“O único que queremos é vivir dignamente do campo”

Os gandeiros da parroquia de Abellá, en Frades, xúntanse para tirar nun prado arredor de 130.000 litros de leite. Reclaman un nivel de ingresos que faga rendible a gandaría

“O único que queremos é vivir dignamente do campo”

Unha decena de cisternas tiraron o leite nun prado da parroquia.

A ningún gandeiro lle gusta tirar o leite, pero co bloqueo total das industrias desde o fin de semana, os produtores non teñen que decidir se secundan ou non a folga de entregas. Non lles queda outra. Hainos máis ou menos concienciados sobre a necesidade da folga. En Abellá (Frades) son dos máis. As explotacións da parroquia xuntáronse para tirar o leite en conxunto cunha decena de cisternas. En total, arredor de 130.000 litros de leite que regaron un prado dun par de hectáreas.

Lucia Pedreira.

Lucia Pedreira.

Antes de tirar o leite, os gandeiros trasladáronlle ós medios de comunicación a súa opinión sobre a crise láctea. “Os ingresos non dan para pagar o que se debe desde hai meses” -explica Lucía Pedreira-. “Cando me incorporase, a miña idea era seguir coa granxa dos meus pais, pero con esta situación hai que pensar noutras opcións, non sei en que, pero o leite non dá para vivir”.

“O único que nós queremos é vivir dignamente do campo” -defende Martín, de Finca Raposo-. “Agora mesmo estamos poñendo cartos para aguantar a situación e xa non hai máis. É insostible. Tirar o leite doe, pero temos que presionar a industria, distribución e políticos”.

“Antes de que saia branco, o leite é moi negro para nós” (José Antonio Rey, gandeiro)

Outro dos produtores que participou no mediodía de onte na tirada de leite, José Antonio Rey, traslada un discurso similar os seus compañeiros. “A 25-26 céntimos, producir leite non é rendible. Estamos tirándoo para a industria, así que preferimos tiralo para o campo, para que a xente vexa a situación” -conta-. “Hai que pensar ademais que nós estamos traballando os 365 días do ano. Antes de que saia branco, o leite é moi negro para nós”.

O acto de onte en Frades estivo coordinado por Unións Agrarias. O responsable comarcal da organización, Anxo Dono, sinalaba en declaracións ós medios a necesidade dun repunte inmediato dos prezos do leite: “Ninguén quere tirar o leite, pero para regalarllo á industria é mellor tiralo”.

“Ninguén quere tirar o leite, pero tampouco regalarllo á industria” (Anxo Dono, Unións Agrarias)

Ao longo dos últimos días, diversas iniciativas de cooperativas e organizacións do sector están a canalizar leite das granxas para repartos entre os veciños das cidades galegas ou para a súa entrega a organizacións benéficas. Con todo, trátase de actos simbólicos, pois para o sector gandeiro resulta imposible buscar saída para os arredor de 7 millóns de litros diarios que producen as granxas galegas. A maioría remata nos prados ou nas foxas de purín.

Bloqueos e negociacións
O bloqueo ás industrias lácteas prosegue en toda Galicia, en tanto cadeas de distribución e industrias comezan a anunciar tímidos repuntes do prezo que poderían rondar os 2 céntimos. Para as organizacións agrarias, tal suba segue a ser insuficiente. “Son xestos positivos, pero as mobilizacións buscan prezos que cubran custos de produción e que permitan vivir dignamente nas granxas”, advirte o Sindicato Labrego en nota de prensa.

“As subas anunciadas polas cadeas de supermercados son positivas, pero insuficientes” (Sindicato Labrego)

A organización agraria respalda os bloqueos ante as industrias e sinala que para levantar a protesta habería que lograr garantías de prezos que cubran custos de produción e a retirada dos contratos lixo que sofren moitas granxas nos últimos meses, con prezos mesmo por baixo dos 20 céntimos, cando os custos de produción estimados polo propio Ministerio rondan os 34 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información