O rexurdimento do cabalo galego como xestor do monte

A redución do risco de incendios co control da biomasa, a mellora dos pastizais ou a conservación da biodiversidade son algunhas das aportacións das bestas que están a espertar o interese das comunidades de montes, logo de anos de declive das poboacións de garranos

O rexurdimento do cabalo galego como xestor do monte

Grea de cabalos nos montes de Sabucedo (A Estrada). // Foto: Laura Lagos.

Nos anos 70, os datos oficiais apuntaban a que Galicia contaba con 22.000 cabalos bravos nos montes. Hoxe, segundo indican os expertos, este número reduciuse drasticamente e estímase que quedan arredor da metade. Aínda así, trátase da poboación de cabalos salvaxes máis importante de Europa.

Galicia conta coa poboación de cabalos salvaxes máis importante de Europa

“É un valor en si mesmo contar cunha poboación tan destacada de cabalos en liberdade, pero non se valora como debera”, indica Laura Lagos, investigadora da Universidade da Coruña e que participou no proxecto GOI Bestas, un estudo levado a cabo durante os últimos tres anos que precisamente procura a posta en valor destes animais dende distintas perspectivas.

Proxecto-GOI_-Manada-Cabalos-bravos-_-Laura-Lagos-

Unha grea de cabalos e poldros nos montes galegos. // Foto: Laura Lagos.

Que aporta contar con cabalos no monte?
A presenza de cabalos no monte veuse reducida nos últimos anos principalmente porque foron abandonándose moitas das prácticas que implicaban a estes animais, así como polo avellentamento da poboación, a despoboación que afecta ó rural galego ou distintas trabas administrativas, como apuntan os expertos.

“Fóronse perdendo algúns dos usos que tiñan estes cabalos como os traballos agrícolas, o seu uso nos desprazamentos ou o aproveitamento das crinas. Hoxe en día, só se conserva a venda de poldros, que ademais teñen un prezo moi baixo, o que fai pouco rendible a actividade. Pero as bestas ou garranos teñen un gran potencial para outros aproveitamentos”, indica Laura Lagos.

“Os cabalos galegos son grandes consumidores de toxo. Hai dez anos, as comunidades de montes non valoraban o seu uso, pero agora cada vez hai máis interese neles” (Laura Lagos)

Tal e como recolle esta investigación, as bestas bravas poden ter aínda hoxe en día un papel destacado para a xestión dos montes. O cabalo galego ten unha alimentación equilibrada a base de toxos e herbáceas, polo que contribúe a reducir e manter controlada a biomasa. “Os cabalos galegos son grandes consumidores de toxo”, apunta a investigadora Laura Lagos. De feito, no proxecto, grazas ó emprego de ferramentas de seguimento, conseguiron coñecer as áreas vitais nas que permanecen os cabalos, o que lles deu tamén información sobre a dieta.

Esta observación permitiulles determinar que en zonas como Sabucedo, unha manda de 10-20 bestas mantense fiel a unha área de campeo que pode abranguer entre 200 e 500 hectáreas. Estes datos non implican que a biomasa estea totalmente controlada con este número de animais, posto que, como explica Lagos, as áreas de campeo das greas mostran certa superposición.

Proxecto-GOI_-Area-Campeo-Cabalos-Sabucedo_-Laura-Lagos-

Área vital de cabalos bravos nos montes de Sabucedo, A Estrada. // Laura Lagos.

Así, por exemplo, nos montes de Sabucedo, hoxe contabilízanse arredor de 255 bestas adultas nun área de máis de 3.000 hectáreas na que, aínda que os cabalos contribúen enormemente, non abondan para manter controlada a vexetación. “Faría falta unha maior densidade de poboación e hai que ter en conta que antes estes montes tamén estaban aproveitados por outras especies”, concreta a investigadora.

A eficiencia destes animais á hora do control da biomasa convérteos nun aliado na prevención de incendios forestais, ó contribuír a manter os montes máis limpos. “Hai que ter en conta que o cabalo non só come os brotes dos toxos senón a madeira”, apunta a investigadora. Por iso, o emprego de cabalos para os desbroces á par de ser un método máis sostible permite aforrar custos.

“Hai 10 anos non se contemplaba como unha alternativa, pero agora cada vez hai máis interese por parte de comunidades de montes, que ven no cabalo unha alternativa”, concreta a investigadora. Esta tendencia a recuperar o uso do cabalo estase sentindo tamén en Europa, onde cada vez se dan máis pasos para a posta en valor destes animais.

Cabalo-bravo-Sabucedo-comendo-toxo-Laura-Lagos-

Os cabalos bravos son grandes consumidores de toxos, tanto de brotes como da madeira. // Foto: Laura Lagos.

Á par do control da biomasa no monte, o Centro de Investigacións Agroforestais de Mabebongo (Ciam), que foi outra das partes implicadas no proxecto, afondou sobre as vantaxes que supón a presenza de cabalos para a rexeneración dos pastos de montaña. Segundo as observacións dos investigadores, naquelas pradeiras dedicadas á alimentación do gando vacún onde os cabalos paceron durante o inverno, o rebrote do pasto é máis exitoso, posto que as bestas fan un mellor aproveitamento.

Nesta liña, xa se están dando as primeiras experiencias de rexeneración da pradeira con cabalos nos montes do Xistral, (Lugo). Asimesmo, o cabalo salvaxe tamén é un aliado para o gando vacún fronte á fauna salvaxe, posto que a súa presenza nos montes reduce a incidencia dos ataques dos lobos sobre becerros e vacas.

