O Ligal certifica a alta calidade nutricional e sanitaria do leite galego en 2016

Os resultados medios de calidade do leite cru producido en Galicia en 2016 situáronse no relativo a graxa e proteína no 3,82% e o 3,20%, respectivamente. En canto á calidade hixiénico-sanitaria, os valores medios foron de 212.OOO células/mL de reconto de células somáticas

O Ligal certifica a alta calidade nutricional e sanitaria do leite galego en 2016

O leite galego ten unha gran calidade, que está demostrada cientificamente. Os seus valores de graxa son significativamente máis elevados que os do resto das principais rexións produtoras de España e a proteína está a un nivel semellante. Ademais, os parámetros medios da súa calidade hixiénico-sanitaria están ao nivel dos principais países produtores da Unión Europea.

Así o certifican os resultados de 2016 do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), xestionado por unha asociación privada sen ánimo de lucro na que están representados de xeito paritario os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia, e que colabora coa Xunta en materia de control leiteiro.

En concreto, os resultados medios de calidade do leite cru producido en Galicia en 2016 situáronse no relativo a graxa e proteína no 3,82% e o 3,20% (en gramos/100 gramos), respectivamente. A media de España roldou o 3,6% de graxa e o 3,20 de proteína, segundo os últimos datos do Fega.

En canto á calidade hixiénico-sanitaria, os valores foron de 27 mil ufc (unidades formadoras de colonias) / mL (mililitro) de reconto bacteriolóxico e 212 mil células/mL de reconto de células somáticas.

3,3 millóns de mostras de leite analizadas en 2016

O Ligal analizou no 2016 un total de 3,3 millóns de mostras que, xunto coas determinacións para o control leiteiro sobre vaca individual, representan o 99% das análises do laboratorio. De modo complementario fixéronse outras 62.000 mostras das que 40.000 foron para a identificación dos patóxenos causantes das infeccións por mamite.

As inspeccións do Ligal aumentaron un 16%

O servizo de inspección do Ligal recibiu o pasado ano unhas 7.000 chamadas, principalmente para a consulta dos resultados e realizou 100 mostras de contraste a petición dos gandeiros. Inspeccionáronse aleatoriamente e sen previo aviso 1.700 rutas en paralelo á industria e o equivalente a 40.000 mostras no peirao de descarga das cisternas nos centros lácteos, o que supuxo un incremento das actuacións de control sobre a toma de mostras e condicións de transporte do 16% respecto do 2015.

O Ligal ten entre os seus obxectivos levar a cabo o control da composición química e bacteriolóxica do leite, co fin de garantir unhas condicións hixiénico sanitarias óptimas para o seu consumo. Ademais, realiza calquera outra actuación para o control da calidade do leite, a súa produción, tratamento, transformación e comercialización no ámbito galego, así como dos demais produtos lácteos, encamiñadas a optimizar a súa produción e comercialización no máximo nivel sanitario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información