O Ministerio escúdase en Bruxelas para non aprobar o Decreto de Primeiros Compradores

O Ministerio lembra que “a normativa comunitaria non establece requisitos específicos para o exercicio desta actividade” de primeiros compradores de leite. Fontes do sector apuntan a presións da Comisión Nacional de Competencia e do Ministerio de Economía. A Xunta segue sen publicar o seu anunciado decreto de ámbito galego

O Ministerio escúdase en Bruxelas para non aprobar o Decreto de Primeiros Compradores

Cisterna dun primeiro comprador

O Ministerio de Agricultura apraza sine die a aprobación do Decreto de Primeiros Compradores no Sector Lácteo, unha norma demanda polos gandeiros para regular a estes intermediarios que en Galicia recollen ao redor do 30% do leite, e aos que os sindicatos agrarios acusan de presionar á baixa os prezos en orixe e de numerosos impagos aos gandeiros e cooperativas.

En febreiro de 2016 o Ministerio publicou un borrador de Real Decreto pero todo quedou aí: a pesar das presións da Xunta de Galicia e dos sindicatos o Ministerio non volveu mover ficha para regular esta figura polémica, que principalmente afecta a Galicia.

O Ministerio escúdase en que a normativa comunitaria “non establece requisitos específicos para o exercicio desta actividade”

En resposta a Campo Galego, o Ministerio de Agricultura asegura que a razón para non aprobar esta norma é que “a normativa comunitaria non establece requisitos específicos para o exercicio desta actividade; tampouco existe unha norma con rango de lei que os estableza”.

“A normativa comunitaria permite que os primeiros compradores compren o leite para transformala directamente ou para vendela a alguén que a transforme, sen engadir requisitos adicionais para o exercicio desta actividade”, engaden fontes do Ministerio.

Ademais, desde o departamento que dirixe Isabel García Tejerina lembran que “a Lei 20/2013 de garantía de unicidade de mercado, non permite establecer requisitos restritivos para o exercicio dunha actividade económica a menos que estes requisitos estean establecidos na normativa comunitaria ou nunha norma con rango de lei”, algo que, segundo o Ministerio, non existe neste momento.

“O decreto está parado polos obstáculos de Competencia e do Ministerio de Economía”

As únicas obrigas ás que están sometidos os primeiros compradores no sector lácteo son, segundo o Ministerio de Agricultura “é a asinar un contrato escrito co gandeiro con carácter previo a poder comprarlle o leite”, tal e como establece a Lei da Cadea, e cuxo cumprimento debe ser vixiado polas comunidades autónomas e a AICA.

“Este contrato debe ir precedido dunha oferta escrita, polo menos dous meses antes de comezar as compras de leite. No contrato escrito, gandeiro e comprador poden establecer as garantías necesarias para ambas as partes”, engade fontes ministeriais.

¿E existe algunha fenda para que os gandeiros poidan vender leite con maiores garantías aos primeiros compradores? O Ministerio de Agricultura limítase a recomendar aos gandeiros que “teñen a opción de agruparse en organizacións de produtores que negocien por eles os contratos de venda de leite de maneira colectiva con mellores garantías”.

Fontes do sector presentes na negociación do borrador de Decreto de Primeiros Compradores aseguran que “o decreto está paralizado polos obstáculos que poñen desde a Comisión Nacional da Competencia e o Ministerio de Economía para encaixalo xuridicamente coa normativa española e europea”.

“Non creo que sexan obstáculos insalvables se hai vontade política, pero de momento é no que se escuda o Ministerio para non aprobar o Decreto”, sinalan as mesmas fontes.

Unións pide á Consellería que non conceda axudas aos primeiros compradores con falta de pagamentos e que lles exixa un aval

E en Galicia, onde a conselleira do Medio Rural anunciou a publicación dun decreto de primeiros compradores de ámbito autonómico se o Ministerio non move ficha, tampouco hai novidades de momento.

Neste sentido, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, critica que “o discurso da conselleira de fronte ao público non se corresponda coa realidade”.

En concreto, lembra que “a pasada semana publicáronse axudas para transformación de produtos agroalimentarios e entre os seus beneficiarios están primeiros compradores de leite que manteñen falta de pagamentos cos gandeiros”.

Roberto García: “A única finalidade dos primeiros compradores é abaratarlle o leite á industrias”

“É algo que non debería suceder: se para acceder a axúdalas a Xunta esixe aos solicitantes estar ao día no pago dos impostos con Facenda e das cotas á Seguridade Social, tamén lles debería esixir un certificado de estar ao corrente do pago coas ganderías que lles subministran leite”, defende.

Ademais, o responsable de Unións Agrarias demanda que se lles volva esixir aos primeiros compradores un aval ou seguro que protexa aos gandeiros ante a impagos. “Algúns só teñen ao seu nome un teléfono móbil e así non se lles poden reclamar as débedas”, advirte. Roberto García reclama tamén que as industrias lácteas para as que traballen os primeiros compradores sexan responsables subsidiarias en caso de impagos.

Por último, o secretario xeral de Unións Agrarias denuncia que “a única finalidade dos primeiros compradores é abaratarlle o leite á industrias, e só así se entende que en Galicia haxa neste momento 2.170 gandeiros que cobran menos de 25 céntimos o litro e que teñamos os prezos máis baixos de España”.

A este respecto, reclama á Xunta que no Observatorio Galego do Sector Lácteo sepárense os prezos que corresponden a primeiros compradores e os que abonan as industrias transformadoras, tomándose como referencia soamente estes últimos para fixar os prezos nos contratos lácteos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información