O Sindicato Labrego pide medidas de apoio para o sector do viño

A organización agraria reclama accións para fomentar a venda de viño galego e paliar a crise polo coronavirus así como a eliminación das restricións na viticultura de autoconsumo

Publicidade
O Sindicato Labrego pide medidas de apoio para o sector do viño

O Sindicato Labrego Galego pídelle á Consellería de Medio Rural accións concretas e directas para atallar a crise da viticultura derivada da pandemia do coronoavirus. Reclámanlle medidas tanto para os viticultores profesionais como a eliminación das restricións para os viñedos de autoconsumo.

“A preocupante situación actual, coa comercialización de viño colapsada polo peche da hostalería, pódese tornar catastrófica no momento que nos acheguemos á seguinte vendima e moitas adegas se atopen cos almacéns cheos de viño sen vender”, indican dende a organización agraria. Temen que esta situación provoque unha caída dos prezos e na compra de uva de cara a vindeira campaña.

Dende o Sindicato Labrego reclámanlle á Consellería que active unha potente campaña publicitaria que promova o consumo de viños galegos no propio fogar, ante o peche da restauración. “De nada nos servirán as compras que se poidan facer grazas á iniciativa de Mercaproximidade se despois os consumidores non mercan viño nos supermercados e comercios ou, o que é case peor, optan por denominacións de orixe non galegas como adoita acontecer”, explican.

Por outra banda tamén insta á Administración a redistribuír os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) para crear unha liña de axudas directas destinadas a paliar as previsibles perdas que sufrirá o sector vitivinícola. Consideran que esta partida se debe centrar en axudar á parte máis vulnerable, como son as pequenas adegas e a produción de uva.

Permitir o coidado dos viñedos

Ó mesmo tempo do Sindicato Labrego recrimina que se siga impedindo o coidado dos viñedos para autoconsumo ou como actividade non profesional, ó limitarse o acceso só ás ribeiras que están no mesmo termo municipal da persoa titular ou a 5 quilómetros como máximo se se atopan noutro concello.

“Esta norma denota un fondo descoñecemento da realidade galega, xa que a especial situación xeográfica dos cultivos de vide e a estacionalidade dos seus traballos e coidados favorecen o feito de que moitas persoas teñan viñedos a distancias moi superiores ás establecidas na orde da Consellaría de Medio Rural”, concretan.

Así, dende a organización agraria avogan por que se permita ás persoas que teñan viñedos poder coidalos e traballalos, con independencia da distancia á que se atopen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información