O Ministerio solicitará á UE a retirada de leite do mercado para subir os prezos

Anunciouno a Conselleira do Medio Rural. A medida está pendente da aprobación da Comisión Europea. Rosa Quintana reúnese cos alcaldes do PP e pídelle ás organizacións gandeiras que “non lle compliquen a vida aos gandeiros”.

O Ministerio solicitará á UE a retirada de leite do mercado para subir os prezos

Reunión con alcaldes do PP

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana anunciou hoxe que o Goberno lle pediu a Bruxelas autorización para facer unha retirada de leite do mercado, o que se coñece intervención, co obxectivo de que suban os prezos do leite en orixe.

Aínda que falta o visto bo de Bruxelas e que se concrete a intervención, respóndese así unha das esixencias inmediatas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego para solucionar a situación das 2.571 explotacións galegas que cobran o leite por debaixo dos 26 céntimos/litro.

Durante unha reunión de partido esta tarde en Santiago con 46 alcaldes do PP de comarcas gandeiras galegas para explicarlles as medidas de apoio ao sector lácteo que está levando a cabo o seu departamento, Rosa Quintana anunciou que “estamos vendo as posibilidades que tería o Ministerio de facer unha intervención para retirar leite no mercado”.

Quintana lembrou que “a intervención precisa da autorización da Unión Europea e nesa liña está a traballar a Xunta co Ministerio”. Aínda que recoñeceu que “de momento non podemos concretar prazos” para a súa aplicación, si adiantou que “estamos a analizar as cantidades que se podería retirar”. En canto ao seu destino, avanzou que “de facer a intervención a Xunta de Galicia destinaría o leite a causas humanitarias”.

Pola mañá, as organizacións agrarias galegas demandaron que esta intervención pública se realice antes de que acabe o mes de xullo, así como o remate dos contratos lixo no sector lácteo por debaixo dos 26 céntimos.

“Estase a banalizar a situación real dos gandeiros galegos”

Respecto ás organizacións sindicais agrarias, Rosa Quintana pediulles “que traballen na defensa do sector gandeiro, pero non en complicarlle a vida ao sector gandeiro”.

Advertiulles de que “estase a banalizar a situación real dos nosos gandeiros, porque hoxe os gandeiros teñen uha situación complicada, pero era peor nos anos 2010 ou no 2012”.

Alcaldes do PP durante a reunión

Alcaldes do PP durante a reunión

Lembrou que “máis do 56% da nosa produción láctea estase a vender por riba dos 29,81 céntimos” e incidiu en que “se eu crera que con ir a unha manifestación se resolverían os problemas do sector lácteo eu era a primeira en poñerme á fronte, pero estou convencida de que con iso non arranxamos nada”.

Polo demais, na reunión desta tarde con alcaldes do PP, Rosa Quintana salientou outras das medidas que está a poñer en marcha a Consellería como “campañas de promoción do leite co selo de calidade Galega 100%, unha campaña de promoción coas consellerías de Sanidade e de Educación porque notamos que a sociedade consume menos leite” ou o apoio a proxectos industriais para darlle maior valor engadido ao leite.

A ministra pide en Bruxelas que suban os prezos de intervención do leite

Por outra parte, a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, solicitou hoxe en Bruxelas no Consello de Agricultura da UE que suban os prezos de intervención do leite, algo ao que a Comisión de Agricultura de momento se comprometeu a analizar.

Polo demais, o comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, mostrouse disposto a que o Observatorio do Mercado Lácteo da UE tamén inclúa a análise das marxes e non soamente os prezos á hora de levar a cabo as súas avaliacións.

O PSOE propón un frente de partidos en Madrid para defender o sector

Por outra parte, senadores socialistas galegos reuníronse este luns pola mañá coas tres principais organizacións agrarias galegas (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e ASAJA-Galicia) para trasladarlles a súa intención de mobilizar aos deputados e senadores galegos nas Cortes de España , máis alá da súa adscrición partidaria, co finalidade de construír unha fronte común de partidos en defensa do sector lácteo galego.

Trala reunión, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, agradeceu esta iniciativa, posto que considerou que “os problemas dos gandeiros de Galicia no están na axenda prioritaria de Madrid”.

Mañá ás 16:00 horas está convocada en Santiago de Compostela unha reunión da Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo para concretar as medidas a tomar, entre elas a manifestación que se celebrará o vindeiro venres en Santiago de Compostela. A convocatoria partiu de forma unilateral da Organización de Productores de Leche (OPL), sen contar coas organizacións agrarias impulsoras da iniciativa (UUAA, SLG e ASAJA-Galicia), o que está a provocar confusión nos sector.

A FRUGA pide a dimisión de Rosa Quintana

Por último, a Federación Rural Galega (FRUGA), a través do seu coordinador de sectores gandeiros, Elías Somoza, emitiu un comunicado no que reclama a dimisión da conselleira do Medio Rural e do Mar. “Dende a FRUGA parécenos que o mellor que pode facer esta señora polo ben dos gandeiros e ganderías de leite galegos, é dimitir, e dende Fruga solicitamos a súa dimisión”, demandan na súa nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información