O proxecto Forest-in organizará en Galicia un curso para xestores forestais

A iniciativa, impulsada por entidades galegas, do resto de España, Portugal e Francia, implicou este ano a 300 persoas en visitas, obradoiros e accións formativas no ámbito forestal

O proxecto Forest-in organizará en Galicia un curso para xestores forestais

Actividade formativa do proxecto este outono en Albergaria A Velha, Portugal.

O proxecto internacional Forest-in, dirixido a promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, organizará a próxima primavera en Galicia un curso de cinco días dirixido a propietarios e técnicos forestais. A iniciativa implicou no último ano a arredor de 300 persoas nas actividades desenvoltas en Galicia, Portugal e Francia, das que 75 eran de Galicia e do resto do Estado.

Forest-in realizou durante o 2018 dous eventos multiplicadores, un en Galicia en febreiro e outro na Prevenza francesa en xuño, así coma dous cursos este outono en Portugal (Albergaría-aVella e Lousã), actividades todas elas que contaron coa participación de propietarios e xestores forestais galegos, que puideron coñecer outras realidades forestais e intercambiar experiencias con propietarios e técnicos de Portugal, Francia e do resto do Estado.

O obxectivo das actividades de Forest-in é o de mellorar os coñecementos en xestión forestal de propietarios e técnicos mediante visitas a experiencias exemplares, clases maxistrais e sesións prácticas de debate e traballo en equipo.

Para o 2019, entre outras actividades, está previsto que o proxecto Forest-in desenvolva na primavera en Galicia un curso de cinco días orientado á formación de xestores forestais (propietarios e técnicos). Todas aquelas persoas interesadas en participar na actividade poden poñerse en contacto coa Asociación Forestal de Galicia, entidade socia do proxecto Forest-in.

A iniciativa está a ultimar tamén o desenvolvemento dunha aplicación móbil (app) orientada a facilitarlle ferramentas prácticas, titoriais e información útil ós propietarios forestais.

Sobre o proxecto Forest-in
Forest-in constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiación do programa Erasmus +. O coordinador do proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal) e ten como socios á Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información