“O principal obstáculo para a gandería na montaña é a falta de ordenación territorial”

Visitamos a explotación de Jesús Ángel Lago Gancedo en Fonlor, en Pedrafita do Cebreiro, no corazón dos Ancares. Este gandeiro, con 130 cabezas de Rubia Galega, mantén aínda o tradicional sistema de rega dos prados en forte pendente e logrou a case plena autosuficiencia na produción de alimentos para o seu gando.

“O principal obstáculo para a gandería na montaña é a falta de ordenación territorial”

Gando de Jesús Ángel Lago pacendo

Jesús Ángel Lago Gancedo é un gandeiro de vocación. E é que a paixón e o apego polo seu traballo son as que explican que a súa explotación sexa hoxe un referente en gandería de vacún de carne en Galicia.

E, como en tantos outros casos, o camiño para chegar aquí non foi fácil. A súa explotación está en Fonlor, unha aldea de Pedrafita do Cebreiro, en pleno corazón dos Ancares. Prados en forte pendente e en altitudes que chegan aos 1.000 metros, fragmentación e diseminación das propiedades e a tradicional presión social para que marchase para a cidade non lograron desanimar a este gandeiro.

“Dende cativo gustoume a gandería, tiven oportunidades de marchar para a cidade cando era máis mozo, e visitei explotacións gandeiras en zonas con mellores condicións que Os Ancares, pero eu tiña claro que o meu futuro estaba aquí, en Fonlor, e por iso loitei”, asegura.

Os comezos non foron fáciles: no ano 1996 incorporouse á explotación familiar de vacún de carne. Partía dunhas dez cabezas de gando que tiñan a corte na propia casa familiar. Hoxe manexa el só arredor de 130 cabezas de gando de raza Rubia Galega en réxime semiextensivo e cunha moderna nave para acubillalas nos meses de inverno.

“O problema aquí da gandería non é a montaña senón a falta de ordenación do territorio”

A clave para este salto foi asumir dous ceses anticipados en 2001 de dúas explotacións veciñas, que lle permitiron aumentar a base territorial da súa explotación ata 80 hectáreas de pastos nun entorno próximo á gandería.

Neste sentido, Jesús Ángel Lago subliña que “dende o meu punto de vista, o maior problema para a gandería en zonas de montaña, aquí ou noutra parte de Galicia, non é tanto a pendente como a falta de organización do territorio, con parcelas pequenas e diseminadas que complican moito o manexo do gando e encarecen os custos de produción”.

O paso ao réxime semiextensivo, clave para facilitar o manexo

Outro cambio decisivo que introduciu este gandeiro foi o paso cara un sistema semiextensivo, no que as vacas están nos prados entre os meses de marzo e novembro. Recóllense de noite na corte as vacas nutrices para darlle de mamar aos xatos. As vacas secas e as xovencas están permanentemente fóra, e a maioría dos partos son tamén en exterior.

Para facilitar o manexo, Jesús Ángel Lago introduciu comedeiros e bebedeiros portátiles, así como cercado eléctrico nos prados.

Mantén o sistema de rega dos prados en pendente

Prados de rega en Fonlor

Prados de rega en Fonlor

E é que os prados son practicamente a única despensa das vacas deste gandeiro. “Entre marzo e novembro -explica- as vacas aliméntanse con pasto e herba seca e silo de herba recollidos na propia explotación, e durante os meses de inverno que non poden saír ao prado a ración é silo de herba e herba seca”. “Só ás primeirizas lles dou penso concentrado para axudarlles a recuperarse do parto”, engade.

Isto explica que o coidado dos prados sexa un aspecto fundamental nesta gandería. As especies predominantes nas súas pradeiras son o raigrás, o dactylo e o trevo. Xunto ao abonado natural das vacas, realiza un abonado mineral superfosfatado 8/24/16.

Sen embargo, o mellor sistema de abonado desta gandería é o de prados de rega, unha verdadeira obra de enxeñería tradicional nas zonas de pasteiros en pendente e que hoxe en Galicia está en perigo de desaparición.

 “Se nun prado sen rega o pasto ten unha altura de 5 centímetros, nun con rega chega aos 30 centímetros”

“Nesta zona nace o río Lor e hai rega constante durante todo o ano, o que mediante a distribución da auga a través de regos permite aumentar a produción de herba de xeito notable”, asegura Jesús Ángel Lago.

Recoñece que “manter a rede de regos é difícil porque é un traballo de limpeza e conservación que hai que facer a man”. Sen embargo, destaca que “os resultados no rendemento do pasto nótanse moito: ao comezo da primavera se nun prado sen rega o pasto ten unha altura de 5 centímetros, nun con rega chega aos 30 centímetros, e xa non digamos no verán”.

Selección dos exemplares de Rubia Galega por facilidade de parto

Outro aspecto que Jesús Ángel Lago coida na súa gandería é o da selección xenética. Aínda que empezou con razas de Cruce Industrial, finalmente optou pola raza Rubia Galega “por ser máis rústica e resistente, render máis quilos en canal e ter máis facilidade de parto”.

Realizou a súa propia selección de Rubia Galega por facilidade de parto

Precisamente este último carácter foi o que o decidiu hai catro anos a realizar unha mellora do rabaño comprando un lote de xovencas na Granxa Gayoso Castro, pertencente á Deputación de Lugo, e en varias poxas organizadas por Acruga. “Fun facendo unha selección de Rubia Galega por facilidade de parto e agora xa recrío na propia explotación”, explica Jesús Ángel Lago.

A inseminación tamén se fai por monta natural por un boi de Rubia Galega da propia explotación.

Comercialización da carne

Ao final do ano, este gandeiro vende entre 50 e 55 becerros, cunha idade de entre 8 e 10 meses e cuns pesos medios de 300 quilos. Como arredor do 70% dos partos se concentran de forma natural na primavera, a venda dos xatos é sobre todo nos meses de outono-inverno.

O seu principal comprador é un carniceiro de Pedrafita do Cebreiro, “co que xa teño unha relación de confianza de anos e que me ofrece un prezo estable, algo que valoro moito”. Puntualmente, sobre todo durante o inverno, tamén comercializa algunhas canais a través de Ternera Gallega.

Sobre o futuro, Jesús Ángel Lago ve un gran potencial das zonas de montaña de Galicia para a produción de pastos e , polo tanto, de carne de calidade. Pero insiste en que “antes de animar á xente nova a incorporarse á gandería, a Administración debería resolver o problema da falta de ordenación do territorio para que as ganderías fosen rendibles”.

Galería fotográfica da gandería de Jesús Ángel Lago: 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información