O Sindicato Labrego reclama aprazar as declaracións e liquidacións dos sectores agrarios

Pídelle á Axencia Tributaria que amplíe o prazo das tramitacións do primeiro trimestre ata o 20 de xullo para que se poidan realizar conxuntamente co segundo exercicio

O Sindicato Labrego reclama aprazar as declaracións e liquidacións dos sectores agrarios

O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitoulle á Axencia Tributaria unha ampliación extraordinaria do prazo das declaracións e autoliquidacións correspondentes ó primeiro trimestre deste ano para as actividades agrícolas e gandeiras. Con esta petición agardan que se poidan presentar conxuntamente coas tramitacións do segundo trimestre do exercicio, de modo que o prazo remate o 20 de xullo.

“Pensamos que é o único xeito de garantir un traballo rigoroso, que sen ir en contra da eficacia recadadora da Axencia Tributaria, resultaría beneficioso para un colectivo de contribuíntes, o das persoas que se adican á agricultura e á gandería que, nunha situación tan grave como a actual, están a traballar para garantir a produción de alimentos para o conxunto da cidadanía”, explica a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane.

Apuntan que a declaración do estado de alarma polo Covid19 está afectando dun xeito específico ás persoas que viven no rural galego, gran parte delas adicadas á agricultura e á gandería. Moitos dos problemas derivan das limitacións de mobilidade, xa que no rural adóitase precisar longos desprazamentos para acceder a servizos básicos. “Esta situación vai provocar grandes dificultades á hora de cumprir os prazos establecidos para as declaracións e autoliquidacións do primeiro trimestre”, indican dende o SLG.

Sinalan que, para moitos dos agricultores e gandeiros resulta case imposible realizar estes trámites de xeito telemático, a través da Sede Electrónica da Axencia Estatal da Administración Tributaria, ben sexa por carecer da formación suficiente para a realización dos trámites ou por carecer de conexión a internet ou ser de mala calidade. Recordan que, en moitas aldeas galegas nin sequera se dispón de cobertura móbil axeitada.

A imposibilidade de facer esta tramitación a través de internet leva a que se opte por facela a través de entidades xestoras, o que motiva que se fagan desprazamentos expresamente desaconsellados polo estado de alarma, para achegar facturas e documentación. Esta tramitación presencial tamén supón un risco tanto para os traballadores das entidades como para os contribuíntes, tendo en conta ademais que, moitos destes produtores conviven con persoas maiores, un dos colectivos sensibles.

Dende o Sindicato Labrego tamén recordan que tamén haberá dificultades para realizar as autoliquidacións a ingresar nas que non sexa posible a domiciliación, posto que as entidades bancarias reduciron a súa actividade ó mínimo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información