Os cabalos bravos son fundamentais para a conservación de hábitats de interese comunitario como son as uceiras húmidas

Os cabalos xogan tamén un papel fundamental para a conservación de hábitats de interese comunitario como son as uceiras húmidas, segundo apunta o investigador da Universidade da Coruña Jaime Fagundez. “Os cabalos son indispensables para unha boa conservación destes espazos en Galicia, polo que a administración debería valoralo para favorecer a presenza de cabalos nos montes”, indica.

Outro dos valores dos cabalos salvaxes é o seu atractivo turístico e etnolóxico. “Á parte dos curros, que serven como unha cita turística de achegamento a estes animais, o turismo de natureza e observación dos animais no seu espazo natural tamén podería pórse en valor e aproveitarse”, engade Lagos.

 Ferramentas para mellorar o seu manexo no monte

Uno de los animales con los collares de localización que probaron en el proyecto. // Foto: Laura Lagos.

Un dos animais co collar de localización que probaron no proxecto. // Foto: Laura Lagos.

O proxecto GOI Bestas levouse a cabo durante os últimos tres anos impulsado pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a firma 3edata. Ademais, tamén colaboraron outras entidades involucradas na cría de bestas salvaxes en Galicia como a Asociación de Gandeiros de Cabalos da Groba e a Comunidade de Montes de Carballo, o que permitiu lograr información directa e de utilidade sobre estes animais.

Colocar un colar GPS por grea permite monitorizar ós animais cada hora e detectar calquera desprazamento de risco cara estradas, prados ou hortas

No marco do proxecto, probáronse diferentes ferramentas para mellorar o manexo no monte. “Cada vez quedan menos besteiros e o manexo dos animais faise máis difícil, por iso tamén tentamos estudar alternativas que poidan facilitar o control das greas”, apunta Laura Lagos.

Unha das ferramentas que probaron foi o emprego de colares de localización dos animais por GPS. Segundo a experiencia no monte, os colares poden emitir a posición dos animais e transmitila ó móbil cada hora, co que as baterías dos dispositivos aguantarían un ano. Isto facilita a labor á hora de buscar as novas crías ou para ter controlada a grea e evitar que acedan a zonas onde poidan causar problemas, como hortas e prados ou estradas. “Ter os animais localizados deste xeito permite reducir os riscos e aporta información sobre as rutinas e movementos dos cabalos”, concreta a investigadora.

Abonda con colocar un colar por grea, aínda que como sinala a experta, é preciso coñecer ben a grea para seleccionar o animal ó que se lle coloca. Na súa experiencia cos colares, a penas rexistraron incidencias e elaboraron un manual práctico de recomendacións para aqueles besteiros interesados en probalo sistema.

Proxecto-GOI-localizar-cabalo-con-dron-_-Laura-Lagos-

Localización de cabalos nos montes mediante o uso de drons. // Foto: Laura Lagos.

O uso dos drons foi outra das ferramentas que probaron tanto para controlar a manda e tentar cambialas de sitio como para a súa localización no monte. “É moi importante non abusar do emprego dos drons para mover as greas, xa que os animais poden rematar acostumándose, polo que só se debe facer en casos moi puntuais”, advirte Lagos.

Ademais, dentro do proxecto, a empresa 3edata e a Universidade da Coruña tamén estiveron a traballar na elaboración dunha ferramenta dixital, baseada na cartografía de hábitats, que permita facer unha clasificación do tipo de vexetación. Esta catalogación pode ser de utilidade para a introdución de mandas de cabalos ou para determinar as áreas en función do risco de incendio.

Realizaron probas para atopar alternativas ó marcado dos cabalos en quente que foran máis visibles e menos agresivas para o animal

Xunto a estes avances, dende o CIAM tamén levaron a cabo unha investigación sobre as alternativas que se presentan para diferenciar os cabalos no monte e poder identificar a que besteiro ou comunidade pertencen. Ata o de agora a marca máis empregada está a ser a realizada cun ferro quente. O estudo buscaba non só unha marca máis visible senón tamén unha alternativa menos agresiva para o cabalo.

Avaliaron a colocación de crotais ou as marcas en frío, mediante o emprego de nitróxeno líquido, pero as primeiras avaliacións determinan que ningunha das alternativas resulta máis viable á marca en quente. Dado que os cabalos empregan as orellas para se comunicar, o uso dos crotais é unha opción que non convence porque pode interferir no comportamento dos animais. Tampouco a marcaxe en frío resultou mellor opción, posto que aínda que implica unha redución da dor ó animal, require un maior tempo de inmovilización para unha correcta marcaxe, segundo documentaron outras investigacións.

2 ideas sobre “O rexurdimento do cabalo galego como xestor do monte

  1. Santiago Bas López

    Felicitacións polo traballo. Unicamente quero facer unha aclaración:
    Nos anos 1970 – 80 censáronse uns 22000 garranos salvaxes. No 2011 cifrábanse en 17000. O declive realmente acontece ca aplicación do Decreto de Identificación Equina (142/12 de 14 de xuño) da Xunta de Galicia, en 2012. De 17000 estimados en 2011 pasaron a quedar apenas 8000 actualmente.
    Evito entrar a expoñer máis detalles: Con dito decreto uns 9000 garranos salvaxes foron ao matadeiro.
    A Xunta cometeu o gran erro de consideralos como animáis domésticos e as consecuencias son evidentes.

    Contestar
  2. antonio sanchez

    Excelente traballo.Quero comunicar que no ano 2011 presentei a minha tese de doutoramento,elaborada no Departamento de Parasitoloxia da Facultade de Veterinaria de Lugo,que trata de un metodo novedoso e de interés para a desparasitacion de Cabalos do Monte.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información