O SLG oponse ó contrato tipo aprobado na Interprofesional Láctea

O novo modelo de contratación saiu adiante co único voto en contra de Coag, a organización estatal coa que mantén unha alianza o Sindicato Labrego

O SLG oponse ó contrato tipo aprobado na Interprofesional Láctea

A Interprofesional sacou adiante o novo contrato de compra venda de leite.

O novo modelo de contrato de compra venda de leite no que se plasmarán as relacións entre gandeiros e industrias foi ratificado pola Interprofesional Láctea (Inlac) co único voto en contra de Coag, a organización estatal coa que mantén unha alianza o Sindicato Labrego Galego (SLG). A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, que participou nas reunións de traballo da Inlac, resume os motivos da oposición en tres puntos: o novo contrato non fixa un leite tipo, non establece un sistema de mediación vinculante e hai unha nula posibilidade de negociación de prezos por parte do gandeiro.

Para a organización agraria, o novo contrato, que xa se lle trasladou ó Ministerio para a súa homologación por trámite de urxencia, non representa ningún avance. “Ata agora, algunhas industrias estaban a establecer criterios arbitrarios nos parámetros de calidades (graxa, proteína, punto crioscópico, etc.), aplicando baixadas unilaterais dos prezos ou mesmo deixando de recollerlle ó leite ás explotacións en base a decisións propias, non a uns criterios estandar aceptados por todos. Este novo contrato vén a consolidar esa situación de que a industria marque as esixencias que queira, xa que non se establece un leite tipo estándar”, critica Isabel Vilalba.

“O novo contrato nin fixa un leite tipo nin establece un sistema de mediación vinculante” (Isabel Vilalba, SLG)

Outro punto de disconformidade radica na falta dunha mediación específica cando hai desacordo entre as partes. “No contrato ofrécese a opción dunha vista previa na Inlac, de carácter non vinculante, e en caso de que continúe a disputa, hai dúas opcións, ou ben ir á xustiza ordinaria, ou ben a unha arbitraxe da que non se aclara nada, nin custos, nin como se xestionaría nin que órgano faría esa arbitraxe. Díxosenos que ía haber unha arbitraxe específica para o sector lácteo, pero está sen desenvolver”, cuestiona a secretaria xeral do SLG.

O último punto clave para opoñerse ó novo contrato é a cuestión do prezo. “Os contratos entre gandeiros e industrias xurdiron coa idea de equiparar a capacidade de negociación entre as partes, pero desde ese punto de vista son un engano, pois o produtor vai seguir sen ter capacidade de negociación e terá que aceptar o prezo que lle ofreza a industria”, apunta Vilalba.

Interese
Tanto o Sindicato Labrego como Unións Agrarias-Upa, que si votou a favor do novo modelo, cuestionan en calquera caso que as Administración estean a “sacar peito” da aprobación do contrato. “Non nos engañemos, o contrato é só unha ferramenta e o principal interese que ten é que as industrias que se acollan a el non poderán introducir cláusulas que non estean no modelo do contrato, é dicir, non poderán poñer cláusulas abusivas de xeito unilateral” -valora Román Santalla, de Unións Agrarias-. “A cuestión do prezo continúa sen resolver”, conclúe.

“O contrato impedirá que a industria introduza cláusulas abusivas de xeito unilateral” (Román Santalla, Unións)

Desde Unións Agrarias explican que tentaron que o novo contrato recollese un leite tipo en canto a calidades, pero sinalan que as industrias se negaron en redondo a debatir ese punto. “Chegaron a facer unha consulta á Comisión Nacional da Competencia, que lles dixo que non se podía establecer un leite estándar para regular os pagos” -sinala Santalla.- “Quixemos entrar nese punto, pero non foi posible”.

Así as cousas, a Interprofesional Láctea, tras o principio de acordo do martes, aprobou finalmente onte o novo contrato homologado. O contrato foi ratificado por Asaja, Upa e Cooperativas Agroalimentarias pola parte produtora, e por Fenil e Cooperativas Agroalimentarias pola parte industrial. Só Coag se opuxo ó pacto, polo que o acordo saiu adiante. Para paralizar o proceso era necesario que alomenos dúas organizacións votasen en contra do novo contrato.

O presidente da Inlac, Ramón Artime (Asaja), felicitábase onte polo acordo: “Desde a Inlac satisfácenos moito ter consensuado un documento único e claro que contribúa a darlle máis estabilidade e transparencia ó sector lácteo”.

Máis información
Modelo de contrato de compra venda de leite aprobado na Inlac

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información