“O gandeiro de Clas cobra máis que o resto porque participa do beneficio industrial”

O director xeral de Central Lechera Asturiana (Clas), Francisco Sanmartín, considera que se poderían estudar integracións cooperativas no sector lácteo se aportan beneficios mutuos. “Sempre hai que preguntarse, crecer para que e para obter que”, valora

“O gandeiro de Clas cobra máis que o resto porque participa do beneficio industrial”

Francisco Sanmartín, director xeral de Clas, nas xornadas organizadas polo Idega (USC) en Lugo.

As explotacións lácteas de Galicia miran con envidia nos últimos anos os seus veciños de Asturias, onde o prezo medio do leite supera en varios céntimos ó galego. No último ano, o diferencial chegou a ser durante varios meses de ata 5 céntimos e no último mes con datos, decembro, foi de 3,7 céntimos. Esa diferenza de prezos débese en boa medida ó que cobran as granxas socias de Central Lechera Asturiana (Clas).

O presidente de Clas, Francisco Sanmartín, atribúe o éxito de Central Lechera ós bos resultados da aposta cooperativa pola transformación. “É certo que o gandeiro de Clas cobra máis que o resto, pero esa tendencia iniciouse nos últimos anos, a partir de que Central Lechera se consolidou a través de Capsa e obtén bos resultados económicos. Se miramos o que sucedía antes do 2007, veremos que as granxas socias de Clas tiñan prezos en liña ou por debaixo do resto” explica Sanmartín, que estivo o venres pasado en Lugo nunhas xornadas sobre o sector lácteo galego.

“Antes do 2007″, o socio de Clas tiña uns prezos en liña ou por debaixo do resto, pero as granxas investían no seu futuro”

Clas Sat, unha cooperativa de 7.113 socios, dos que 1.300 entregan leite, ten agora mesmo un 81% de participación en Capsa, a corporación que envasa as marcas Clas, Larsa e Ato. A restante porcentaxe corresponde a Caja Rural de Asturias e a Liberbank. “Hai que ter en conta que o gandeiro socio de Clas participa ó longo de toda a cadea, é accionista da sociedade e percibe tamén beneficios da parte industrial” -apunta Sanmartín.- “Cando o socio cobraba menos polo leite, era un xeito de investimento na súa empresa”, compara.

Integracións
Os gandeiros socios de Clas producen uns 390 millóns de litros de leite ó ano, arredor dun 40% do que envasa Capsa. Tras a saída no 2015 da francesa Bongrain do capital de Capsa, no sector especúlase coa posibilidade de novas alianzas ou entradas de socios na corporación. Polo de agora, o único movemento foi a alianza entre Leche Celta e Capsa, a través da sociedade Iberleche, para a comercialización conxunta de marcas brancas. “Foi unha operación coa que buscamos concentrar a oferta desa gama de produto e gañar forza ante a distribución”, explica Sanmartín.

“A creación de Iberleche, sociedade participada por Capsa e Leche Celta, permítenos gañar forza ante a distribución na venda de marca branca”

Preguntado por posibles operacións de integración cooperativa de Clas-Capsa con cooperativas galegas, o director xeral de Clas sinala que se podería estudar, pero pregúntase polo sentido dun proxecto así. “Sempre que se medra, hai que preguntarse para que e para obter que”, valora.

Larsa
En calquera caso, Sanmartín considera que a aposta de Capsa por Larsa e polas dúas plantas de Capsa na comunidade (Outeiro de Rei e Vilagarcía) está garantida. “A planta de Outeiro de Rei renovouse ó 100% nos últimos anos e na de Vilagarcía fixéronse investimentos e estanse estudando cousas”, apunta. De cara ó futuro de Capsa, o director xeral de Clas marca tres claves: “innovación, marca e internacionalización”.

“O decreto de cesión de prezos non vai saír”

O sector cooperativo ten un pronóstico claro sobre o decreto de cesión de prezos proxectado polo Ministerio de Agricultura, do que hai un borrador desde hai meses. “Non vai saír”, augura o director xeral de Clas, Francisco Sanmartín. Tanto Sanmartín como o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, que tamén participou nas xornadas de Lugo, consideran que hai presións de parte para que non saia adiante ese decreto, que permitiría coñecer o que lle paga a distribución ás industrias polo leite.

Outras demandas da parte gandeira para enfrontar a crise, como o aumento en Europa dos prezos de intervención do leite en po e da manteiga, tampouco teñen boas perspectivas, ó entender dos máximos responsables de Clas e de Feiraco. “Non gastemos enerxías nalgo que non se vai cambiar”, recomenda Sanmartín.

“Hai instrumentos que poderían asumir unha regulación de excedentes, como as OPs, pero non se desenvolveron”

Que facer? “Cada parte do sector ten a súa responsabilidade”, valora o director xeral de Clas. “Vemos que os gandeiros están aumentando a produción de leite, pero ningún preguntou onde se vai vender ese leite” -reflexiona.- “Temos instrumentos que poderían asumir unha regulación dos excedentes, como as organizacións de produtores (OPs), pero non se desenvolveron”. Entre o público tamén se advertiu da responsabilidade das industrias na parálise das OPs por non querer sentarse a negociar con elas.

Para os gandeiros, as expectivas a curto prazo pasan por capear o temporal e por desenvolver medidas que permitan que o próximo ciclo baixo de prezos non se transforme nunha grave crise. “Evitar a queimadura cando o aceite está caíndo sobre a pel xa non é posible”, conclúe Francisco Sanmartín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información