O Ministerio asegura que Galicia “ten toda a marxe” para adaptar a PAC e non penalizar o cultivo de millo forraxeiro

O Ministerio asegura que Galicia “ten toda a marxe que considere apropiado e que poida xustificar” para cambiar o período de diversificación de cultivos. Con todo a Xunta mantívoo de maio a xullo co que os gandeiros non poderán cultivar máis do 75% da súa superficie con millo forraxeiro

O Ministerio asegura que Galicia “ten toda a marxe” para adaptar a PAC e non penalizar o cultivo de millo forraxeiro

O millo forraxeiro é fundamental para as explotacións lácteas galegas

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio asegura que a Xunta de Galicia “ten toda a marxe que considere apropiado e que poida xustificar” para cambiar o período de inspección do pago verde da PAC. A Consellería do Medio Rural fixouno de maio a xullo, tal e como establece o Ministerio con carácter xeral, o que penalizará un ano máis o cultivo de millo forraxeiro en Galicia ao limitalo a un máximo do 75% da superficie dispoñible para aquelas explotacións cunha base territorial de máis de 10 hectáreas. É dicir, as explotacións lácteas máis dimensionadas serán as máis prexudicadas.

A Consellería do Medio Rural xustifícase en que este período de inspección do cumprimento da diversificación de cultivos, unha obriga para recibir as axudas do pago verde da PAC, “vén dado polas directrices da Comisión Europea”.

Sen embargo, a resposta do Ministerio de Agricultura deixa claro que a decisión de modificar este período non lle corresponde nin á Comisión Europea nin ao propio Ministerio, senón á propia Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia neste caso.

O Ministerio: “Entendemos que Galicia estableza un período de inspección que non prexudique o cultivo do millo forraxeiro”

Así, na resposta remitida polo Magrama a Campo Galego lémbrase que
o Real Decreto 1172/2015 establece que o período no que levará a cabo a verificación do número de cultivos e o cálculo das súas correspondentes porcentaxes irá dos meses de maio a xullo, pero que “sen embargo, o mesmo Real Decreto establece que cada Comunidade Autónoma pode establecer o período no que se debe realizar a verificabilidade da diversificación de cultivos en función das súas características agronómicas”.

Por se non quedase claro, desde o Goberno Central aseguran que “entendemos que Galicia estará a valorar establecer un período que se axuste ás prácticas agronómicas e condicións agroclimáticas da rexión que non penalice este cultivo (do millo forraxeiro)”.

“A Xunta só ten que publicar o novo período no seu boletín oficial”

Insiste en Ministerio na súa resposta que “as comunidades autónomas poden modificar o período de inspección”. Neste sentido, preguntado o Ministerio de Agricultura sobre a marxe de actuación que teñen as Comunidades Autónomas para adaptar á súa realidade agronómica o período xeral de inspección da diversificación de cultivos, a resposta non deixa lugar a dúbidas: “Teñen toda a marxe que consideren apropiada e que poidan xustificar”.

Por último, á cuestión de se a Xunta de Galicia ten que pedir autorización ao Goberno Central para adaptar o control do pago verde á realidade galega o Ministerio de Agricultura asegura que “non ten que pedir cambio”. “O que ten que facer -a Consellería- é publicar ese novo período no seu Boletín Oficial” conclúe o Magrama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información