O monte galego alberga 6 millóns de árbores mortas

O diagnóstico do Plan Forestal de Galicia sinala que un 7,3% da superficie forestal da comunidade está ocupada por pés enfermos ou madeira seca, un indicador das carencias de xestión activa

O monte galego alberga 6 millóns de árbores mortas

Piñeiros secos en monte. / Arquivo.

A presenza de madeira morta no monte en pequenas proporcións favorece a biodiversidade, pero a excesiva abundancia de árbores mortas constitúe un risco de enfermidades e pragas forestais. Tal escenario representa ademais un indicador da falta dunha xestión forestal axeitada. En Galicia, onde un 7,3% do monte está ocupado por árbores enfermas ou mortas, a natureza está impoñéndose ó manexo activo do bosque, segundo os datos que reflice o diagnóstico do Plan Forestal de Galicia.

O monte galego alberga 6 millóns de pés mortos (0,9%), dúas terceiras partes en piñeirais, en tanto o resto divídese entre masas de frondosas caducifolias (carballeiras, soutos) e eucaliptais. Se se contabilizan tamén os pés enfermos (4,3%) ou moi enfermos (2%), hai que engadir outros 32,6 millóns de árbores con serios problemas. O panorama revela as dificultades de xestión que hai en parte do monte galego.

Galicia ten unha taxa de corta baixa, do 53%, polo máis do 80% de Portugal ou Suecia

Minifundio
Un factor clave na dificultade de xestión da madeira morta ou enferma é o minifundio, pois na comunidade hai un total de 7,8 millóns de parcelas forestais, cunha superficie media de 0,27 hectáreas. A escasa dimensión dificulta a xestión e agrava a progresiva perda de rendibilidade de parte do monte, en especial dos piñeirais.

Os esforzos realizados para agrupar a xestión forestal das propiedades particulares en sociedades saldáronse ata o de agora con máis pena que gloria. O novo Plan Forestal, en fase de alegacións que remata esta semana, proponse novamente o impulso da agrupación da propiedade forestal, a fin de aumentar o grao de xestión e a rendibilidade do monte.

Taxa de corta
O resultado da falta de xestión é que en Galicia medra moita máis madeira da que se corta. Na comunidade, tálanse cada ano 53 toneladas de cada 100 que medran no monte. En países como Suecia ou Portugal, a taxa de tala supera o 80%. O problema principal en Galicia sitúase nas masas de frondosas caducifolias, cunha taxa de corta que ronda o 15%. Desde a Administración autonómica proponse o reto de duplicar o volume de cortas de madeira que se rexistran en Galicia, unha cifra que desde o sector se observa con escepticismo, á espera de como se concretan eses propósitos.

Montes veciñais
En comunidades de montes veciñais, o problema da falta de xestión tamén está constatado. A Xunta calcula que un 34% das case 3.000 comunidades de montes que hai en Galicia teñen unha xunta rectora sen actualizar. Peor é o caso nun 10% do total dos montes veciñais, onde nin sequera hai constancia de que existan estatutos vixentes.

Os retos que se lle presentan ó Plan Forestal son múltiples. Os problemas de xestión forestal que revelan os datos deixan dúas materias pendentes claras: agrupar a xestión do minifundio particular e preservar o funcionamento e a actividade dos montes veciñais nun contexto de despoboamento e envellecemento do rural interior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información