“O sector lácteo ten futuro, pero hai deixación na busca de solucións”

As organizacións agrarias coinciden no diagnóstico dun mercado que ven á deriva e sen timón. Demandan accións concretas para evitar que máis dun milleiro de granxas galegas sigan a vender por baixo dos 24 céntimos

“O sector lácteo ten futuro, pero hai deixación na busca de solucións”

As organizacións agrarias, descontentas coas penalizacións das industrias.

A ‘tormenta perfecta’ que se desatou sobre o sector lácteo hai algo máis dun ano prosegue sen perspectivas de solucións no curto prazo. Logo dunha campaña de baixos prezos, máis que de tormenta, o sector fala xa de diluvio. Hai preto de dous milleiros de granxas galegas que están a vender a menos de 24 céntimos, segundo as últimas estimacións de Unións Agrarias. Os prezos do resto tampouco son para botar foguetes.

As diversas organizacións agrarias pintan un sector lácteo á deriva, sen ninguén que colla o timón. “O sector lácteo ten futuro, pero hai inoperatividade das Administracións na busca de solucións”, cuestionou onte en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. Tres puntos centran as demandas das organizacións do agro.

1. Regulación estatal do mercado para non penalizar ás granxas galegas

A política de prezos e de recollida das industrias lácteas en Galicia non ten comparación co que sucede noutras zonas de España, cun diferencial de prezo que nalgún caso se vai ós 5 céntimos. As limitacións á produción tamén son especiais en Galicia.

Capsa (Larsa) paga en Galicia o 80% do leite que recolle nas granxas a un prezo de mercado e o outro 20% a un prezo B, menor, que está referenciado a produtos lácteos industriais. En Asturias non aplica esas restriccións. Reny Picot eleva nalgúns casos o prezo B ó 40% da recollida. E así máis industrias.

A produción galega medrou o 3%. Larsa penaliza o 20% das entregas con menores prezos e Reny Picot ata o 40%

Tal nivel de penalizacións contrasta co aumento de produción do 3% que houbo en Galicia na última campaña, menor ó aumento das entregas no conxunto de España, que se achegaron ó 4%.

As organizacións agrarias interpretan que as industrias están facendo recaer todos os custos da xestión de excedentes sobre as granxas galegas. É a única explicación para que arredor de 500 granxas en Galicia estean a cobrar o leite a prezos de leite en po, por baixo dos 20 céntimos, unha anomalía sen igual no resto do Estado e nas principais rexións produtoras da UE.

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar recentemente unha denuncia ante a Agencia de Información y Control Alimentario (AICA) para denunciar un abuso de posición de dominio das industrias lácteas en Galicia, o que vulneraría a Ley de Defensa de la Competencia.

O sector intepreta que as industrias fan recaer todos os custos de regulación de excedentes sobre Galicia

A AICA trasladou parte da denuncia á Comisión Nacional de Defensa da Competencia, un organismo que se caracterizou no pasado por fortes sancións ás industrias lácteas.

En canto a situacións particulares de prezos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, chama tamén a atención sobre o feito de que un proxecto avalado pola Xunta, coma o de Lasurgal (Melide), estea a día de hoxe pagando alomenos parte do leite cun prezo base de 20 céntimos. O sector agarda que o futuro desenvolvemento de Lasurgal, cunha liña de traballo enfocada á produción de queixos, poida correxir o problema.

2. Control sobre os prezos de compra da distribución

As estatísticas ministeriais sobre os supermercados revelan que os prezos do leite repuntaron lixeiramente desde setembro pasado. Os prezos no campo, pola contra, caen. “A conclusión é clara. Alguén estase quedando cos cartos e non son os gandeiros”, cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

A recente aprobación do decreto de prezos de cesión do leite permitirá coñecer os prezos de compra da distribución. Queda por ver se esa maior transparencia serve para cambiar a situación, vía sancións e presión dos Gobernos, ou alomenos para sacarlle os colores a algunha cadea.

O envasado de leite mercado a prezos de po representa unha competencia desleal e presiona á baixa os prezos que ofrece a distribución

As organizacións agrarias advirten de que as cadeas de distribución continúan presionando os prezos á baixa. “Tamén temos o problema de que hai industrias que mercan o leite no campo a prezos de leite en po, no entorno dos 20 céntimos, e despois, en lugar de destinalo a po, envásano nun brik e véndenllo ós supermercados, o que representa unha competencia desleal”, cuestiona García.

3. Intervención da Comisión Europea

A Comisión Europea está a lavarse as mans cos problemas de excedentes do mercado lácteo. A súa última decisión foi a de permitir que os Estados membros poidan establecer limitacións voluntarias á produción, unha medida sen perspectivas reais de aplicación no conxunto da UE.

A Comisión Europea lávase as mans. O sector, en contra de regulacións voluntarias da produción

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) reclamaron onte en nota de prensa unha regulación obrigatoria de mercado a nivel de toda a Unión Europea. É unha postura similar á que comparten o resto de organizacións agrarias. O sector entende que non tería sentido reducir a produción en España, en tanto outros países da UE continúan aumentando a produción e canalizando parte dos seus excedentes para España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información