O sector da xardinaría e da planta ornamental cítase o 4 e 5 de marzo en Tomiño

O sector da xardinaría e da planta ornamental cítase o 4 e 5 de marzo en Tomiño

Edición anterior da Mostra de Cultivos

Data inicio: 04/03/2017
Data fin: 05/03/2017
Lugar: Auditorio de Goián, Pontevedra, España

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño amosará o próximo fin de semana en Tomiño as últimas innovacións en xardinería e planta ornamental. O evento está organizado por AcuBam en colaboración co Concello de Tomiño e celebrarase no Pavillón de Goián, cun amplo programa de actividades tanto para profesionais como para o público xeral.

O número de expositores supera as 30 empresas, entre socias de AcuBam, empresas convidadas de Portugal e institucións. A presenza por primeira vez de entidades como Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería) ou Cosagro, principal directorio de empresas do sector verde español, reafirman o carácter empresarial da mostra.

Xornada do sábado para profesionais

Como ven sendo habitual en pasadas edicións, a xornada do sábado terá un marcado carácter profesional. Un debate aberto sobre a “Realidade do sector hoxe” será o punto de encontro para todos os profesionais asistentes. Intervirán Antón Vázquez Caamaño, inspector de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia; José Collazo, xerente de Viveiros Río Tollo; Venancio Outeda, xerente do centro de xardinería O Piñeiro, e Emilio Estévez, xerente de Coplant.

A continuación, realizarase a presentación do “Plan Estratéxico e operativo para a mellora da competitividade e valorización dos sectores planta ornamental e flor”, un estudio froito de moitos meses de traballo que implica a multitude de entidades relacionadas co sector agrario da comarca.

A mañá quedará pechada co acto de inauguración oficial da Mostra 2017 ás 12:30 h.

Durante toda a tarde, Cerne Arboricultura realizará unha espectacular exhibición de poda en altura.

Conferencia de Íñigo Segurola, presentador de Bricomania e Decogarden

Un dos pratos fortes desta edición será a conferencia para profesionais a cargo de Íñigo Segurola, director, realizador e presentador da sección de xardinería no programa Bricomania e Decogarden, en Tele 5 e TVE 2. A charla será ás 16:30 horas e versará sobre novos modelos de xardín onde as vivaces adquiren a centralidade e onde o aporte textural e colorista tras a floración chega a ser sublime.

Tamén a partir das 16:30 h. celebraranse as “II Xornadas técnicas formativas da auga” no Auditorio de Goián.

Para rematar a xornada do sábado, membros do comité organizador da Mostra presentarán “acuBam Innovación 2017”, o stand de novidades que promove a competitividade e mellora empresarial do sector. Oito empresas participan cunha gran variedade de propostas.

A xornada do domingo está orientada ao público xeral

Pola mañá presentaranse “As nosas amigas as plantas IV”, para que todo o público asistente poida ver os traballos realizados polos escolares durante o proxecto de educación ambiental levado a cabo este ano polos lugares máis emblemáticos da natureza tomiñesa.

A continuación, a conferencia de María Martínez Abraldes sobre o “Plan revitaliza: xestión de materia orgánica mediante a compostaxe”. Falará das enormes posibilidades do tratamento correcto dos restos orgánicos.

Pola súa parte, Íñigo Segurola fará unha demostración en directo de diferentes aspectos relacionados co coidado das plantas a partir das 17 h. “Pasión por el verde” será un programa en directo do famoso presentador.

Durante toda a xornada do domingo

O alumnado do ciclo forestal do IES Antón Alonso Ríos ofrecerá paseos guiados pola Mostra para os visitantes, baixo o título “As plantas cóntanos os seus segredos”.

Cerne arboricultura continuará coa exhibición de poda en altura. Os máis cativos poderán divertirse e aprender xogando xa que haberá un inchable, o Bus de Reciclaxe Ecoembes e o Gran Xogo de reciclaxe.

Os artistas da comarca do Baixo Miño encherán un ano máis a Mostra coas súas creacións relacionadas co sector verde. Pintura: Orlanda Gomes, Jose Luis Rodríguez, Naa Martínez, Freda Mills P, Libia Domínguez. Escultura: Luis 7, Xurxo Malone, Adrián Pena I, Ignacio Moure

Ás 19:00 h. a presidenta de AcuBam, viveiristas, colaboradores e autoridades políticas clausurarán oficialmente a Mostra 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información