O freixo, tratamentos silvícolas para a produción de madeira

Esta árbore é habitual en Galicia nos bosques de ribeira, onde aparece en mestura con outras especies. O seu uso en repoboacións como especie de acompañamento é interesante alí onde teña un terreo axeitado, pois trátase dunha especie cunha madeira de valor, na liña da nogueira ou da cerdeira

O freixo, tratamentos silvícolas para a produción de madeira

O freixo é unha árbore autóctona típica da marxes de ribeira en Galicia. Tende a aparecer normalmente nos bosques de galería dos regueiros xunto con outras especies, como ameneiros ou abelairas, pero non forma arboredos puros de forma natural. Hai anos, téñense feito repoboacións con freixos en antigos prados de rego, aínda que esas plantacións non sempre prosperaron, xa que o freixo non tolera ben o encharcamento permanente do terreo.

Repasamos a continuación as posibilidades do freixo en Galicia seguindo unha guía sobre o freixo editada no seu día pola Asociación Forestal de Galicia, con Fernando Molina, presidente de honra da Asociación, como autor principal da mesma.

En Galicia, existen principalmente dúas especies de freixo, o freixo común ou freixo de folla ancha (‘Fraxinus excelsior’), habitual no norte de Galicia e nas montañas orientais, e o freixo de folla estreita (‘Fraxinus angustifolia Vahl’), característico dun clima de transición ó mediterráneo, como o da zona sur de Galicia.

Follas de freixo común, á esquerda, e do freixo de folla estreita, á dereita.

Follas de freixo común, á esquerda, e do freixo de folla estreita, á dereita.

Unha diferenza clara de comportamento entre as dúas especies é que o freixo de folla estreita depende plenamente da dispoñibilidade de auga, en tanto que o freixo común condiciona máis a súa presenza á fertilidade do solo e a evitar a acidez excesiva, polo que pode afastarse da beira dos regueiros e colonizar as encostas con solos profundos.

Outro espazo que ocupa de xeito natural o freixo sitúase na beira dos cultivos, ao pé de valados ou regos, onde pode atopar acumulación de nutrientes e abastecemento de auga.

Madeira de calidade
O freixo é unha árbore cunha madeira de calidade. Xunto coa de nogueira ou a de cerdeira, é das madeiras máis valoradas en mercados de calidade, se ben en Galicia, dada a escaseza desta especie, non existe un prezo estable e pode sufrir fortes oscilacións. O normal é que se vendan pés solitarios en mestura con outras especies e que o prezo non se coñeza ou non se detalle. Estes casos non serven de referencia, pois téndese a desprezar o valor da súa calidade madeirable.

Outro dos hándicaps do freixo é que se trata dunha especie de silvicultura difícil, pois hai que facer podas tódolos anos desde o momento da súa plantación para evitar a malformación do fuste.

En freixos silvestres, a calidade depende en boa medida de que a árbore medrase na espesura, o que tende a deparar fustes verticais, en tanto que nos pés cultivados será imprescindible un bo tratamento de podas.

Freixo que naceu de xeito espontáneo en terras de cultivo.

Freixo que naceu de xeito espontáneo en terras de cultivo.

Plantacións
O freixo require solos frescos e fondos, como os habituais á beira de ribeiras ou ó pé de encostas. Pódese dicir que as súas esixencias de terreo convírteno nunha especie de minifundismo obrigado, unha característica que pode asumirse polo bo valor da súa madeira. Sería razoable empregalo nas repoboacións como especie de acompañamento, en masas forestais mixtas, pero cómpre acertar na elección do seu emprazamento, pois en caso contrario, o fracaso é probable.

Á hora de facer a plantación, se se trata de solos encharcados, será preciso habilitar canles de drenaxe, xa que a planta é moi sensible ó exceso de auga, sobre todo nos primeiros anos. En canto ó marco de plantación, existe a posibilidade de densidades baixas (5×5 metros), que reducen os gastos na primeira fase, ou de densidades altas, que como punto a favor logran unha mellor forma natural das árbores, entre outras cuestións.

