”O potencial dos bosques galegos para a produción de cogumelos é enorme e axudaría a recuperar o rural”

Hifas da Terra ven de recibir o Premio Alimentos de España 2017 á mellor produción ecolóxica. Esteban Sinde Stompel, un dos cofundadores e director de planificación estratéxica desta empresa pontevedresa fálanos do futuro de Hifas da Terra e das potencialidades da produción de cogumelos en Galicia.

”O potencial dos bosques galegos para a produción de cogumelos é enorme e axudaría a recuperar o rural”

Esteban Sinde Stompel, un dos cofundadores e director de planificación estratéxica de Hifas da Terra

“Descubre o que os cogomelos poden facer por ti”. Con este lema naceu hai 18 anos Hifas da Terra, unha empresa de biotecnoloxía especializada no mundo da micoloxía. Hoxe é unha empresa de referencia para o sector que emprega a 50 traballadores na parroquia pontevedresa de Bora.

Contan cunha ampla colección de fungos que cultivan de xeito ecolóxico, sen pesticidas nin tranxénicos e co máximo respecto á natureza. A partir deles lograron desenvolver unha ampla gama de produtos alimentarios, terapéuticos, cosméticos e forestais cun mercado consolidado en varios países europeos e en constante expansión internacional.

Hifas da Terra ven de recibir o Premio Alimentos de España 2017 á mellor produción ecolóxica. Esteban Sinde Stompel, un dos cofundadores e director de planificación estratéxica desta empresa pontevedresa fálanos do futuro de Hifas da Terra e das potencialidades da produción de cogumelos en Galicia.

¿Que supón para vos ter recibido o premio Alimentos de España 2016 á produción ecolóxica?
Este premio vén recoñecer os anos de traballo dende a creación do proxecto e todas as decisións tomadas no día a día que nos fixeron medrar no eido da investigación e na procura de novas solucións sostibles baseadas en fungos para o coidado da saúde e a conservación da nosa paisaxe. Este premio é un orgullo e tamén reafirma a viabilidade de proxectos científicos con marca galega.

¿Cal foi a clave para despois de 18 anos chegar a onde estades neste momento no mercado?
A investigación é a clave. A aposta de Hifas da Terra pola investigación en micoloxía aplicada nos eidos nos que os fungos teñen moito que aportar. Falamos da saúde e da biorremediación, ámbitos nos que baseamos os nosos proxectos a día de hoxe e nos que xa temos resultados que auguran un maior recoñecemento dos fungos como recurso de gran valor.

Sobre esa base científica artellamos o proxecto que logo se complementa con outros departamentos que tamén son fundamentais para que a día de hoxe poidamos ter presenza internacional e dispoñamos dun catálogo completo de produtos elaborados con cogumelos.

Neste momento, ¿Cales son as vosas principais liñas de negocio e as principais cifras da empresa ?
As liñas de nutracéuticos e o viveiro de planta micorrizada son as principais liñas de negocio de Hifas da Terra. Agora mesmo contamos cun equipo duns 50 traballadores e que, sumando colaboracións externas e internacionais, pode chegar ós 70.

O valor da marca ronda os 10 millóns de euros e adicamos o 20% da nosa facturación a I+D. Aínda que o noso principal mercado é España, o 40% da nosa facturación vén da presenza en mercados internacionais como Italia, Francia, Reino Unido, Portugal, Perú, Croacia…

 “O 40% da nosa facturación xa está fóra de España”

¿Que potencial teñen os bosques galegos para a produción de fungos? ¿Estase desaproveitando coa expansión dos bosques de eucaliptos a costa das carballeiras?
O potencial dos bosques galegos para a produción de cogumelos pode ser determinante na recuperación do rural. Tendo en conta que as plantacións de castiñeiros micorrizados con Boletus edulis producen 3.000 kg de castaña e 250 kg de Boletus por hectárea; simplemente co 5% do territorio adicado á produción de castaña e cogumelos, a facturación anual en primeira venda ascendería a 210 millóns de euros. O seu valor en transformación podería ser máis do dobre.

Se unimos isto á produción dos piñeiros micorrizados con níscalo e boletus (que acadan en torno ós 250 kg por ha anuais) e as producións de carballeiras e bidueiras en boletus, cantarelas e trompetas, estas actividades darían emprego temporal a milleiros de persoas, podendo supor un pulo fundamental para as economías rurais.

