O resinado aséntase como actividade complementaria no monte galego

As experiencias de extracción de resina difúndense por toda a comunidade. Unha das apostas fortes é a da comunidade de Baroña, en Porto do Son, que este ano resinará 15.000 piñeiros

O resinado aséntase como actividade complementaria no monte galego

Ensaio do Centro de Investigación Forestal de Lourizán en Maceda, Ourense.

A resinación de piñeiros comezou a recuperarse en Galicia a partir do 2014, cunhas primeiras experiencias puntuais que se foron extendendo ano a ano. No 2016 recolléronse xa unhas 20 toneladas de miera, que se duplicaron o pasado ano, ata chegar a 40 toneladas. A perspectiva para o 2018 é que o resinado siga consolidándose no monte galego como unha actividade complementaria, aínda que sen que haxa un ‘boom’ do aproveitamento.

Os prezos estables da resina, en torno a 1 euro / quilo, permiten que a súa extracción teña un interese como complemento, pero son prezos insuficientes para garantir unha rendibilidade como traballo a tempo completo. “En Galicia, a produtividade dos piñeiros en resina non ten que envexarlle nada ás grandes zonas produtoras, como Castilla y León. Pódense sacar entre 3 e 4 quilos por piñeiro e ano O problema é o prezo” -valora Edgar Fernández, un dos pioneiros do resinado en Galicia.- “É un traballo laborioso, artesanal e que non ten unha remuneración suficiente”, considera.

“É un traballo laborioso e sen unha remuneración suficiente. Pode funcionar como complemento, pero non como actividade principal” (Edgar Fernández)

Edgar, que colabora co Centro de Investigación Forestal de Lourizán en ensaios de resinado, desenvolve tamén traballos silvícolas e mantén o resinado de piñeiros como un complemento. “Este ano estou resinando en torno a 2.500 piñeiros nas comunidades de montes coas que viña traballando en Caldas de Reis e Catoira” -explica-. “A campaña comezou mal pola prolongación do inverno, con baixas temperaturas e chuvias, Poidemos baixar en produción un 30-40% en relación ó pasado ano, que foi moi bo, pero contamos con recuperar parte do perdido nos meses de verán”.

Porto do Son
As iniciativas de resinado extendéronse nos últimos anos por toda a comunidade, con arredor dunha vintena de personas desenvolvendo experiencias en distintos puntos (Santiago, Ortigueira, Muxía, Friol, Mondoñedo, etc.). A aposta máis forte por facer do resinado unha actividade rendible no monte está a dala a comunidade de montes de Baroña, en Porto do Son, que se iniciou o pasado ano coa resina e que este ano prevé aproveitar arredor de 15.000 piñeiros.

En Porto do Son traballan este ano na extracción dúas persoas contratadas pola comunidade e un resineiro, Xián Santos, que igual que Edgar, é dos pioneiros en traballar coa resina en Galicia. “A campaña este ano comezámola tarde, en maio, pero xa fixemos unha primeira recollida en arredor de 2.000 pinos, con bos resultados”, destaca Xián.

“O resinado é de interese para os montes veciñais pola presenza e vixilancia que se mantén no monte no verán” (Xián Santos)

“En Galicia, podemos pensar en extraer unha media de 3 quilos por piñeiro, quizais algo menos o primeiro ano, 2,5-2,7 Kg., e algo máis en piñeirais que polo seu microclima ou outras características poidan chegar a producións maiores, de ata 4 quilos, como foron as producións que logrei en Mourente (Pontevedra)”, explica Xián.

De xeito paralelo o seu traballo en Porto do Son, Xián mantén tamén o resinado nalgúns dos piñeirais que estivo aproveitando nos últimos anos, cando desenvolveu traballos en montes veciñais de Boiro, Caldas, Marín e Pontevedra: “O resinado é de interese para os montes veciñais pola presenza que se mantén no monte durante o verán, coa vixilancia do monte ante posibles incendios que iso leva consigo”, incide.

Logo dunha desconfianza inicial, as experiencias de resinado estanse a extender no monte. “Desde o punto de vista económico, o resinado non é importante para os montes veciñais, pero si desde a perspectiva de ter vixilancia no monte e de desbroces que se lles fan” -concorda Edgar Fernández.- “Cando comezamos coa actividade, hai uns anos, había desconfianza porque era algo descoñecido, pero agora xa se abren as portas”, conclúe.

Modelo de aproveitamento resineiro para Galicia

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán vén de publicar un tríptico no que propón un modelo de aproveitamento da resina para Galicia, en base ós ensaios realizados nos últimos anos. As experiencias desenvolvidas conclúen que as maiores producións co sistema de pica de corteza lógranse co resinado de cara ancha (16 centímetros) e aproveitando dúas caras opostas da árbore de xeito simultáneo.

A recomendación de Lourizán oriéntase a un aproveitamento nos 2-3 anos anteriores á corta, se ben tamén existe a posibilidade de facer as chamadas ‘resinacións a vida’, durante máis anos e traballando só unha cara anual, estreita (12 centímetros) ou ancha (16 centímetros), un sistema que pode garantir unha maior continuidade no traballo nun mesmo piñeiral.

Outra alternativa que estuda Lourizán é o método Borehole, que consiste en facer un burato conectado a unha bolsa na que se recolle a resina. A cantidade obtida é moi inferior, pero ten gran pureza e reduce moito o traballo do resineiro, posibilitando unha maior compatiblidade da resinación con outras actividades forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información