O Goberno autoriza e amplía os desprazamentos para coidar hortas ou animais para autoconsumo

Publicidade
Publicidade
O Goberno autoriza e amplía os desprazamentos para coidar hortas ou animais para autoconsumo

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe unha Orde do Ministerio de Sanidade que permite o desprazamento para o coidado e recolección de producións agrícolas e gandeiras destinadas ao autoconsumo.

O devandito desprazamento queda autorizado, sempre que as fincas ou cortes dos animais se atopen no mesmo termo municipal ao do domicilio, ou nun adxacente ao mesmo.

Porén, establécense excepcións en situacións de necesidade como son a alimentación de animais ou a recolección naqueles casos nos que, en atención á situación socioeconómica do interesado, o consumo do produto dos mesmos resulte imprescindible para atender á súa subsistencia. Nestes casos, por tanto non haberá límite de distancias.

A Orde indica que os desprazamentos serán, en calquera caso, os mínimos posibles para a realización das tarefas indispensables e a provisión do necesario, salvo causa debidamente xustificada. Ademais, lembra que estas actividades deberán realizarse tendo en conta as normas establecidas que garanten a protección da saúde e seguridade dos cidadáns.

O desenvolvemento dos traballos aos que se refire esta Orde realizaranse de forma individual salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada, e polo tempo indispensable.

A Orde refírese ás actividades que non son de natureza laboral, profesional ou empresarial, que xa estaban permitidas no Decreto do Estado de Alarma.

Queda sen efectos a normativa da Xunta de Galicia

Dada a división de competencias e a situación excepcional do Estado de Alarma, no que a normativa do Goberno Central prevalece sobre a dos gobernos autonómicos, quedaría sen efecto o decreto publicado esta semana pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Esta norma autorizaba os desprazamentos para coidar hortas, viñedos ou froiteiras para autoconsumo, pero limitando os desprazamentos ao termo municipal onde se atopa o domicilio, ou ao concello veciño, pero sempre que a leira non se atope a máis de 5 quilómetros da residencia, un límite de distancia que non contempla agora a orde do Ministerio de Sanidade.

Ademais, a diferenza da Consellería de Medio Rural, que permitía os desprazamentos de polo menos dúas persoas, a orde do Goberno Central incide en que o desenvolvemento dos traballos se realizará de forma individual, agás que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificante, e polo tempo indispensable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información