“O mercado demanda viños como os galegos e hai que aproveitar esta oportunidade”

Entrevista Sarah Ahmed, escritora londiniense especializada en viños. Anima ás adegas galegas a aproveitar a tendencia do mercado global que demanda viños frescos e con pouco alcol. “Agora é o momento de aproveitar esta oportunidade, Australia e Portugal xa o están facendo”, advirte.

Publicidade
“O mercado demanda viños como os galegos e hai que aproveitar esta oportunidade”

Sarah Ahmed

Sarah Ahmed é unha escritora londinense e docente de viños en The Wine Detective. Especializada en viños de Australia e de Portugal, colabora en revistas como Decanter ou The World of Fine Wine. Acaba de participar no Atlante Wine Forum, organizado polo Instituto Galego do Viño, para falar sobre as oportunidades que se abren no mercado global para os viños frescos e con baixo grao alcohólico, como os galegos. “Agora é o momento de aproveitar esta tendencia do mercado”, afirma.

Cales son as oportunidades que se abren nestes momentos para os viños galegos no mercado internacional?
Hai unha enorme oportunidade para os viños atlánticos polo seu carácter fresco e mineral e baixo alcol, non só no mercado británico, senón en todo o mundo, xa que se trata dunha tendencia global. É algo no que coinciden a práctica totalidade dos xornalistas e escritores especializados no mundo do viño.

Agora é o momento de que os viños galegos aproveiten a súa oportunidade e tomen vantaxe nos mercados internacionais. É algo que xa están a facer con éxito os portugueses cos seus viños atlánticos, apostando polos viticultores, polas boas prácticas na viña e a elaboración artesanal. Estamos nun momento no que hai que pensar no mercado global pero sentíndose orgulloso do produto local, fusionando o mellor do tradicional e da modernidade e apostando por viños auténticos e únicos.

Comentaches na túa conferencia que en Australia están a elaborar viños parecidos aos galegos para adaptarse á demanda dos consumidores….
A tendencia do consumidor por demandar viños frescos e con menos alcol mesmo está a afectar a Australia. Desta forma, en Barossa Valley, un val cun clima cálido e seco, que é a maior zona produtora de viño de Australia, os viticultores están a elaborar viños frescos e cun baixo nivel de alcol e que maridan ben con calquera tipo de comida, supoñendo unha competencia para os viños galegos. De feito, están a ser importados ao Reino Unido por un importante importador que é famoso polos seus viños españois.

“É necesaria a colaboración para realizar márketing nos mercados exteriores”

As adegas galegas son de tamaño mediano ou pequeno. Supón isto unha limitación para chegar aos mercados exteriores?
Penso que o peor que poden facer os viticultores e os adegueiros é poñerse obstáculos e pensar que o seu produto non se pode exportar porque ten pouco volume de produción ou porque vai ser moi caro. O que, na miña opinión, deben facer é investigar o mercado, ver a que consumidores se ten que dirixir e que prezo están dispostos a pagar, e centrarse nese mercado, aínda que sexa pequeno.

Non se pode elaborar un viño para todo tipo de públicos e para todos os países. Os viños galegos teñen que apostar pola calidade, non pola cantidade, e hai consumidores, fanáticos do viño coma min, que están dispostos a pagar un bo prezo por un viño interesante, único e diferente. Para é importante, contar a historia dese viño e da zona na que se producen. Por exemplo, cando leo a historia de Ribeira Sacra namórome dos seus viños.

Insistes tamén na necesidade de colaborar entre as disintas adegas e Denominacións de Orixe…
Nunha rexión de pequenos viticultores como Galicia considero que é necesario colaborar entre todos, para optimizar os vosos recursos de márketing e promocionar os vosos viños no mundo. É necesario compartir e colaborar entre adegas para lanzarse ao mercado exterior e mesmo para organizar viaxes para xornalistas especializadas doutros países.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información