leite: 

XURRO_TABOA_01

A partir dunha produción de 15.000 litros de leite por hectárea de SAU non sería necesario mercar ningún tipo de abono fosfórico.

A diferenza do nitróxeno, o fósforo aportado co xurro se acumula no terreo e non se perde aínda que se aplicara meses antes da sementeira do millo. Tampouco fará falta mercar abono mineral potásico, xa que o xurro de vacún é rico en potasio, que ao igual có fósforo, acumúlase no solo e non se perde como o nitróxeno.

O programa RAX: unha ferramenta para unha correcta fertilización do millo forraxeiro

O CIAM en colaboración coa Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña desenvolveu un programa de recomendación de abonado con xurros (Aplicación RAX) dentro do proxecto FEADER 2007/08 “Redución do consumo de fertilizantes minerais sintéticos nas explotacións de vacún de leite mediante a valorización do xurro como abono” e do proxecto FEADER 2012/31 “Elaboración de táboas e de programa on line de recomendación de fertilización nitroxenada nas rotacións forraxeiras das explotacións leiteiras galegas en función do aporte de nitróxeno polo solo”.

Dito programa está colgado na páxina web do CIAM, e ten a grande vantaxe de integrar e valorizar os nutrientes producidos nas explotacións, xa que os programas existentes se limitan a dar unha dose de abono mineral sintético en función das extraccións dos cultivos e das análises de terra, sen ter en conta que a principal fonte de nutrientes nas explotacións de gando vacún leiteiro está na reciclaxe do xurro como abono orgánico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información