O sector cunícola, preocupado polo cese da restauración e a caída das exportacións

Granxas e matadoiros recuperan os ritmos de produción tralos picos de consumo do comezo da crise do coronavirus. Preocupa a baixa demanda do mercado tradicional

O sector cunícola, preocupado polo cese da restauración e a caída das exportacións

O sector cunícola comeza a recuperar os ritmos de produción habituais logo dos picos de demanda que se produciron nos primeiros días da corentena, tras decretarse o estado de alarma polo coronavirus. “O sector tivo que realizar un enorme esforzo para garantir a regularidade no subministro, asegurando en todo momento a máxima seguridade para os traballadores”, apunta Mari Luz Santos, coordinadora da Organización Interprofesional para impulsar o sector cunícola (Intercun).

“O sector tivo que realizar un enorme esforzo para garantir a regularidade no subministro”: Mari Luz Santos, Intercun

A situación actual tanto nas granxas como nos matadoiros é de certa normalidade, logo de incrementarse os protocolos de prevención para evitar o contaxio do Covid19. “Se non se producen positivos nas industrias ou se se consegue xestionalos adecuadamente, todo apunta a que non haberá grandes dificultades para seguir abastecendo o mercado”, indican dende Cogal, un dos principais matadoiros de coellos en Galicia, cunha produción anual de 6 millóns de coellos e cunhas 180 granxas tanto na comunidade como en zonas limítrofes.

“A produción segue con certa normalidade, pois o subministro de pensos nas granxas e as ventas nos matadoiros a penas sufriron cambios”, informan dende a Asociación Española de Cunicultura (Asescu). No campo confirman tamén a normalidade. “Na granxa seguimos traballando con certa normalidade, extremando as precaucións para evitar contaxios”, explica María Antonia Ramos Almansa, copropietaria xunto co seu fillo, dunha granxa de coellos en Rodeiro (Pontevedra).

Picos de demanda

Nos primeiros días do estado de alarma, e mesmo nas xornadas previas a coñecer as medidas que implicaba, xa comezou a notarse un incremento da demanda por parte do mercado, sobre todo nos supermercados. “Nos primeiros días, houbo cadeas de supermercados que nos chegaron a demandar un 300% máis da cantidade habitual”, explica Juan Castro, xerente de Cogal.

“Houbo cadeas que chegaron a demandar un 300% máis de carne que habitualmente”: Juan Castro, xerente de Cogal

Para atallar a demanda crecente, leváronse a cabo axustes na produción como adiantos no sacrificio de animais máis novos. “Aínda que o coello ten un ciclo de produción moi longo, si temos unha pequena marxe de regulación da produción”, indican dende Cogal. Ó igual que este matadoiro de Rodeiro (Pontevedra) outras firmas optaron por realizar estes axustes. “Nalgúns casos adiantáronse as recollidas nas granxas e houbo unha maior intensidade do ritmo de traballo nas instalacións de transformación e despece”, informan dende Intercun.

A día de hoxe a demanda por parte do canal de supermercados segue forte, aínda que xa estabilizada e o sector teme agora que se produza unha tendencia á baixa, sobre todo ó prolongarse as medidas de confinamento durante a Semana Santa, un dos momentos do ano onde se produce un incremento das ventas. “Nesta época adoita haber un repunte de ventas, tanto no mercado exterior como no interior debido á Semana Santa, que evidentemente este ano non se vai producir na mesma medida”, evidencian dende Asescu.

O peche da hostalería

Ó igual que o resto de sectores da alimentación, no caso do coello tamén están a notar o peche da hostalería, xa que boa parte da produción destínase a esa fin. De feito, aínda que as fronteiras se manteñen abertas para as mercadorías, o peche da restauración en boa parte do mundo fixo que as exportacións tamén caeran considerablemente. “Case toda a nosa produción conxelada, que se destina principalmente para a hostalería internacional, está paralizada”, explican dende Cogal.

Arredor do 11% da produción española de coello dedícase á exportación

Aproximadamente o 11% da produción española de coello destínase á exportación e estase a notar unha baixada significativa dos pedidos, como coinciden en sinalar dende Asescu.

Ademais, xurdiron certas dificultades na loxística, xa que os transportes cara outros países afectados polo coronavirus provocan certa preocupación: “Cando se envía mercancía a outras zonas afectadas hai certa incerteza ante a posibilidade de contaxio dos propios transportistas”, concretan dende Cogal.

Puntualmente tamén houbo certa escaseza dos contedores empregados para as exportacións e o seu prezo foi superior ó habitual. “Parece que pouco a pouco este problema foise atallando”, indican dende Intercun.

O gran prexudicado está a ser o mercado tradicional, onde as ventas de coello se reduciron notablemente co peche da hostalería

O mercado tradicional, centrado principalmente nas carnicerías e na hostalería está a ser un dos grandes damnificados, posto que as ventas de coello a través desta canle reducíronse moito. “A xente está optando por mercar nas grandes superficies e as carnicerías están vendo mermadas as súas ventas”, informan dende o sector.

Preocupación polos prezos

As tres faltas de mercados importantes: a exportación, a restauración e o mercado tradicional, fan temer unha baixada do prezo da carne de coello unha vez que a demanda particular se estabilice e se as corentenas se prolongan no tempo. “Agardamos que non cheguen a producirse baixadas e que o sector poida aguantar, tendo en conta que é un produto cunhas caducidades curtas e que a conxelación da carne non é unha opción”, indican dende Cogal.

O prezo da carne de coello mesmo experimentou unha lixeira suba, habitual nesta época do ano, onde se produce un repunte. De feito, segundo os datos manexados dende Asescu o prezo do mercado sitúase en valores similares ós do ano pasado nestas datas. Na Lonxa de Madrid, o prezo mantíñase sen cambios con respecto á semana anterior e o quilo do coello cotízase a 1,95 euros.

Evolucion-prezo-do-coello-coronavirus-Asescu_-

Evolución do prezo medio da carne de coello.

“Nestes momentos, os produtores estamos facendo un esforzo moi importante por seguir abastecendo o mercado, asumindo un riscos e con medo ante os contaxios, por iso máis que nunca precisamos que os consumidores tamén o teñan en conta e consuman produto nacional”, recorda María Antonia Ramos, que ademais preside a asociación de produtores galegos de coello, Progacun.

“Máis que nunca precisamos que o consumidor apoie ós produtores locais e merque produto nacional”: Maria Antonia Ramos, Progacun

Á marxe da baixada da demanda, os produtores temen que chegue a producirse un incremento dos prezos das materias primas dos pensos. “Estamos nun sector no que estamos traballando xa cuns marxes mínimos entre o prezo de venta e o de produción, polo que unha suba dos pensos podería causar moito dano ós produtores”, apunta Ramos. Porén, polo momento non se detectaron incrementos nos prezos nin problemas de abastecemento nin de materias primas nin en medicamentos, polo que a produción nas granxas continúa con certa normalidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información