O primeiro ano sen cotas defrauda as expectativas de crecemento en Galicia

As entregas de leite na comunidade medraron un 3% durante a primeira campaña sen dereitos de produción; pero as restriccións impostas polas industrias bloquean a expansión das granxas. En marzo do 2016 produciuse só un 0,5% máis que en marzo do 2014

O primeiro ano sen cotas defrauda as expectativas de crecemento en Galicia

As restriccións impostas polas industrias bloquean o crecemento das explotacións galegas.

O fin do sistema de cotas lácteas, o 31 de marzo do 2015, abría as portas a aumentos na produción de leite en toda Europa, se ben, un ano despois, pódese concluir que as expectativas das granxas, alomenos das galegas, víronse defraudadas. Galicia medrou un 3% a produción durante a primeira campaña sen cotas (abril 2015-marzo 2016), pero ese crecemento está agora bloqueado pola saturación do mercado lácteo.

En marzo do 2016, a comunidade produciu un volume de leite similar ó de marzo do 2014, só un 0,5% máis. Se a comparación se fai con marzo do 2015, un mes marcado polo medo á supertaxa, o crecemento é do 1,7%, en todo caso lonxe do 4,8% que medrou a produción no conxunto de España en marzo do 2016 en comparación con marzo do 2015.

Hai un ano, Galicia producía o 38,9% do leite de España. En marzo deste ano situouse no 37,4%

As cifras revelan que as restriccións impostas polas industrias á recollida de leite están a bloquear o crecemento da produción en Galicia, en tanto no resto de España e no resto de Europa segue a medrar. Empresas como Larsa, Logística Alimentaria ou Reny Picot xa estiveron pagando ó longo da última campaña parte das entregas a prezos de leite en po, moi por baixo do prezo de mercado, co fin de desincentivar o aumento da produción nas granxas galegas.

Outras firmas como Lactalis ou Feiraco tamén se sumaron este ano a pagar parte do leite recibido a menores prezos, de cara a restrinxir unha produción que aseguran non dar colocado no mercado. O problema é de especial calibre en máis de medio milleiro de granxas galegas que están entregando toda a súa produción a prezos de leite en po.

Esta situación obriga ás granxas a facer cambios no manexo das vacas para conter a produción, con variacións na alimentación ou cun maior tempo de secado dos animais. Parte das granxas máis afectadas están a optar tamén polo envío de reses ó matadeiro.

Prezos
O balance da primeira campaña sen cotas dista de ser bo para Galicia. Hai un ano, a comunidade entregaba o 38,9% do leite producido en España, en tanto no último mes con datos, marzo do 2016, Galicia representaba o 37,4% da produción española. Perdeu, por tanto, un 1,5 %, derivado do interese das industrias en primar a produción en zonas próximas ós grandes centros de consumo.

Os prezos, entre tanto, continúan a baixada iniciada en xaneiro. Este mes de marzo situáronse en Galicia en 28,2 céntimos, polos 28,5 de febreiro e polos 30,3 de marzo de 2015. En España, o prezo medio tamén baixou e situouse en marzo en 30,3 céntimos.

Situación en Europa
Os últimos datos do Observatorio Lácteo Europeo revelan fortes aumentos da produción no primeiro ano sen cotas en Irlanda (+17,5%) e en Bélxica e Holanda, ambos por riba do 11%. O restos dos principais produtores europeos sitúase en cifras de aumento de arredor do 2-3%, coa excepción de Francia, que se quedou nun 1,3%.

O escenario de saturación do mercado lácteo, cunha oferta superior á demanda, fai que diversos países exploren a posibilidade de restrinxir a produción de xeito voluntario, tal e como autorizou recentemente Bruxelas.

En España, a Interprofesional Láctea traballa nesa opción, se ben está tamén á expectativa do que sucede no resto de Europa, pois considérase problemático reducir só a produción en España, en tanto outros países poden seguir medrando e exportando os seus produtos cara o sur de Europa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información