O Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) organiza un ano máis o Máster en Producción de Leite, que mantén o seu prazo de preinscripción aberto ata o 12 de xullo. O programa formativo, que se desenvolverá a partir de setembro, está dirixido a enxeñeiros técnicos ou superiores, veterinarios, licenciados, graduados ou diplomados. Aqueles estudantes universitarios ós que lles falten menos de 30 créditos ECTS para rematar a súa titulación tamén se poderán inscribir.
O Máster en Produción de Leite impártese en formato presencial, con clases de setembro deste ano a xuño do 2019. Prevense tamén 300 horas de prácticas en empresas (12,5 créditos ECTS) e un traballo fin de máster, así como viaxes de prácticas.
Como novidade, este curso a USC ofrece tamén a posibilidade de cursar dous módulos formativos de xeito independente, sen necesidade de cursar a totalidade do máster. Trátase de dous cursos de formación continua, un curso básico de alimentación en produción de leite e un curso básico de economía na explotación láctea.
Pódese consultar toda a información na web do propio master.