O modelo irlandés ‘Origin Green’, un referente para Galicia na produción sostible

O vacún de carne de Irlanda apostou hai seis anos por un programa voluntario de certificación que mide en cada granxa índices como as emisións de gases de efecto invernadoiro, o uso da auga ou a eficiencia enerxética. Este ano, o sistema completa a súa extensión ás explotacións lácteas

O modelo irlandés ‘Origin Green’, un referente para Galicia na produción sostible

Xornadas de vacún de carne organizadas por Agaca en Lugo.

No 2012, Irlanda deu o paso cara un modelo de produción alimentario e de bebida asentado na sostibilidade, de carácter voluntario, e bautizado como Origin Green. Un programa no que goberno, sector privado e produtores decidiron camiñar xuntos co afán de apostar polas liñas de respecto ó medio que marcan cada vez máis as directrices da Unión Europea.

Trátase dun sistema que, á par de ofrecer solucións para a redución de pegada de carbono, podería ser un modelo a seguir para impulsar o vacún de carne en Galicia, tal e como incidiu a responsable de Calidade da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Agaca, María Rey, durante unhas xornadas de vacún de carne celebradas en Lugo, nas que se lle presentou ó sector este modelo.

Satisfacer as necesidades do presente sen comprometer o futuro
A produción sostible de alimentos implica a produción de alimentos inocuos e nutritivos dentro dunha industria alimentaria que tamén busque protexer e mellorar o medio ambiente natural e a comunidade local. “Significa satisfacer as necesidades do presente sen comprometer o futuro” explica Rey.

O Origin Green ten como obxetivo lograr que o 100% das granxas e empresas de fabricación de alimentos se subscriban e respecten os criterios de sostibilidade.

Toma de decisións con rigor científico
Logo de vinte anos auditando e certificando boas prácticas agrícolas en materia de inocuidade de alimentos, trazabilidade e benestar animal, Irlanda expandiu as súas análises cara un modelo máis ambicioso de Esquemas de Aseguramento Sostible, co que busca dispor de datos que aporten as claves para lograr que as explotacións sexan sostibles.

Este paso implica que as explotacións sexan agora analizadas en medidas de gases de efecto invernadoiro, sobre a biodiversidade, o uso que fan da auga, a eficiencia enerxética, a xestión do solo así como factores socieconómicos -que grado de riqueza da producida reverte no seu entorno-.

Cada 18 meses os auditores da Bord Bia Quality Assurance, a compañía encargada de levar a cabo as medicións, recompilan os datos sobre a sostibilidade de cada granxa. Uns datos que se combinan con outras dúas bases de datos nacionais de gando: AIM (Animal Identification&Movement) e ICBF (Irish Cattle Breeders Federation), ademais de estar acreditado polas certificacións Carbon Trust (PAS 2050) e ISO 17065.

Logo de cada auditoría, o gandeiro recibe un informe cos resultados de rendemento da granxa, o que lle permite tomar decisións informadas

Logo de cada auditoría, o gandeiro recibe un informe cos resultados de rendemento da granxa, o que lle permite tomar decisións informadas sobre a sostibilidade das súas granxas. O informe contribúe ademais á mellora da súa eficiencia.

Demostrar a súa sostibilidade
Irlanda ocupa o quinto posto dentro da Unión Europea en eficiencia en canto á pegada de carbono para a carne de vacún. O modelo Origin Green, o Esquema Sostible de Carne de Vaca e Cordeiro (SBLAS), permítelle demostrar a sostibilidade da produción irlandesa granxa por granxa, o que proporciona un mecanismo uniforme tanto para o rexistro como para a supervisión. En definitiva, un xeito de que os produtores poidan certificar e demostrar con datos o seu compromiso co medio á par que transmiten esa mensaxe ó consumidor.

Para os gandeiros, este sistema repórtalles as pautas para lograr unha produción eficiente, que se transforma nunha redución de custos, ó minimizar as cantidades de recursos, enerxía, penso e auga que empregan nas súas instalacións.

As vantaxes do modelo chegan tamén ó consumidor que, a través dun selo identificativo, conta coa seguridade de que o produto que está adquirindo foi producido respectando o medio ambiente, cos máis altos estándares de calidade, benestar animal, xestión e rastrexabilidade do produto en base a análises realizadas por unha entidade independente.

Por que Irlanda se adapta ben?
Irlanda ten moitas vantaxes naturais que a sitúan nunha posición privilexiada para a produción de alimentos. Algunhas delas comúns tamén a Galicia. Así o clima, con abundantes precipitacións fai posible unha tempada longa de pastoreo, e está demostrado que o sistema a base de pasto é máis eficiente e ambientalmente sostible cós sistemas de alimentación intensivos.

O 80% da terra agrícola está cuberta de pasto, que ofrece un soporte fundamental a 140.000 granxas familiares e xera máis de 163.000 empregos. Uns datos que converten a Irlanda nun gran exportador de produtos vinculados á terra e á alimentación pese ó seu tamaño. O ano pasado, as exportacións de alimentos e bebidas a 175 países supuxeron 11.500 millóns de euros para a economía irlandesa.

O 90% de toda a carne de vaca e cordeiro producida en Irlanda está suxeita ós estándares de produción do Origin Green. Máis de 50.000 gandeiros están xa dentro deste esquema e as previsións pasan porque de cara ó 2020 se acade o 95% da carne de vaca producida baixo este programa. En leite, xa para finais deste ano agárdase que o 100% dos produtores de leite (18.000) se sumen á certificación voluntaria, na que participan na actualidade unhas 15.000 explotacións lácteas.

Galicia, na procura dun baremo sostible 

En Galicia, a implantación dun modelo similar ó irlandés que abra a posibilidade de incrementar a sostibilidade e a eficiencia das explotacións de vacún de carne e leite é un camiño a seguir para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Agaca, tal e como explica a súa responsable de Calidade, María Rey.

Dende o colectivo xa no 2002, a través dun proxecto Feader, comezaron a estudar e calcular as emisións de pegada de carbono das explotacións de vacún de leite, que ó ano seguinte levarían ó vacún de carne. Na actualidade, traballan tamén en proxectos de innovación que analicen a pegada hídrica das explotacións.

“Tratamos de ver como está o sector e dispoñer de ferramentas con bases de datos de Galicia para poder ter uns cálculos máis adaptados e exactos”, apunta Rey. A obtención de datos de referencia para establecer uns baremos axustados ó caso galego sería o primeiro paso a dar, posto que datos doutros países de Europa son de menor interese á hora de analizar a realidade das explotacións galegas.

Á par disto, estes baremos tamén deberían axustarse ós diferentes modelos de producción, posto que variarán en función de se se trata de explotacións extensivas, semiextensivas ou ecolóxicas de vacún de carne e leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información