O eucalipto nitens busca quen o queira

A posición competitiva de Galicia na cadea madeira – pasta de papel depende do eucalipto globulus, que aporta unha produción de maior calidade. Ence só consume un 5-10% de nitens e advirte das dificultades de asumir máis volume

O eucalipto nitens busca quen o queira

La madera de eucalipto globulus, clave para la pasta de papel gallega. / Imagen: Ence.

O monte galego ten a medio prazo un problema co eucalipto nitens. Non hai compradores á vista para esta madeira, da que se estiveron plantando nos últimos exercicios máis de 10.000 hectáreas ó ano na comunidade, segundo as estimacións do sector forestal galego. Ence, o comprador de referencia, depende do eucalipto globulus para manter a súa posición competitiva no mercado global. O eucalipto nitens só representa un 5-10 % das súas compras e a compañía advirte de que non poderá asumir moita maior cantidade no futuro.

O nitens expandiuse nos últimos anos en Galicia pola súa maior resistencia á praga do gorgullo e pola súa actitude para altitudes superiores ós 400 metros, onde o eucalipto globulus, o tradicional na comunidade, non prospera. As cortas actuais do nitens representan arredor dun 15% do total de cortas de eucalipto, un volume que é asumido pola industria do papel e, en menor medida, pola da madeira. O problema chegará nos próximos anos co aumento das cortas de nitens.

Non hai compradores á vista para toda a madeira de nitens que hai plantada en Galicia

Cando se plantou a madeira que agora se está talando, hai 12-15 anos, só se puñan en Galicia unhas 3.000 hectáreas de eucalipto nitens ó ano. Na actualidade, a cifra supera as 10.000 hectáreas ano. Cando toda esa madeira entre en turno de corta, a cuestión é quen a vai mercar. Polo de agora non hai respostas. O sector forestal, que organizou este outono unhas xornadas para debatir as estratexias de futuro para o monte galego, advirte da necesidade de novos procesos industriais que asuman tal volume.

As xornadas, organizadas pola Plataforma tecnolóxica Devesa, serviron para deixar clara a inviabilidade dun uso masivo do nitens na industria do papel de Galicia e Asturias. Unha ponencia de Gabriel Toval, ex-director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, puxo de manifesto a delicada situación á que se enfronta a cadea galega da madeira – pasta de papel.

Competidores de Galicia no mercado global
Producir unha tonelada de celulosa en Pontevedra ou en Navia con eucalipto globulus, a madeira que aporta maior calidade, ten un custo de 371 euros. Os competidores de Galicia no mercado global son capaces de producir a tonelada de celulosa a menos de 300 euros, en boa medida polos menores custos da madeira. Chile pode producir a 270 euros, tamén con globulus; e Brasil a 251 euros, con eucalipto urograndis. Ou sexa, Galicia non é capaz de competir por prezo. Ten que competir por calidade.

Ence produce a tonelada de celulosa a 371 euros. Os seus competidores, a menos de 300

“A madeira de globulus é fundamental para a competitividade de Ence, xa que é a que nos aporta maior calidade. Podemos consumir ata un 5-10% de madeira de nitens, pero se subimos esa porcentaxe, teríamos problemas” -advirte o director de ordenación forestal de Ence, Alejandro Oliveros.- “Os custos de producir pasta con eucalipto nitens tamén son maiores, entre outros factores porque para conseguir unha tonelada de pasta con eucalipto nitens precisamos de 3,7-3,8 toneladas, cando con globulus son suficientes 2,8 toneladas”.

Esa diferencia implica unha perda da capacidade instalada nas fábricas. Unha planta como a de Navia, que pode producir 500.000 toneladas ó ano de celulosa, baixaría a 392.000 no caso de usar nitens, segundo a análise de Gabriel Toval. Esa merma suporía, segundo Tovar, unha perda de cota de mercado e de credibilidade a nivel internacional. “Ence necesita que se plante globulus alí onde sexa posible e que haxa un control eficaz das pragas” -defende Alejandro Oliveros-. “O propietario forestal ten que saber as nosas necesidades e ten que valorar a quen lle vai vender a madeira que planta no monte”, conclúe.

“A competitividade de Ence depende da calidade que nos aporta a madeira de globulus” (Alejandro Oliveros, Ence)

Impacto no prezo da madeira
O problema ó que se enfronta o nitens a uns anos vista é, por tanto, de falta de demanda, se ben a cuestión do prezo é outro factor a ter en conta. Ence xa aplicou este ano unha significativa baixada nas súas tarifas para o eucalipto nitens de entre 6 e 12 euros por tonelada en relación ó globulus, unha tendencia que a análise de Gabriel Toval, un reputado experto independente, confirma como lóxica.

Para manter o custo de produción da pasta de papel en 371 euros por tonelada, Ence non pode pagar máis de 23 euros por metro cúbico de eucalipto nitens en pé sen casca (sen Ive) -segundo a análise de Toval-, o que traducido a madeira en pé con casca se situaría nos 16,5 euros por metro cúbico, fronte ós 33 euros metro cúbico (30,5 por tonelada) que ten agora o globulus.

O mercado do eucalipto nitens dependerá da exportación ou de novos procesos industriais

Ese menor prezo pode compensarse en parte pola maior produtividade media do nitens, actualmente uns 30 metros cúbicos de madeira por hectárea e ano fronte a uns 17 do globulus, pero a cuestión, máis que o prezo, é a falta de demanda. Buscar vías de exportación e agardar a chegada de novos procesos industriais que poidan utilizar o nitens son as perspectivas ás que se enfrontan os propietarios forestais galegos.

Melloras na cadea
Entre tanto, Toval advirte tamén da necesidade de reforzar a competitividade da cadea eucalipto globulus – pasta de papel. Precísase de melloras na xenética das plantas, nas técnicas silvícolas e no procesado industrial da materia prima, segundo sinalou Gabriel Toval na súa ponencia para as xornadas da plataforma tecnolóxica Devesa. O traballo de Toval foi alí presentado por outra persoa, xa que o investigador non puido asistir por problemas de saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información