O Slg defende a suba do salario mínimo interprofesional no agro

O Sindicato Labrego Galego, diante da posición contraria á suba do salario mínimo interprofesional (SMI) das tres principais organizacións agrarias do Estado (COAG, ASAJA e UPA), quere manifestar “o seu total desacordo con esa postura”.

“Pola contra, o Sindicato Labrego apoia a suba do SMI de maneira rotunda, clara e inequívoca porque manter o salario mínimo no nivel actual supón legalizar a pobreza e a exclusión social e económica de miles de traballadores e traballadoras do agro”, subliñan a través dun comunicado.

Neste sentido, dende a organización agraria reivindican que os fondos da Política Agraria Común (PAC) se orienten cara a esta finalidade, “de maneira que non haxa necesidade de tirar dos orzamentos públicos do Estado ou das comunidades autónomas para garantir esa renda mínima básica para o agro”.

“Podería acadarse simplemente aplicando a PAC cun carácter social, repartindo os seus fondos realmente entre os labregos e as labregas, e non malgastando cantidades millonarias que van parar maioritariamente a familias terratenentes, latifundios, corporacións industriais, grandes empresas, especuladores e fondos de investimento”, engaden.

Ademais, recordan que “o Goberno ten potestade para lexislar, a través da reforma da Lei da Cadea Alimentaria, de cara a que os labregos e labregas perciban prezos polo produto do seu traballo que deixen unhas marxes de beneficio dignas e nunca baixen dos custes de produción”.

Tamén dende o Sindicato Labrego reclaman que “a pensión mínima digna se iguale co salario mínimo interprofesional porque, precisamente, as persoas na última etapa da súa vida é cando son máis vulnerables e precisan, máis que nunca, manter un nivel adquisitivo suficiente para vivir eses últimos anos sen perder a súa dignidade”.

“Facer da agricultura unha profesión digna e ben remunerada é un paso indispensable para conseguir frear o abandono do rural. De nada nos vai servir dotar de Internet ou conectividade 5G ao rural se a xente que vive no campo non ten cartos para custear eses servizos. As familias volverán ao rural se teñen un medio de vida digno para vivir nel; en caso contrario, teremos que afacernos a un campo cada vez máis abandonado para satisfacción de Ence, das compañías mineiras e da industria enerxética”, concluén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información