O vacún de leite, próximo reto para reducir o consumo de antibióticos

O Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos xa logrou diminuír o uso de colistina no porcino un 97%, así como o emprego de antimicrobianos na avicultura un 71%. "Estamos ante unha oportunidade para as granxas lácteas", valoran desde as cooperativas

O vacún de leite, próximo reto para reducir o consumo de antibióticos

Xornada de Agaca na que se abordou o consumo de antibióticos co técnico Victorio Collado, á esquerda.

O Programa Nacional de Resistencias aos Antibióticos logrou que na sanidade animal se reducise un terzo o consumo de antimicrobianos entre os anos 2014 e 2017. O esforzo enfocouse nun primeiro momento nos sectores máis dimensionados e máis estruturados ao redor de empresas e cooperativas, como son o porcino, a avicultura ou a cunicultura. Desde este ano, o reto sitúase en mellorar tamén o emprego de antibióticos no vacún de leite. “Temos a oportunidade de cumprir de maneira voluntaria cunhas pautas de traballo que nun futuro vai esixirnos a sociedade”, valoran desde a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que está a colaborar co Programa Nacional de Resistencias.

Na actualidade, a aparición das resistencias prodúcese a maior velocidade que o desenvolvemento de novos antimicrobianos. O asunto é de tal calibre que a Organización Mundial da Saúde calcula que para o 2050 haberá dez millóns anuais de mortes debidas a bacterias resistentes. Para atallar o problema, faise precisa unha redución do uso dos antibióticos e unha mellor administración dos mesmos, tanto en saúde humana como na animal.

“O consumo de antibióticos nas granxas de leite é baixo, pero é necesario realizar un esforzo adicional” (Victorio Collado, Cooperativas Agro-alimentarias)

“A redución das resistencias necesita pór en marcha medidas de forma activa en diferentes campos. No caso da produción gandeira, obríganos, entre outras cuestións, a realizar algúns cambios no manexo” -subliña Victorio Collado, técnico de Cooperativas Agro-alimentarias de España que está a coordinar a participación das cooperativas no Programa de Resistencias aos Antibióticos-. “O volume de antibióticos prescrito e consumido nas granxas de leite é baixo. Con todo, é necesario realizar un esforzo adicional no uso de antibióticos críticos e nos tratamentos das mastites “, destaca Victorio.

Os obxectivos marcados polo Programa de Resistencias en vacún de leite sitúanse en reducir o consumo de quinolonas e fluoroquinolonas no período 2019-2021, así coma o de cefalosporinas de terceira e cuarta xeración no período 2022-2025. “Son antibióticos que forman parte dos denominados como ‘de último recurso’, é dicir, aqueles que convén reservar porque son de gran utilidade na sanidade humana cando outros antibióticos non son eficaces. O seu uso na gandaría será cada vez máis limitado e só poderán utilizarse tras demostrar que se usaron previamente outros antibióticos e que estes non foron eficaces “, explica Victorio.

Ao tratarse o Programa de Redución de Antibióticos dun sistema voluntario, a adhesión de veterinarios e gandeiros é libre. Desde Agaca confirman que algunhas das principais cooperativas galegas están a valorar a súa participación no programa, un paso que se prevé que se produza en breve.

Compromisos

Os principais compromisos asumidos polas gandarías e veterinarios participantes no Programa son os seguintes:

– A granxa designará a un veterinario ou equipo de veterinarios, que será o responsable das prescricións na gandaría.

– Impulsarase unha estratexia de prevención de enfermidades a partir de vacinacións e mellora da hixiene e bioseguridade.

– Estableceranse pautas de tratamento selectivas no secado dos animais, minimizando o emprego de antimicrobianos.

– Farase unha prescrición adecuada de antibióticos e a gandaría comprometerase a administralos nas doses e períodos correctos.

– No diagnóstico, fomentarase a toma de mostras que permitan acreditar en laboratorio a necesidade de antibióticos.

– Farmacovixilancia: o veterinario trasladaralle ás autoridades sanitarias calquera incidencia relacionada coa ausencia de resultados dun produto, unha práctica que até agora estaba escasamente estendida.

Vacún de carne
Capítulo a parte merecen os tenreiros de recría que van saír da granxa con destino a un cebadoiro. “O estado de saúde dos becerros á entrada do cebadoiro é un aspecto crucial, xa que un bo status sanitario vai reducir significativamente a necesidade de realizar tratamentos veterinarios durante todo o cebo, especialmente nas primeiras semanas”, explica Victorio Collado.

“Por tanto, unha boa estratexia debería pasar por mellorar o manexo destes tenreiros nas granxas de leite previamente a súa saída, por exemplo, mediante un correcto encalostramento ou polo uso de vacinas. Loxicamente, ese esforzo adicional do gandeiro debe ser compensado nun aumento do valor dos animais que comercializa” , conclúe o técnico de Cooperativas Agro-Alimentarias.

O sistema de control das prescricións veterinarias detecta irregularidades

Os datos publicados polo programa europeo de vixilancia de consumo de antimicrobianos sitúan a España como un dos países de maior uso de antibióticos na UE, tanto polo seu consumo en medicamento humano como veterinario. No 2016, o consumo estatal de antibióticos na gandaría era do triplo da media europea e só Chipre presentaba naquel momento un consumo maior. Con todo, espérase que nos próximos informes se visualice o esforzo realizado nos últimos anos en España dentro do Programa de Resistencias aos Antibióticos.

O 99% das granxas pechou o primeiro trimestre con menos de 50 antibióticos recetados, pero hai unhas 600 ganderías que superan ese consumo, nalgún caso con picos altos

Co dobre obxectivo de facer unha cuantificación real do consumo de antibióticos e de mellorar o control das prescricións veterinarias, entrou en vigor a comezos deste ano o Real Decreto 191/2018, polo que se establece a obrigación de transmitir os datos das prescricións veterinarias de antibióticos. Coa aprobación desta normativa, todos os veterinarios están obrigados a comunicar as receitas de antimicrobianos expedidas, indicando entre outros elementos a granxa, o antibiótico prescrito e a especie. Para recoller esta información o Ministerio de Agricultura desenvolveu a base de datos PresVet .

Este sistema permite coñecer en tempo real o volume de prescricións de cada veterinario e o volume de consumo de cada granxa. Deste xeito, as autoridades teñen unha información detallada do que ocorre en campo, que poderán utilizar no marco das súas competencias.

Até o momento, publicouse unha análise xeral da información, analizando o número de prescricións por veterinario e por granxa. Durante o primeiro trimestre, o 99% das granxas xeraran menos de 50 notificacións, aínda que existían ao redor de 630 explotacións con máis de 50 notificacións, nalgún caso con picos destacados. En canto aos veterinarios, un 94% pechou o primeiro trimestre con menos de 500 receitas prescritas de antibióticos, o que representa unhas catro ao día, pero 180 profesionais superaron esas 500 receitas e nalgún caso de forma ampla.

O sector espera que os próximos informes do sistema sexan máis consistentes, con datos por especies e cunha depuración dos problemas iniciais, asociados á posta en marcha das bases de datos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información