O eucalipto en si non é o problema, existen miles de hectáreas de monte aptas para esta especie, que xera moito emprego na nosa comunidade e que tamén é un importante motor de riqueza. O problema real é a ordenación territorial. Non pode ser que se planten eucaliptos en terreos agrícolas e a carón dos núcleos de poboación.

Fai falta un pacto de estado para regular o emprego das diferentes especies forestais, sancionando a todos aqueles que empreguen especies forestais en terreos agrícolas. É unha medida imprescindible para previr os lumes e unha das bases para a recuperación da economía agrícola.

 “Só co 5% do territorio adicado a castaña e cogumelos, a facturación anual en primeira venda ascendería a 210 millóns”

¿Estades notando o efecto do cambio climático nas vosas producións?
O cambio climático nótase especialmente nas fortes secas do verán, que son prexudiciais para as plantacións de árbores micorrizadas, onde hai anos que provoca importantes mortalidades. No referente ó cultivo, por sorte temos sistemas de irrigación programados para manter unha boa condición de humidade. Estes sistemas de rego deberían estenderse ó monte, para evitar as importantes marras estivais que existen nalgunhas novas plantacións.

¿Pódese falar de que hai un mercado emerxente para a produción de fungos? ¿Cales son as especies máis demandadas?
Os cogumelos seguen aumentando o seu consumo e coa tendencia ao consumo de alimentos sáns a previsión de mercado continúa en ascenso. O champiñón sigue sendo a especie dominante (polo seu baixo prezo), seguida moi de lonxe polo Pleurotus. Sen embargo, o shiitake e a seta de cardo xa se fixeron un importante oco no mercado e está aumentando moito a súa demanda, pola mellor calidade organoléptica.

Das especies silvestres, o boletus e o níscalo (Lactarius deliciosus) son as dúas raiñas, pero tamén hai un mercado crecente para os Cantharellus, trompetas, lingua de ovella ou tricholomas. Sen dúbida, a trufa sigue sendo a especie máis potente en facturación, aínda que cada vez é máis escasa.

Unha importante liña de traballo de Hifas da Terra é vincular micoloxía e saúde humana. ¿Cales son as principais aplicacións medicinais dos fungos e en que liñas de traballo vos estades a centrar?
Realmente os fungos medicinais teñen aplicación en case tódolos campos da saúde. Existen máis dun millón e medio de especies de fungos e polo de agora só traballamos coas 20 especies de cogumelos máis coñecidas. Dentro destas, hai varias liñas de investigación abertas na empresa:

-Investigación oncolóxica: na que temos aberto un proxecto nacional (FungitechOnco), con centros biomédicos (Inibic) e empresas de produción biotecnolóxica, para conseguir cepas melloradas de fungos con aplicacións na loita contra as enfermidades coma o cancro. Tamén temos pendentes dous ensaios clínicos, un no que xa pasamos o comité ético de 14 hospitais a nivel nacional, no que se vincula algún dos máis importantes servizos de oncoloxía do país.

“Os fungos medicinais teñen aplicación en case tódolos campos da saúde”

-Investigación neurodexenerativa: con proxectos de investigación para loitar contra o alzhéimer e con colaboración activa con asociacións para o soporte do paciente como AFAPO.

-Investigación en síndrome metabólica: cun proxecto de colaboración entre varias empresas e centros de investigación, no desenvolvemento de nutracéuticos para combater as claves desta patoloxía tan extendida na nosa sociedade, como o colesterol,  diabetes, obesidade… na que moitos cogumelos teñen unha acción directa científicamente demostrada.

Tamén temos feito colaboracións puntuais en enfermidades autoinmunes, problemas cardiovasculares… Na nosa consulta de micoterapia (libre e aberta ó público) levamos rexistrados varios miles de casos de pacientes tratados con éxito con produtos micoterapéuticos nas patoloxías máis variadas.

A venda de árbores micorrizadas é outra das vosas especialidades. ¿Explica en que consiste e que garantías ofrece?
Cando plantamos árbores micorrizadas conseguimos que os castiñeiros, piñeiros ou carballos nos dean cogumelos con gran valor como os Boletus, níscalos ou as trufas. O ingreso pola venda destes cogumelos a veces pode chegar a superar o valor da propia madeira.

