“O prezo da soia debería manterse estable neste 2019”

Entrevista a Lola Herrera, representante no sur de Europa do Consello de Exportación da Soia de Estados Unidos (USSEC), o maior produtor mundial desta proteaxinosa, unha dos principais ingredientes dos pensos para alimentación animal

“O prezo da soia debería manterse estable neste 2019”

Planta de soia

O cultivo da soia disparouse no mundo nas últimas décadas. España é o segundo importador en Europa desta proteaxinosa -sobre todo pola súa cabana porcina-, e Galicia representa o 17% do consumo de fariña de soia en España.

No último ano a guerra comercial entre China e Estados Unidos, unido á boa colleita mundial, baixou preto dun 8%, os prezos da soia. Estados Unidos é o principal produtor mundial, pincipalmente para o mercado chinés, polo que as tensións comerciais empurraron aos produtores de soia estadounidenses a potenciar as exportacións a outros mercados, como o europeo.

Dentro desta estratexia, o Consello de Exportación da Soia de Estados Unidos (USSEC polas súas siglas en inglés) realizou este mes en Santiago unha presentación dirixida a AGAFAC, a patronal galega dos fabricantes de pensos compostos.

Falamos con Lola Herrera, representante no sur de Europa do USSEC, que nos explica como está o mercado da soia en Estados Unidos e ofrece as súas previsións de prezos para este ano.

O Consello de Exportación da Soia de Estados Unidos (USSEC polas súas siglas en inglés) realizou o pasado xoves unha presentación en Santiago de Compostela, dentro dunha xira europea que tamén incluíu Lisboa e Milán. Por que elixíchedes Galicia para a presentación?.
Galicia representa o 17% do consumo de fariña de soia en España e é ademais o porto máis cercado á orixe de Estados Unidos. Ademais, o armazón de empresas dedicadas á produción animal é moi importante,  por tanto é unha localización perfecta para este tipo de reunións.

¿Como evolucionan as vendas de soia estadounidense en Europa, en España e en Galicia, e cales son as súas previsións para este ano?
Estados Unidos está a vender máis fabas de soia e máis fariña de soia desde o pasado setembro. No ano 2018 a importación de soia estadounidense aumentou un 18%. España é o segundo país importador de fabas de soia de Europa e por tanto para Estados Unidos é un mercado moi interesante.

¿Que é o USSEC e que representatividade ten tanto a nivel de Estados Unidos como global?
USSEC (United States Soybean Export Council)  agrupa en Estados Unidos a todos os participantes no negocio da soia, a primeira figura son os agricultores seguidos polos exportadores, transitarios armadores etc.  O obxectivo de USSEC é promocionar o consumo de fariña de soia U.S.A.  no mundo. USSEC ten oficinas  e representantes no cinco continentes e está ao servizo dos consumidores de soia do mundo.

¿Cal foi a evolución do cultivo e da produción da soia en Estados Unidos? ¿Experimentou o mesmo boom que en Brasil, Arxentina ou Canadá?
A produción de soia iniciouse en Estados Unidos e foi só a partir da última parte do século vinte que Brasil e Arxentina empezaron a ter unha presenza neste mercado. Nos últimos anos, grazas á tecnoloxía a produción de soia aumentou  e Estados Unidos segue sendo o primeiro produtor de soia alcanzando a  cifra de 124 millóns de toneladas na colleita 2018/2019.

¿Que superficie se prevé plantar en Estados Unidos este ano?
Hai dúbidas respecto diso, o ano pasado sementáronse 89,2 millóns de acres e considerando que os stocks actuais son altos, e debido tamén á guerra comercial entre Estados Unidos e China este ano hai quen opina que a sementeira reducirase significativamente, pero iso vaise ver nos próximos dous meses.

 “Hai quen opina que este ano a superficie sementada reducirase notablemente”

Estímase que a colleita mundial de soia aumentou un 9% en 2018 ¿Tamén foi así en Estados Unidos e como repercutiu nos prezos?
Si, o aumento foi similar en Estados Unidos. En canto á repercusión nos prezos non sempre unha maior produción implica unha revisión de prezos á baixa pois hai que contar coa evolución da demanda e esta aumenta todos os anos xa que o mundo necesita alimentarse e a medida que máis poboación entra no grupo de clase media a súa alimentación mellora, e incorpora máis carne na súa dieta.

En calquera caso, os prezos están estables e máis preto dos baixos que dos altos do últimos cinco anos, pero este ten moito que ver co conflito de aranceis entre Estados Unidos e China.

