O II Foro Labrego de Agroecoloxía centrarase na mellora da comercialización de alimentos ecolóxicos

Está organizado polo Sindicato Labrego Galego e celebrarase este fin de semana, 28 e 29 de outubro, na Illa de San Simón (Redondela)

Publicidade
O II Foro Labrego de Agroecoloxía centrarase na mellora da comercialización de alimentos ecolóxicos

Quique Outes, vicerresponsábel do Sector de Horta do SLG, e Conchi Docampo, que forma parte da Dirección Nacional

O Sindicato Labrego Galego presentou este mércores a segunda edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, que se celebrará na Illa de San Simón (Redondela) ao longo de toda esta fin de semana baixo o título “Camiñando xuntas pola soberanía alimentaria”. Este ano centrarase na mellora da comercialización dos produtos ecolóxicos.

Desta maneira, o SLG dá continuidade a un evento que naceu o ano pasado en Betanzos coa intención de crear un espazo de encontro para todas as persoas, colectivos e organizacións que apostan por unha produción de alimentos que vaia máis alá dos métodos de cultivo ecolóxicos e sexa, entre moitas outras cousas, un factor activo de xeración de emprego, de sostibilidade ambiental, de saúde e de xustiza laboral.

O foro foi presentado en rolda de prensa por Quique Outes, vicerresponsábel do Sector de Horta do SLG, e Conchi Docampo, que forma parte da Dirección Nacional da organización agraria. Ambos, ademais, comparten profesión ao rexentar cadansúa explotación agroecolóxica -en Rois e Vedra, respectivamente- e comercializar de forma directa as súas producións

Quique Outes e Conchi Docampo aclararon que, se o foro do ano pasado se tentou centrar nas potencialidades da agroecoloxía e nos diálogos a través de múltiples experiencias de produción e consumo de alimentos; nesta segunda edición, o programa terá como denominador común o debate e a reflexión ao redor da comercialización dos produtos ecolóxicos.

Programa do foro

Para iso, contarase coa presenza de especialistas como Mirene Beguiristain, doutora en Ciencias Económicas e Empresarais e profesora da Universidade do País Vasco e autora, entre outras obras, do libro “Viabilidade económica e Viabilidade Social. Unha proposta agroecolóxica para a comercializacóns da produción ecolóxica familiar”. Precisamente, Beguiristain falará o sábado sobre a viabilidade económica dos proxectos agroecolóxicos e dirixirá, ao día seguinte, o obradoiro “Indicadores na venda directa de produtos agroecolóxicos”.

A continuación, e tamén na xornada do sábado, haberá unha palestra na que se expoñerán diversas experiencias de comercialización de alimentos agroecolóxicos, como o de Biocoop en Verín (Ourense), Nutrenbio en Salvaterra de Miño (Pontevedra), o Grupo de Consumo Bioalai de Vitoria (Álava) ou o Grupo Mimá de Allariz (Ourense).

Xa o domingo haberá unha mesa de diálogo entre organizacións de consumo e produtores e produtoras de cara a buscar novas ideas e fórmulas que melloren a súa relación. Neste conversatorio participarán a Rede de Consumo O Careón de Melide (A Coruña), a tenda Bico de Grao (Lugo), os Foros Ecolóxicos do Barbanza e o Mercado 4 Pónlas (Pontevedra).

E, para rematar, haberá un debate centrado na compra pública de alimentos por parte de institucións e organismos oficiais, que contará con voces e experiencias de ampla traxectoria, como a de Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, da Universidade de Vigo; Ester Comas, de Veterinarios sen Fronteiras; os comedores escolares de Ames ou a Escola Municipal A Caracola de A Coruña.

Programa Foro AgroEco A4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información