Unha solución axeitada pode ser un marco intermedio, de 4×4 metros (625 pés por hectárea), que permite a mecanización nas dúas direccións e unha tanxencia de copas bastante rápida. Se se trata de planta en contedor, poderase plantar desde outubro ata mediados de abril, antes do agromado das follas. En planta a raíz núa, a época recomendada vai de mediados de decembro a finais de marzo.

Coidados silvícolas

freixo vertical 2

Os coidados silvícolas oriéntanse a favorecer un crecemento rápido, regular e sostido da masa, co obxectivo de conseguir unha quenda final de 100-150 pés por hectárea ós 30-40 anos, con diámetros de 40 centímetros á altura do peito e con troncos rectos e sen nós ata os 6 metros.

A principal actuación a ter en conta son as podas anuais, que haberá que aplicar de xeito estricto para evitar malformacións. Un dos problemas do freixo é que as súas polas medran en ángulos moi verticais, o que leva a que sexa habitual a proliferación de guías que compiten co fuste principal. Será preciso, por tanto, eliminar as pólas que presenten competencia, evitando así a tendencia do freixo a gallar.

A poda de formación será precisa durante os dez primeiros anos de vida da árbore. Non convén eliminar máis dun terzo da copa para evitar unha ralentización excesiva no crecemento da árbore. Recoméndase a poda das pólas máis verticais, cun ángulo reducido de inserción no tronco, ou daquelas cun grosor excesivo que poida danar o fuste. Outras pólas que presenten un vigor alto, será suficiente con cortarlles as puntas, deixándolles dous terzos da súa lonxitude.

A época ideal para a poda de formación é entre xuño e xullo, pois aínda se collen a tempo os gromos do ano. A poda nos primeiros anos farase con tesoiras de man e despois haberá que empregar pértegas.

Outra cuestión a ter en conta é o control da vexetación de competencia, tanto a herbácea, como as silvas e outras árbores habituais nas zonas húmidas, pois ao tratarse de solos fértiles e con auga, a competencia adoita ser alta.

Podas de calidade
As podas de formación son precisas nas primeiras idades, ata conseguir unha boa forma da árbore. Agora ben, deben ser proseguidas coas podas de calidade tradicionais, que teñen por obxectivo conseguir a máxima proporción de madeira libre de nós nas toradas inferiores, desde a base ata os 6 metros de altura.

As podas de calidade vanse facendo nos tramos do tronco que foron modelados coas podas de formación 3-6 anos antes, podando as pólas desde o chan ata unha altura máxima que non debe superar un terzo da altura da árbore, ó principio, e a metade da altura nos últimos anos de poda. O desexable é que as pólas a podar non superen os 3-4 centímetros de diámetro na súa inserción no tronco.

Desmestas
A plantación debe medrar con espazo abondo, sen formar unha espesura pechada, pois precisa de luz para favorecer o ensanchamento da copa e do diámetro do tronco. O primeiro rareo farase antes do peche de copas da plantación, eliminando os pés mal conformados ou defectuosos. Poden ser precisos entre 4 e 5 rareos ó longo de toda a quenda de produción.

Danos e problemas fitosanitarios
Dado que o freixo non conforma en Galicia masas puras de xeito natural, non existe moita experiencia no seu cultivo nin coñecemento excesivo dos problemas sanitarios que poida ter, polo que será preciso atender ós problemas fitosanitarios que está tendo noutros países de Europa.

No tocante ós danos producidos por animais, o freixo é moi sensible a algúns danos habituais, como o do corzo, polo que será necesario protexer as árbores con protectores ou peches perimetrais. Tamén é sensible ós danos dos coellos e dos roedores, non recomendándose o acceso do gando á plantación, sobre todo nos primeiros anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información