O sector lácteo retoma as protestas polas dificultades de prezos e recollida

A Plataforma convoca unha concentración o xoves 31 de marzo en Santiago ante a sede da Consellería do Medio Rural. Prevé continuar coas mobilizacións en demanda de estabilidade para as granxas

O sector lácteo retoma as protestas polas dificultades de prezos e recollida

Mobilización gandeira ante a Xunta en setembro pasado. / Arquivo.

Os aumentos estacionais da produción de leite na primavera non fixeron máis que agravar as dificultades que xa estaban a pasar as granxas. O sector teme que a situación empeore a partir do 1 de abril, cando comeza a nova campaña láctea, polo que ante ese escenario, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo acordou convocar unha concentración para o xoves 31 de marzo en Santiago.

A protesta, que se fará diante da Consellería do Medio Rural, busca demandar garantías de recollida de todo o leite a prezos de mercado. O principal problema do sector céntrase en que as industrias non teñen capacidade para comercializar toda a produción, o que obriga a desviar parte da mesma para leite en po.

Os propios datos da Administración cifraban en 400 granxas as que a comezos de marzo estaban vendendo toda a súa produción para leite en po, un destino que se traduce en pagos no campo inferiores ós 20 céntimos por litro. Outra parte das explotacións tamén están a vender parte da súa produción a eses prezos.

O sector quere garantías de recollida para todo o leite a prezos de mercado. Non se trata só de que non quede leite no campo sen recoller, pois a prezos de leite en po a maioría tería saída, senón de que se busquen fórmulas para evitar ese escenario no que centos de granxas estean entregando o leite a prezos de ruina.

Apoios
A convocatoria de mobilizacións acordouse na tarde de hoxe luns nunha reunión da Plataforma que contou coa asistencia de Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Federación Rural Galega (Fruga), Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Oruga (Organización Rural Galega) e gandeiros en representación de diversas comarcas.

Non asistiron á reunión de hoxe da Plataforma nin Agromuralla, que si estivo na reunión anterior, nin a Organización de Productores de Leche (OPL), se ben a Plataforma contactará con ambas organizacións para valorar o seu posible apoio ás mobilizacións acordadas hoxe.

O sector decidirá o propio 31 o rumbo que teñen que tomar as protestas

A decisión da Plataforma de retomar as mobilizacións adoptouse tras as asembleas comarcais celebradas nas últimas dúas semanas tanto por parte da Plataforma como por parte das organizacións que a integran.

Próximas accións
Nas asembleas, constatouse o forte malestar dos gandeiros polas dificultades que atravesa o sector, aínda que está por ver se ese descontento se plasma nas mobilizacións. Na propia concentración de Santiago valorarase a continuidade das protestas e as accións concretas a emprender.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información