O sector cunícola galego fórmase para minimizar o uso de antibióticos

O sector cunícola galego fórmase para minimizar o uso de antibióticos

Evialis Galicia, empresa especializada en alimentación animal, organizou este mércores na vila ourensá de Allariz unha xornada técnica para o sector cunícola baixo o título “A desmedicalización: ferramentas”, ao redor da cal congregou a máis dun cento de asistentes.

O foro, dirixido principalmente a profesionais do sector, contou coa participación de media ducia de expertos en calidade de relatoras, que divulgaron principalmente claves para que o sector afronte con éxito a desmedicalización nos pensos, necesaria para axustarse á nova normativa comunitaria.

O director xeral de Evialis Galicia, Francisco Nomdédeu, puxo en valor a relevancia do sector cunícola dentro do sector primario ourensán, en particular, e galego, en xeral. Galicia conta con 230 granxas de coellos, das cales 74 sitúanse na provincia de Ourense.

Para axudar ao sector a facer fronte aos desafíos de futuro, Evialis decidiu organizar por terceiro ano consecutivo esta xornada técnica. Ademais do asunto da desmedicalización, mediante a minimización do uso de antibióticos, no foro fíxose fincapé en como combater patoloxías frecuentes que preocupan especialmente ao sector como pode ser o caso da estafilococia, a presenza de abscesos, a pododermatite ou mal de patas, a dermatite supurativa e a mastite, entre outras.

Reducir as cifras de mortaldade na cría de coellos é unha clave importante para rendibilizar as explotacións. Neste sentido, quedou de manifesto na xornada que a cuestión da rendibilidade e o acceso a crédito é outra das preocupacións fundamentais do sector.

Tratamento antibiótico en auga

Na súa intervención, o veterinario especialista en cunicultura Javier Saavedra, abordou a cuestión do tratamento antibiótico en auga no ámbito da desmedicalización de pensos. O relator presentou os diferentes tipos de bebedoiros existentes no mercado e explicou que unha correcta medicación en auga esixe precisión na
dosificación, á vez que presenta un menor risco de contaminación cruzada.

Saavedra destacou que no caso da medicación en auga “medir é mellor que estimar” e presentou diversas ferramentas que permiten a subministración exacta das cantidades de medicamentos prescritas, entre as que avogou polo dosatron (un sistema dosificador de propulsión hidráulica).

Ani Muñoz Bello: “É fundamental o envío de mostras a laboratorio para un diagnóstico diferencial”

Pola súa banda, Ani Muñoz Belo, veterinaria do laboratorio Exopol falou sobre diagnóstico de laboratorio, unha ferramenta indispensable para un tratamento correcto. No transcurso do seu relatorio, esta experta explicou aos asistentes que medidas tomar no caso de que padezan nas súas granxas brotes de determinadas patoloxías.

Neste sentido, o envío de mostras ao laboratorio para realizar diagnósticos diferenciais “é unha cuestión fundamental”. Muñoz Bello detallou de que maneira é necesario identificar esas mostras para a súa remisión a laboratorio e como se realiza a súa toma.

Como afrontar a estafilococia

Juan Manuel Corpa Arenas, catedrático da Universidade CEU Cardenal Herrera de Moncada (Valencia),  e presidente da Asociación Española de Cunicultura, falou sobre Revisión das infeccións provocadas por staphylococcus aureus en coellos. A estafilococia é unha das patoloxías que máis preocupa ao sector. Trátase dun problema grave orixinado por unha bacteria, que en principio afecta a nivel tópico, producindo mamite, abscesos ou mal de patas, e agravándose, xa que penetra por vía sanguínea e provoca septicemias e problemas respiratorios e elevadas mortalidades. O relator explicou que nos casos máis graves “o tratamento efectivo non é posible”, aínda que “a limpeza e desinfección xeneralizadas de gaiolas, materiais e instalacións” é fundamental tanto para previr os brotes como para reducir a súa afectación.

Juan Manuel Corpa Arenas: “A limpeza e a desinfección xeral é clave”

Finalmente, Eva Vázquez, técnica de cunicultura en Evialis Galicia, abordou o uso de aditivos en cunicultura. Vázquez comezou a súa intervención sinalando que “deberiamos deternos a pensar se é normal e asumible que moitos coellos estean a recibir tratamentos de forma sistemática”. A experta avogou por que as fórmulas de pensos para coellos inclúan aditivos nas súas fórmulas, e puxo en valor os produtos de Evialis Galicia.

“Os nosos pensos son enerxéticos, cunha menor proteína de moi boa calidade e abundantes vitaminas e aminoácidos, conseguindo unha óptima fertilidade e prolificidade .En cebo usamos fibras dixestibles, o que mellora a dixestibilidade do penso”, detallou.

Xunto a isto, diversos veterinarios como Xavier Mora, Francisco Javier Piqué ou a propia Ani Muñoz Bello participaron nunha mesa redonda na xornada na que expuxeron casos clínicos reais e que contou coa participación do público, a través de diversas preguntas en relación aos mesmos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información