O Valadouro acollerá o 3 de febreiro a I Feira de Razas Autóctonas Galegas da Mariña

Repartiranse 3.000 euros en premios aos participantes nas distintas categorías: cabalar, bovino, porcino, ovella e cabra 

O Valadouro acollerá o 3 de febreiro a I Feira de Razas Autóctonas Galegas da Mariña

O Concello do Valadouro está tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio así como as feiras e mercados tradicionais. Por iso, o vindeiro 3 de febreiro acollerá a I Feira de Razas Autóctonas Galegas que se celebra na comarca da Mariña.

A partir das 10 da mañá e durante todo o día daránse cita nunha carpa ubicada no parque Concepción Arenal da localidade exemplares de distintas razas de gando galego, desde ovellas, cabras ou cabalos de pura raza galega, a porcos celtas, galiñas de Mos, cans de palleiro ou vacas das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega.

O evento, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración das distintas asociacións que promoven a recuperación destas razas autóctonas, como Acruga, Can de Palleiro, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga, reunirá a criadores chegados desde distintos puntos de Galicia e dará a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer.

Dentro das actividades da Feira terá lugar unha conferencia de Juan Carlos Puente, que é vicepresidente da asociación Can de Palleiro, sobre as razas autóctonas galegas. Será ás 12 do mediodía na mesma carpa onde terá lugar a feira.

3.000 euros en premios

Esta cita pioneira na comarca da Mariña contará ademais cunha importante dotación económica para animar a participación dos distintos criadores. En total, repartiranse 3.000 euros en premios entre os máis de 30 galardóns que serán entregados aos tres lotes máis numerosos de cada unha das categorías participantes (cabalos, vacas, porcos, ovellas e cabras), así como para os cinco mellores sementais e femias tanto de cabalo como de gando vacún.

A entrega dos premios ás distintas categorías terá lugar a partir das 5 da tarde e os interesados en participar poden recibir información e inscribirse entre o 29 de xaneiro e o día 2 de febreiro na Casa da Cultura da localidade, no teléfono 982571516 ou no enderezo electrónico cultura@valadouro.org e o mesmo día da feira na propia carpa até as 10 da mañá que dará comezo.

Manter viva a actividade agrícola e gandeira do municipio

O Valadouro mantén aínda unha importante actividade gandeira, e a cria de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas deste concello do interior da comarca da Mariña, ubicado ao pé da Serra do Xistral, onde todos os anos se celebra a comezos de agosto a rapa das bestas no curro de Santo Tomé.

Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma a primeira edición da Feira de Razas Autóctonas Galegas, que o concelleiro de Cultura, Eduardo Chao, impulsor desta cita, agarda que desperte o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral e contribúa a dar a coñecer as distintas razas de gando autóctono e axudar deste xeito á súa cría e conservación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información