“O que diferencia aos viños galegos é o seu equilibrio entre grao alcohólico, acidez e aromas”

Entrevista a Alfonso Losada, xefe da sección de Enoloxía da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Defende “vincular máis as variedades galegas a cada terreo, a cada terroir”.

Publicidade
“O que diferencia aos viños galegos é o seu equilibrio entre grao alcohólico, acidez e aromas”

Alfonso Losada

Alfonso Losada é unha das persoas que representa a historia da viticultura e da enoloxía galega contemporáneas e forma parte dese colectivo que nos anos 80 apostou pola reestructuración dos viñedos galegos para apostar pola calidade e polas variedades autóctonas.

Durante a década dos 80 traballou na comarca de Valdeorras na recuperación da variedade Godello, dentro do programa REVIVAL (Recuperación dos Viñedos de Valdeorras), do que era cabeza visible Horario Fernández Presas.

Posteriormente pasou a traballar na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), onde cumula unha traxectoria investigadora de 25 anos e na que na actualidade é xefe da sección de Enoloxía.

Con esta ampla visión temporal e experiencia, ¿Como valoras a evolución dos viños galegos nestes anos?
Foi unha evolución moi positiva que se baseou, fundamentalmente, na recuperación das castes autóctonas. A primeira foi a recuperacón do godello en Valdeorras, e logo nas outras Denominacións de Orixe. Outra variedade que tivo un éxito importante foi a Mencía, tanto na Ribeira Sacra, como en Monterrei e en Valdeorras.

No aspecto técnico da enoloxía, houbo unha mellora moi importante, con técnicos cada vez mellor formados. Ao mesmo tempo, houbo un grande investimento en tecnoloxía das adegas. Pasouse das clásicas cubas de castiñeiro a unha utilización xeralizada dos depósitos de aceiro, un material que é criticado por algunha xente pero que proporciona unha asepsia e mantén a tipicidade da variedade de uva.

Todo isto empezou nos anos 80, cando en Galicia había dez ou doce adegas, e hoxe estamos en máis de 400 adegas.

¿Cales son as características dun viño galego que cada vez pide máis o consumidor?
As variedades de vide son un patrimonio da humanidade e poden ser plantadas en calquera lugar. O que ten que estar vinculado un viño é a un territorio. A veces centrámonos demasiado na variedade dun viño, e penso que habería que vinculalos máis a un terreo, a un clima..porque iso é algo único que non se pode reproducir en calquera lugar do mundo.

Hai que demandar un mencía da Ribeira Sacra ou un Valdeorras godello, pero non pedir simplemente a variedade, que é algo que puxeron de moda os anglosaxóns. Temos que defender e poñer en valor tamén o noso terroir, o noso terreo.

Por outra parte, os viños galegos teñen que ser diferentes do resto. Os viños galegos teñen unha acidez e uns aromas moi interesantes e iso debémolo potenciar, incluso facendo viños que aguanten máis tempo no mercado sen perder eses recendos.

Os viños galegos hoxe teñen unha personalidade propia no mercado e iso é un síntoma de que as cousas se estiveron facendo ben.

¿Habería que reducir a acidez dos viños galegos? ¿Cal pode ser o punto de equilibrio?
Os viños das variedades autóctonas galegas caracterízanse pola súa acidez, polo seu grao alcohólico e pola riqueza en componentes aromáticos. É algo que os diferencia fronte ao resto de viños do mundo. Son uns viños moi equilibrados, sen aristas, o que os fai únicos.

“O que fai diferencia aos viños galegos é o seu equilibrio entre grao alcohólico, acidez e aromas”

En canto aos niveis, podemos dicir que a acidez nos viños brancos debe situarse entre o 5 e o 6,5 e o ácido málico entre o 2 e o 3,5.

¿Está totalmente superada a utilización de castes foráneas máis produtivas en Galicia?
Está totalmente superado. En Galicia non están permitidas as variedades foráneas nas Denominacións de Orixe. Temos que centrarnos nas nosas variedades autóctonas e potenciar o noso terreo, para diferenciarnos do albariño que se poda producir en Australia ou Chile.

Neste sentido, ¿Deberíase camiñar cara a diferenciar os viños dentro da Denominación de Orixe por subzonas, e mesmo por prezos en función da finca de orixe?
Debemos adaptar a oferta ao consumidor ao que nos dirixamos e á distancia. Temos que ter unha visión ampla: para saír ao exterior unha soa zona pode ser moi pequena, cando a veces os consumidores do estranxeiro xa non coñecen nin Galicia. E iso é compatible con diferenciar o viño por subzonas dentro dunha DO cando nos diriximos a un cliente que nos coñece.

¿A agroecoloxía e a reducción dos tratamentos fitosanitarios na viña e na elaboración do viño é unha obriga que demanda o consumidor?
Os viños deben ser sans e haberá que plantearse en cada paso reducir cada vez máis os tratamentos, e iso xa se está facendo. O ideal é chegar a cero tratamentos, aínda que é difícil e estamos traballando niso.

Estase a falar xa de variedades híbridas para reducir os tratamentos ao máximo, tamén de reducir as cantidades de sulfuroso. É un reto aos que nos enfrontamos.

¿Que recomendacións básicas daría para elaborar un bo viño en Galicia?
Partir dunhas videiras plantadas no lugar axeitado para cada variedade para que logren a madurez óptima, ter unha adega ben equipada e contar co asesoramento dun enólogo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información