O leite enteiro, un aliado para previr a obesidade entre os cativos

Unha investigación liderada polo Hospital St. Michael’s de Toronto (Canadá) evidencia que os nenos que beben leite enteiro teñen menos posibilidades de ter sobrepeso ou obesidade

O leite enteiro, un aliado para previr a obesidade entre os cativos

O leite enteiro, pese ó seu contido en graxa fronte a outras alternativas como o leite desgraxado, pode ser un aliado para evitar a obesidade entre os máis novos. Así o pon de manifesto un traballo liderado polo Hospital St. Michael’s e a Universidade de Toronto (Canadá) no que someteron a análise diversos estudos realizados sobre o consumo de leite de vaca entre a poboación máis nova. A revisión tiña como obxectivo comprobar a relación que existe deste alimento co sobrepeso e obesidade, que cada vez máis cativos padecen en Norteamérica.

As conclusións da comprobación sistemática dos estudos realizados, publicadas recentemente polo American Journal of Clinical Nutrition, evidencian que os nenos que beben leite enteiro teñen menos probabilidades de rematar tendo sobrepeso ou sendo obesos, en comparación cos nenos que toman leite baixo en graxa.

Os estudos revisados recompilaban datos de case 21.000 rapaces de entre 1 e 18 anos e procedentes de 7 países

A investigación consistiu na revisión sistemática e o metaanálise de diferentes estudos realizados ata o momento sobre as pautas de alimentación dos máis novos, prestando especial interese ó consumo de leite e ás diferencias que se amosaban co leite enteiro e o desgraxado. En total os estudos analizados recompilaban datos de case 21.000 nenos sans de idades comprendidas entre 1 e 18 anos.

Ademais, os rapaces destas investigacións procedían de 7 países con hábitos alimenticios diferentes: Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Brasil, Suecia, Nova Zelanda e Italia.

O consumo de leite e a obesidade

Ó igual que na poboación adulta, os índices de obesidade infantil en Norteamérica aumentaron significativamente nos últimos anos. Hoxe en día, preto de 1 de cada 3 nenos norteamericanos ten sobrepeso ou é obeso. En concreto, dende hai 40 anos a taxa de obesidade infantil chegou a triplicarse. Para analizar as causas deste incremento de casos, no Hospital St. Michael’s decidiron revisar un dos alimentos principais da dieta dos cativos: o leite, posto que a maioría dos nenos norteamericanos consume leite a diario.

Dende 1970, en América do Norte o consumo de leite enteiro reduciuse nun 80%

Ademais, nos cativos de menos de 2 anos, recoméndase o consumo de leite baixo en graxa como un factor para reducir o risco de obesidade. Esta recomendación lévase a cabo non só polo goberno norteamericano senón que as autoridades sanitarias europeas, británicas e australianas proporcionan consellos similares.

Tanto os provedores de atención médica como as familias ou as guías e políticas de nutrición das escolas e o coidado infantil adoitan seguir este tipo de indicacións, tal e como evidencian as cifras de consumo. En América do Norte, dende 1970 o consumo de leite enteira diminuíu nun 80% mentres que as compras de leite baixa en graxa se triplicaron.

As autoridades sanitarias adoitan recomendar o consumo de leite baixo en graxa para os cativos de menos de 2 anos

“É importante comprender a relación entre a graxa do leite de vaca e o risco de sobrepeso ou obesidade dados os consumos diarios de leite”, xustifican. En Canadá, o 88% dos nenos de 1 a 3 anos e o 76% dos rapaces de 4 a 8 consumen leite a diario.

Os beneficios do leite enteiro

Á hora de analizar a relación entre a cantidade de graxa do leite e o risco de padecer sobrepeso ou obesidade, ningún dos 28 estudos que se revisaron determinou que os nenos que bebían leite desgraxado tiñan unha menor probabilidade de padecer estas patoloxías. En concreto, os estudos tomaron como referencia os estándares de crecemento da Organización Mundial da Saúde para determinar as categorías de sobrepeso e obesidade.

A maioría dos traballos de investigación analizados compararon o consumo de leite enteiro, cun 3,25% de graxa, con leite desgraxado cunha cantidade de graxa de entre o 0,1% , o 1% ou o 2%. Nesta revisión, constatouse que 18 estudos suxerían que “unha maior cantidade de graxa no leite de vaca está asociado cunha menor adiposidade infantil”, concreta.

Ningún dos estudos amosou que os nenos que bebían leite baixa en graxa tiveran menor risco de sobrepeso ou obesidade

Entre as conclusións que amosa a revisión sistemática e o metaanálise realizado extráese que “o consumo de leite enteiro en comparación co leite baixo en graxa non afecta negativamente ó peso corporal ou á composición corporal de nenos e adolescentes. Pola contra, un maior consumo da graxa do leite parece estar asociado con menores probabilidades de sobrepeso ou obesidade infantil”, recolle a investigación.

Pero, cales son as razóns que hai detrás desta afirmación? A investigación tamén apunta varias teorías que xustifican os resultados que se viron nas comparativas e que axudan a comprender por que o consumo de leite enteiro acaba sendo máis eficaz á hora de previr estas patoloxías. As xustificacións relaciónanse coas prácticas que se derivan do consumo ou non de leite enteiro no canto de centrarse nun análise das particularidades da graxa do leite. Así, o estudo recolle os seguintes argumentos:

-O poder saciante do leite graxo. O consumo de leite enteiro permite saciar o apetito debido ó contido de colecistoquinina y péptido similar ó glucagón o que reduciría o consumo doutros alimentos cun alto contido calórico máis prexudicial que a graxa do leite.

-A graxa do leite de vaca tamén podería ofrecer beneficios cardiometabólicos. Os tipos de graxa que se atopan no leite de vaca, incluído o ácido trans-palmitoleico poden ser metabolicamente protectores o que contribúe a reducir a incidencia de estas enfermidades.

-A baixa capacidade saciante do leite desgraxado en comparación co leite enteiro podería implicar un maior consumo de leite. Deste modo, aínda que se trate de leite desgraxado, unha maior cantidade podería propiciar un incremento do peso dos rapaces fronte ós que beban leite enteiro.

Substitución por alimentos menos saudables. Outra das teorías apunta ó consumo de bebidas menos saudables no canto do consumo de leite enteiro. Estas alternativas terían un contido máis elevado de azucres engadidos que contribúen a favorecer tanto o sobrepeso e a obesidade dende moi novos.

Á marxe dos resultados da revisión que amosan unha relación entre o consumo de graxa de leite e unha menor adiposidade infantil, os propios impulsores da investigación avogan por continuar a recompilar datos de ensaios clínicos. Reivindican a necesidade de contar con estudos que involucren grandes e diversas mostras durante un período longo de tempo para poder ratificar estas conclusións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información