No mundo forestal e agrícola non hai garantías de nada, ninguén pode asegurar que un eucalipto vaia dar X toneladas de madeira ou que unha maceira vai dar X kg de mazás. Pero nós temos moitas plantacións de castiñeiro producindo 200 kg de Boletus edulis e 2.000 kg de castaña con só 8 anos; así como plantacións de piñeiro micorrizado que con 8 anos xa producen 200 kg de níscalo. Dependendo do lugar, o marco de plantación e os coidados das árbores estas producións poden variar substancialmente.

A innovación xoga un papel fundamental na nosa empresa. ¿Cales son as principais liñas nas que traballades?
Realmente a nosa empresa ten o seu cerne no I+D+i. Pero no noso caso o i pequeno é o máis grande. Cada liña de investigación desenvolta ten o obxectivo de crear unha gama de produtos. Así, na investigación oncolóxica creouse a liña MOC (Mico-Onco Care), con extractos de cepas melloradas de fungos para a súa aplicación en adxuvancia ós tratamento de quimioterapia e radioterapia.

En investigación neurodexenerativa produtos como Mico-Leo e Mico-Rei foron desenvoltos para recuperar a síntese neuronal e a produción de mielina, estimulando o NGF (Nerve Growth Factor).

Respecto á investigación en síndrome metabólica algúns dos nutracéuticos como Bio-Intestin, Mico-Mix ou Mico-Shii están demostrando resultados moi relevantes para axudar no combate do colesterol, a diabetes ou a obesidade.

“Realmente a nosa empresa ten o seu cerne no I+D+i”

No referente a produtos alimenticios creamos os primeiros chocolates con cogumelos do mundo, mel con cogumelos, marmelos… e fomos os pioneiros no desenvolvemento de cremas e serums cosméticos con cogumelos, mesmo cunha gama cosmecéutica para pacientes suxeitos a tratamentos oncolóxicos.

Ademais da liña de saúde, no tocante ó medio ambiente, seguimos innovando mediante a produción de árbores micorrizadas de diferentes especies, como os castiñeiros de froito, carballos e bidueiros con boletus, piñeiros con níscalo, aciñeiras con trufa, etc.

Estas plantas, ademais de empregarse por moitos propietarios en plantacións innovadoras, tamén se están plantando para restauración de minas e áreas contaminadas, en combinación cun substrato innovador de descontaminación a base de fungos (Micotecnosol).

En cultivo de novas especies de cogumelos tamén seguimos innovando indefinidamente e estamos en constante desenvolvemento de produtos que melloren a rendibilidade e funcionalidade dos cultivos micolóxicos.

Seta de ostra amarilla (Pleurotus citrinopileatus) producida por Hifas da Terra

¿Cales son as previsións de crecemento ou estratexia de futuro de Hifas da Terra para os próximos anos?
Hifas da Terra prevé un crecemento entre un 10-20% anual, que máis ou menos vimos mantendo nos últimos anos. A nosa estratexia pasa por fortalecer tódalas nosas liñas de negocio, dende o cultivo, a produción de árbores micorrizados, o desenvolvemento de produtos alimenticios a base de cogumelos, a produción de cosméticos, a liña de nutracéuticos e o desenvolvemento de produtos de oncoloxía.

Cada unha destas liñas funciona como unidades de negocio independentes estanse a desenvolver grazas ao enorme recurso de persoal de alta cualificación existente na nosa empresa. Temos máis de 60 empregados e máis da metade teñen titulacións superiores, sendo moitos deles doutores en bioloxía, bioquímica, enxeñería forestal, farmacia ou medicina.  Sen dúbida, o potencial humano de Galicia é a clave da nosa estratexia futura.

 “Hifas da Terra prevé un crecemento entre un 10-20% anual”

Para aquelas persoas interesadas na produción de fungos a escala comercial e dun xeito profesional, ¿Que lle recomendariades?
O cultivo de cogumelos medrou moito nos últimos anos e as explotacións cada vez se fan máis grandes e competitivas. Pero moitos cultivadores pequenos seguen comezando para abastecer un mercado local ou como autoconsumo dun local de hostalería ou de turismo rural, complementando así o recente micoturismo. Hai que facer moi ben os números e ser flexible para adaptarse ós cambios cada vez máis habituais do mercado. Nós por iso seguimos innovando no cultivo de novas especies de cogumelos para crear produtos de maior rendibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información