O Parlamento Galego pide reformas para asegurar o futuro do sector lácteo

O Parlamento Galego pide reformas para asegurar o futuro do sector lácteo

Vacas en pastoreo en Curtis

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade unha declaración institucional a favor do sector lácteo galego. A iniciativa foi impulsada pola asociación Terra e Leite.

No texto, lémbrase que “o sector lácteo é estratéxico e de vital importancia para o rural de Galicia”, polo que os deputados e deputadas do Parlamento autonómico se comprometen a traballar “para que no futuro continúe sendo motor de desenvolvemento económico, xerador de valor engadido, investimento e emprego nos espazos rurais de Galicia”.

“Un sector -subliña a declaración- que ademais mantén superficie agraria útil, actúa como eficaz corta lumes e preserva unha paisaxe agraria coidada, símbolo da identidade territorial de Galicia, que beneficia ao conxunto da sociedade galega”.

No preámbulo do texto, lémbrase que este sector, que no 2018 produciu 2,7 millóns de toneladas de leite, o 40% de toda España, “achega o 1,7% do PIB galego, pero ten un impacto real na economía moi superior polo forte
encadeamento con outras ramas de actividade”.

Principais desafíos: Base territorial, relevo xeneracional e exportación

Sen embargo, advírtese de que “presenta problemas nos que cómpre traballar xuntos para garantir o seu futuro, baseado preferentemente en granxas de base familiar, e así manter o equilibrio territorial e ambiental de Galicia”.

Así, no eido da produción destácase que “as explotacións teñen que aumentar a súa base territorial, reducir os custos e evitar a dependencia dos insumos comprados nos mercados internacionais, que van estar suxeitos a unha gran volatilidade, ao igual que os prezos do leite”. “Para iso é necesario fortalecer instrumentos como o Banco de Terras e abordar unha reforma lexislativa ambiciosa, de amplo consenso, que contribúa á mobilización da terra agraria de Galicia”, engaden.

Outro dos problemas do sector é o peche de explotacións e a perda de investimento produtivo no rural pola falta de sucesión e de relevo xeracional. Neste senso, a declaración institucional subliña que “precísanse medidas orientadas a facilitar a sucesión e incentivar a incorporación á actividade leiteira”.

No eido da industria, recórdase que esta “caracterízase pola súa debilidade estrutural e a súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido e pola súa incapacidade de transformar en Galicia todo o leite que se produce, premendo á baixa os prezos que reciben os produtores”.

“Por iso cómpre desenvolver accións de política industrial orientadas á implantación en Galicia de proxectos industriais que valoricen o leite e con acceso aos mercados internacionais”, demanda a declaración.

Ademais, e como mecanismo para o fortalecemento conxunto do sector, “precísanse medidas para lograr unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea”. “Concretamente unha modificación do paquete lácteo que elimine as asimetrías existentes nos tres elos da cadea e flexibilizar os requisitos de constitución das Organizacións de Produtores Lácteos”, reza a declaración.

Por último considérase necesario “impulsar o asesoramento, a formación e a investigación como eixes transversais para o futuro do sector lácteo”.

Descarga aquí o texto da declaración

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información