Evolución dos prezos da soia en Estados Unidos nos últimos 5 anos: 

evolucion_prezos_soia_usa

Unha pregunta ineludible que nos fan todos os gandeiros é ¿Como se prevé que evolucione o prezo da soia este ano?
En principio considerando que os stocks de soia globais son xenerosos non habería que pensar en prezos moi distintos aos de agora, aínda que hai riscos que virán dados polo conflito entre China e Estados Unidos, a área de sementeira e a meteoroloxía en Estados Unidos nos próximos meses, que favorecerá ou non a sementa e a produción da colleita 2019/2020.

¿Que lles recomendaría aos granxeiros para lograr o mellor prezo desta proteaxinosa?
É difícil recomendar pois estes mercados son moi volátiles e moi volubles, calquera noticia allea á oferta e a demanda adoita ter, en ocasións, efectos importantes no movemento dos prezos.

“Ao gandeiro recomendaríalle comprar soia cando os prezos son baixos e cando a relación entre o prezo do leite ou da carne e do penso lles sexa favorable”

Por tanto, o primeiro é ir comprando cando os prezos estean próximos aos últimos baixos,   pero o máis importante é mercar cando a marxe da súa produción lles sexa favorable.  Non hai prezos caros ou baratos, a cuestión é que a marxe de producir leite ou carne sexa positiva e se un prezo de soia determinado dálles esa marxe positiva hai que comprala.

¿Como lles está afectando os produtores de soia de Estados Unidos a “guerra comercial” entre o seu país e China? ¿Que estratexia están a adoptar?
Polo momento o efecto é que están a vender menos á exportación pois China era o seu mellor cliente. Como estratexia están a conversar con China para resolver o conflito e doutra banda están a aumentar a súa presenza noutros países a fin de suplir en parte a falta de vendas a China, aínda que nos últimos dous meses xa se venderon aos chineses 10 millóns de toneladas.

Na súa presentación en Santiago de Compostela, a USSEC falou das vantaxes nutricionais da soia na alimentación animal. ¿Cales destacaría en xeral e en concreto en vacún de leite?
Para o vacún de leite a fibra da soia é un alimento moi bo para ruminantes, por tanto a fariña de soia de 44 de proteína e 7% USA é moi apropiada para a fórmula.

Sen embargo, nos últimos anos moitos gandeiros españois de vacún de leite reduciron a achega de soia no penso en beneficio da colza, polo seu menor prezo, aínda que conteña menos proteína. ¿Que lles diría para que volvesen empregar soia, e en concreto soia estadounidense?
Hoxe en día o gandeiro elixe o produto máis competitivo para alimentar ao seu gando e en ocasións a fariña de colza foi moito máis competitiva que a soia. Neste momento a soia é máis competitiva, por tanto é probable que se reduza a achega de colza e se aumente a de soia.

O cultivo da soia é un dos que experimentou unha maior mellora xenética nos últimos anos. ¿Podes avanzarnos algunhas melloras que se estean realizando en Estados Unidos e que repercutan nun maior rendemento da fariña de soia?
Nos últimos anos traballouse en aumentar a produción e agora os novos proxectos están encamiñados en tratar de aumentar a proteína da faba de soia e o contido en aceite.

 “O tema da deforestación céntrase en Brasil, en Estados Unidos aumentamos a produción reducindo a superficie de cultivo”

Nunha parte da opinión pública a soia é un dos cultivos que carrexa peor valoración, asociándoo a deforestación e uso excesivo de produtos fitosanitarios e herbicidas. ¿Que lles diriades desde a USSEC?
O tema da deforestación céntrase en Brasil. En Estados Unidos isto non ocorre, de feito nas últimas dúas décadas aumentouse a produción diminuíndo a área de cultivo. USSEC e os seus asociados traballan en sustentabilidade,  o obxectivo é facer máis con menos. Cada vez máis empresas demandan certificados de Sustentabilidade, para iso USSEC ten a disposición do mercado o certificado SSAP que todos os importadores poden obter en orixe sen custo.

Os obxectivos de sustentabilidade son ambiciosos e a longo prazo. De feito, o obxectivo dos produtores de soia de aquí ao 2025 é reducir nun 25% a erosión do solo e nun 10% a superficie de cultivo, as emisións de CO2 e a enerxía usada por tonelada de soia producida.

Evolución da produción de soia nos principais países produtores: 

evolucion_cultivo_soia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información