O Sindicato Labrego e a Federación Rural Galega piden que se prohiba a caza do raposo na zona afectada pola praga da rata-toupa

O SLG alerta sobre os ataques directos da arvícola terrestris sobre as pradeiras, os silos e os cultivos e pide afrontar a crise cun plan de choque antes de que tome as dimensións acadadas na veciña Castela e León, onde xa afecta a máis dun millón e medio de hectáreas

Danos provocados pola rata toupa en rolos de silo de herba nunha explotación de Pedrafita do Cebreiro

Danos provocados pola rata toupa en rolos de silo de herba nunha explotación de Pedrafita do Cebreiro

A praga da rata-toupa, que está a afectar a varios concellos da montaña lucense, está a provocar danos ademais de nas pradeiras, nos rolos de silo acumulados polos gandeiros para alimentar aos seus animais nos vindeiros meses e en cultivos de inverno como os nabos, segundo alerta o Sindicato Labrego Galego. O SLG, o mesmo que a Federación Rural Galega (Fruga), esixen á Xunta que prohiba a caza do raposo, un predador natural da arvícola terrestris, na zona de afectación da praga.

Os últimos informes elaborados pola Consellería do Medio Rural coas declaracións de danos efectuadas polos agricultores e gandeiros da zona sobre a incidencia da rata-toupa constatan que están afectadas máis de 1.600 hectáreas, pero a cifra real podería chegar ás 2.000 segundo técnicos consultados polo SLG. Aínda que, até agora, os principais danos están a ser causados en praderías, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian estragos directos en granxas de Pedrafita do Cebreiro, con contiosas perdas na herba ensilada e na colleita de nabos.

O Sindicato Labrego considera “insuficiente” o trampeo e reclama un plan de choque que evite que a praga se siga extendendo

“Polo que puidemos saber, entre as medidas que planea a Xunta para facer fronte a esta praga está facer trampeo, en coordinación coas granxas”, afirma o SLG que, “sen discutir esta medida”, considera que vai resultar “insuficiente”.

Por iso, o Sindicato Labrego solicita a convocatoria dunha xuntanza cos axentes sociais dos sectores económicos e zonas afectadas pola praga para tentar “coordinar forzas” e buscar as mellores solucións a unha praga que, en comunidades veciñas como Castela e León, afecta a 1.610.000 hectáreas (o 20% da superficie da comunidade), causou 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia.

En Castela e León a arvícola terrestris afecta ao 20% do territorio e causou xa 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia

O SLG considera como unha das principais causas desta praga o descenso poboacional dos depredadores naturais destes roedores (por exemplo a donicela, o raposo ou as aves rapaces), sobre todo como consecuencia da caza, tanto legal como furtiva. Por iso, aseguran dende o SLG “é necesario que a Consellería de Medio Ambiente decrete a prohibición de cazar calquera especie depredadora natural das ratas-toupa nos concellos afectados e nos limítrofes, pois de continuar a presión sobre os seus depredadores o desequilibrio ecolóxico agudizarase e a crise empeorará”, argumentan.

Campionato de Caza de Raposo esta fin de semana en Triacastela

Precisamente xusto esta mesma fin de semana, está prevista a celebración do XXV Campionato Galego de Caza de Raposo, organizado pola Federación Galega de Caza na zona do monte Iribio, concretamente entre os concellos de Triacastela e Láncara, segundo aparece recollido na publicidade do certame emitida desde a entidade que aglutina ao groso dos cazadores de Galicia. A ubicación escollida atópase dentro da zona de afectación da praga, polo que tanto o Sindicato Labrego como a Federación Rural Galega reclaman a paralización deste campionato.

Danos provocados en pradeiras de Triacastela pola arvícola terrestris

Danos provocados en pradeiras de Triacastela pola arvícola terrestris

“A Xunta de Galicia debería prohibir cautelarmente este torneo e calquera outra actividade que ameace con crear un desequilibrio ecolóxico semellante ao do xabaril en toda Galicia”, afirman desde o SLG. “Neste caso o despropósito non pode ser maior, toda vez que o certame anual, que conta pór no monte máis de trescentas escopetas coa finalidade de abater o maior número de animais posible, cando é precisamente o raposo o principal elemento de control biolóxico desta especie de roedores, polo que unha cacería como a que se propón serviría para agravar aínda máis a situación e facilitaría a proliferación descontrolada da rata-toupa, co equivalente prexuízo económico para agricultores e gandeiros da zona”, opinan desde Fruga, que solicitan asemade “a retirada de calquera fondo público destinado á celebración deste campionato”.

A Federación Rural Galega fala de “irresponsabilidade da Administración”. “Ao mesmo tempo que se amparan e patrocinan certames como este, a Xunta promete acometer medidas, a día de hoxe aínda por determinar, e evita dotar orzamentariamente de axudas ás explotación afectadas polos roedores. Parece pesar máis o cada vez máis cuestionado aproveitamento lúdico derivado da entrega da xestión da fauna salvaxe aos colectivos de cazadores, que a defensa e protección de agricultores e gandeiros obrigados a apandar coas consecuencia da súa actividade”, denuncia Fruga.

Reclaman axudas directas para paliar os danos

Desde a Federación Rural Galega calculan que a proliferación incontrolada da arvícola terrestris  tería ocasionado a día de hoxe estragos por valor de “perto de dous millóns de euros” e reclaman da Administración galega “medidas urxentes de apoio ás explotacións afectadas”.

O SLG, pola súa parte, reclama a posta en marcha dunha liña de axudas directas para compensar os danos ocasionados, semellante á aprobada noutras comunidades autónomas afectadas, como é o caso das compensacións adoptadas en Asturias. “A Consellaría de Medio Rural non pode mirar cara a outro lado diante das perdas que están a sufrir as granxas e que, como puidemos ver, van máis alá dos prados, creando unha liña de axudas para compensalas. Ao fin e ao cabo, a permisividade da Xunta co exterminio indiscriminado dos predadores naturais da rata toupa fai que sexa, en parte, tamén responsable da crise”, argumentan.

Fruga calcula que a praga tería causado xa en Galicia danos por valor de dous millóns de euros

“O raposo e outros preeiros teñen un papel fundamental no mantemento do equilibrio ecolóxico dos ecosistemas dos que fan parte, así como no control de múltiples enfermidades que afectan á cabana gandeira galega”, aseguran desde Fruga. Entre as medidas adoptadas noutras comunidades da cornixa cantábrica contra a arvícola terrestris está precisamente o fomento de depredadores naturais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información