O SLG insta á Xunta e á Axencia Tributaria a solucionar “os abusos fiscais” nas axudas de incorporación

O SLG insta á Xunta e á Axencia Tributaria a solucionar “os abusos fiscais” nas axudas de incorporación

O Sindicato Labrego Galego (SLG) ven de reunirse con responsables da Axencia Tributaria en Galicia e da Consellería do Medio Rural para demandarlles unha solución á “excesiva e contraditoria fiscalidade” que soportan as axudas de incorporación ao agro destinadas a xente moza.

En concreto, dende o SLG denuncian que “o que debía ser un estímulo para apoiar a incorporación de xente moza á agricultura, estase a converter nun vía crucis burocrático e impositivo no que as persoas beneficiarias deben enfrontarse a unha excesiva fiscalidade coa que chegan a perder até un terzo da axuda recibida e mesmo a ser multadas”. Ademais, estes “abusos” agrávanse cunha disparidade de criterios na aplicación dos tributos que xera auténticas situacións de desigualdade no trato.

“De feito, -explican dende o SLG- hai casos nos que estas subvencións se trataron como axuda de capital e noutros como incremento patrimonial, e tamén houbo situacións nas que á persoa beneficiaria se lle reclamou o imposto no mesmo exercicio no que se convocou a axuda, sen ter en conta que a certificación e o cobro da mesma se fai, na maioría dos casos, no ano seguinte”. Isto levou, segundo o sindicato, a que persoas beneficiaria renunciaran á axuda ou, finalmente, cobraran unha contía menor, ás que se lles obrigou a pagar igual.

Piden que mentres tanto se unifique o criterio de prorratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego, informan de que mantiveron nos últimos meses varios contactos con responsables da Axencia Tributaria, como a xuntanza na Coruña entre a delegada especial da AEAT en Galiza, Imelda Capote, e as técnicas do SLG María Ferreiro e María Vieites, para aclarar todas estas contradicións e abusos.

As anomalías tamén foron postas en coñecemento da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, nunha xuntanza mantida con ela esta mesma semana. E o mesmo transmitiu Xosé Ramón Cendán na xuntanza do Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) na Galiza, celebrado onte, 16 de xuño, en Compostela, e ao que asistiron representantes do Ministerio de Agricultura e da Comisión Europea.

Nestes encontros, o Sindicato Labrego instou aos diferentes responsables de administracións a realizar diante dos ministerios de Agricultura e Facenda as xestións necesarias para que estas axudas fiquen exentas de tributar impostos, “xa que fiscalizalas -advirten- atenta contra o seu espírito de apoiar a incorporación de xente moza e créalles dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez”.

E como medida transitoria, mentres non se regule esa exención, dende o SLG pídenlle á Axencia Tributaria que se unifique o criterio de prorratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación, tal e como xa fan algunhas administracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información