O sector gandeiro e a Xunta retoman contactos para abordar a crise do leite

Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e o Sindicato Labrego manterán un encontro este xoves coa Consellería de Medio Rural. Os prezos dos produtos lácteos industriais continúan á baixa

O sector gandeiro e a Xunta retoman contactos para abordar a crise do leite

Recente mobilización do Sindicato Labrego ante Logística Alimentaria. / Imaxe de arquivo.

O sector lácteo leva un 2015 marcado pola caída progresiva dos prezos en orixe ata niveis que se sitúan por baixo dos custos de produción. A ese problema hai que engadirlle as dificultades que atravesan as industrias para garantir a recollida de todo o leite que se produce. Esta situación de crise abordarase nunha reunión que manterán este xoves a Consellería de Medio Rural e as organizacións agrarias, que finalmente conseguiron un encontro conxunto coa Administración galega, pero non a convocatoria da Mesa do Leite, coas industrias, tal y como veñen pedindo desde hai meses.

O panorama xeral de cotizacións do leite sitúase no campo no entorno dos 27-28 céntimos, se ben as organizacións agrarias e as cooperativas levan un par de meses denunciando situacións puntuais de carácter extremo, con entregas a 17 céntimos e con media ducia de cooperativas que se viron con dificultades para atopar a quen venderlle o leite. Son varias as industrias que están reducindo a recollida e noutros casos estanlle a pedir ós gandeiros que moderen os seus aumentos de produción, como é o caso de Feiraco, segundo publicou onte La Voz de Galicia.

O fin das cotas lácteas, que levou a parte dos gandeiros a aumentar a produción, e os habituais excedentes primaverais, xeraron unha mala situación de mercado para a que o sector busca solucións.

Contratos
A modificación do sistema de contratos lácteos entre industrias e gandeiros para pactar prezos e volumes de entrega con carácter estable, a un ano vista, non está a funcionar, segundo denuncian os produtores. As organizacións agrarias teñen presentadas denuncias contra varias industrias polas irregularidades que ó seu xuízo se están a producir cos contratos, se ben polo de agora a Administración non se pronunciou.

Nas reunións periódicas que o Ministerio de Agricultura vén mantendo cos representantes de industria e produtores, o departamento de Isabel García Tejerina comprometeuse a estudar os casos denunciados. En Galicia, as organizacións Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego amosaranlle á Xunta tamén o seu descontento polas ofertas de leite a baixos prezos que se están a detectar nas cadeas da distribución comercial, unha situación que entenden que debe perseguir a Administración autonómica.

Prezos dos produtos lácteos industriais
As cotizacións internacionais do leite en po e da manteiga continúan coa tendencia á baixa das últimas semanas. No Global Dairy Trade, unha subasta internacional organizada dúas veces ó mes pola multinacional neozelandesa Fonterra, rexistrouse onte unha caída media do 4,3%, con baixadas significativas en leite en po, manteiga e outros produtos. Sen embargo, malia situación á baixa da maioría dos produtos, hai outros índices que están a experimentar repuntes en Europa, caso do queixo cheddar ou dos índices de cotizacións de leite de Holanda e Italia.

O Observatorio do Mercado Lácteo da UE sinala unha demanda alta no mercado e destaca o dato de que o primeiro trimestre do ano se pechou na UE cun aumento de exportacións lácteas do 1,5%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información