O Sindicato Labrego pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC

A organización agraria denuncia a falta de publicidade por parte da Consellería dunha resolución que determinará a contía das axudas da PAC ata o 2020 para máis de 30.000 profesionais do agro. O prazo de presentación de alegacións é dun mes, e estas deben facerse por vía electrónica. O Slg vai levar o tema á Valedora do Pobo

O Sindicato Labrego pide a ampliación do prazo para alegar os dereitos da PAC

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado 15 de novembro unha resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) pola que se daba publicidade á asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (PAC).

Para o Sindicato Labrego Galego, “trátase dunha resolución importantísima para as nosas granxas, xa que nela se fixan os dereitos en base aos cales se determinará a contía das axudas para máis de 30.000 labregos e labregas da Galiza no período 2014-2020, dándoselle ás persoas afectadas un mes de prazo para alegar ou facer reclamacións”.

Neste sentido, a organización agraria denuncia que “a pesares da importancia que ten esta resolución, a publicidade que se lle está a dar é moi deficiente”. En concreto, dende o Sindicato Labrego advirten de que “polo de agora, só se publicou no DOG, un medio para comunicar avisos oficiais ao que a maior parte dos e das profesionais da agricultura non accede case nunca; ademais, tampouco se avisou dende a Xunta que o DOG ía ser o medio para poñer en coñecemento das persoas interesadas a apertura do prazo de alegacións”.

15 días despois aínda empezan a chegar as primeiras cartas de aviso

Deste xeito, a organización labrega advirte de que “pasados quince días dende a publicación da resolución no DOG, están comezando a chegar aos domicilios das persoas interesadas as primeiras cartas de aviso por correo ordinario”. Neste sentido, e dadas as deficiencias do servizo de Correos no rural, o Sindicato Labrego alerta de que “é de prever que cando remate o prazo de alegacións miles de labregos e labregas sigan sen saber que o seu nome foi publicado no DOG cunha asignación de dereitos pola que xa non poderán reclamar”.
E no caso daquelas persoas que consultaron o DOG ou recibiron a carta “non lles foi comunicada información esencial sobre os dereitos asignados para poder saber se deben ou non reclamar, (….) para o que ademais é necesario necesario facer a comprobación por vía electrónica, un medio ao que non todo o mundo no rural ten acceso”, denuncian dende o Sindicato Labrego.

 “A Consellería ten que ampliar o prazo, como mínimo un mes”

Ante esta situación, “e para que este proceso administrativo se desenvolva con garantías para todas as persoas interesadas”, o Sindicato Labrego insta á Consellaría de Medio Rural “a ampliar un mes, como mínimo, o prazo para poder reclamar e presentar alegacións diante da asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (PAC)”.

O Slg presentará unha queixa ante a Valedora do Pobo

Para o SLG, o xeito de comunicar avisos oficiais por parte da Xunta nos sectores agrogandeiros, e a informatización de todos os procesos administrativos ligados, “marxina miles de labregos e labregas”. “Cómpre ter en conta que o agro galego está moi envellecido, cun 60% dos e das profesionais cunha idade superior aos 60 anos. Son persoas que non solen desenvolverse ben coas novas tecnoloxías ou carecen de ordenadores, smartphones ou conexión a Internet, polo que sofre unha indefensión absoluta e a súa marxinación respecto doutros colegas de profesión”, lembran dende a organización agraria.

Por este motivo, o gabinete xurídico do Sindicato Labrego Galego está traballando na presentación dunha queixa formal diante do Valedor do Pobo para que a Xunta habilite formas de comunicación e procedementos administrativos ao alcance da totalidade dos e das profesionais de agricultura para garantir a súa igualdade de oportunidades e dereitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información