O eucalipto móvese en máximos de prezos, en tanto o piñeiro recupérase dos lumes

O ascenso da pasta de papel no 2018 repercute nas cotizacións da materia prima. Parte da madeira de piñeiro queimada hai un ano continúa aínda sen saír do monte, o que mantén ralentizado o mercado

O eucalipto móvese en máximos de prezos, en tanto o piñeiro recupérase dos lumes

O mercado da madeira en Galicia atópase nun bo momento, como demostra o récord de cortas acadado no 2017, con 8,5 millóns de metros cúbicos de madeira talada, dos que 5 millóns corresponden a eucalipto, 3,2 millóns a coníferas e algo máis de 240.000 toneladas a frondosas. En cotizacións, o eucalipto acadou nos últimos meses máximos históricos, con prezos de 32-34 euros por tonelada no caso do eucalipto globulus (prezo en pé, con casca, madeira certificada e sen Ive). O piñeiro, pola súa banda, estase a recuperar da vaga de lumes do 2017.

“O eucalipto tivo este ano un aumento de prezos paralelo á subida da cotización internacional da pasta de papel. En globulus, estamos falando de prezos en monte de 33-34 euros, sen Ive e en madeira certificada” -explica Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na Asociación Forestal de Galicia-. “En montes con dobre certificación, FSC e PEFC, pódese chegar incluso a cantidades superiores pola necesidade dalgunha industria lusa de madeira certificada”, sinala.

Desde Ence, o comprador de referencia en Galicia, calculan que os bos prezos internacionais da pasta de papel manteranse alomenos durante os próximos tres anos, o que xera boas perspectivas entre os produtores de madeira.

“A demanda do eucalipto nitens está garantida”, valora Promagal

O escenario é tamén positivo para o eucalipto nitens, con prezos que se foron recuperando nos últimos meses e con boas perspectivas de demanda. “Aquelo que se falou no seu día de que o nitens non ía ter saída porque non o querían as industrias do papel está demostrado que nin é verdade a día de hoxe nin o vai ser no futuro”, valora Óscar Piñón, madeirista e secretario de Promagal, a federación de produtores de madeira do norte galego.

“O nitens ten saída hoxe e vaina ter nun futuro. Hai industrias e mercados interesados nel” (Óscar Piñón, Promagal)

Desde Promagal destacan a recuperación de prezos do nitens, que chegara a estar 8 euros por baixo do globulus e que na actualidade sitúase só 6 euros por tonelada por abaixo. “É certo que se plantou moito nitens e no futuro vai haber moita máis madeira de nitens no mercado, pero vemos que hai demanda, tanto por parte de Ence e Navigator -a principal industria lusa-, como para outros destinos” -destaca Óscar Piñón.- “Existe xa a posibilidade de exportar un barco mensual con 10.000 toneladas de nitens para destinos do norte de Europa e hai outros mercados interesados”, sinala.

Os menores prezos do eucalipto nitens, en comparación co globulus, fan máis atractiva esa madeira para industrias de papel afastadas de Galicia, de xeito que o envío da madeira de nitens pode facerse a prezos competitivos para as industrias e tamén interesantes para os propietarios forestais. “Que ninguén teña medo de plantar nitens” -subliña Óscar Piñón-. “É certo que nas zonas de costa onde se poida plantar globulus con crecementos bos hai que seguir apostando polo globulus, pero noutras zonas máis de interior o nitens é actualmente a mellor alternativa”.

Situación do mercado do piñeiro
O mercado de piñeiro, entre tanto, recupérase dos lumes do 2017. A vaga de incendios de hai un ano deixou importantes cantidades de madeira queimada nas provincias de Pontevedra e Ourense. Parte desa madeira xa foi vendida e retirada, pero outra parte continúa sen cortar e hai aínda madeira queimada en monte sen vender, que terá que ir para un destino de trituración polo seu deterioro.

“As cortas de madeira queimada paralizaron en gran medida as cortas de madeira en verde no sur de Galicia, que se están retomando nos últimos meses de xeito progresivo” -explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia-. “Están reactivándose as subastas de lotes de madeira en verde, pero polo de agora a demanda está sendo moderada”.

En prezos, os lotes de madeira queimada baixaron das cotizacións medias habituais da madeira en verde, tanto polo exceso de oferta como pola mestura neses lotes de madeira adulta e de madeira nova, no límite dos diámetros comerciais. Tamén hai que ter en conta o menor aproveitamento industrial da madeira queimada, pois as partes queimadas non son aproveitables para serra, quedando para biomasa.

En canto á madeira en verde, as cotizacións continúan na media dos últimos anos, cunha situación diferenciada entre o norte e o sur de Galicia. Se no norte os prezos dos lotes de madeira en pé no monte rondan os 25-30 euros (con casca e sen Ive), no sur chégase nos lotes a 31-36 euros por tonelada, sempre falando de lotes de madeira adulta con diversidade de diámetros e calidades.

Acordo da cadea da madeira
O recente acordo ó que chegou a cadea da madeira en Galicia para impulsar a recuperación do piñeiro abre boas expectativas de cara ó futuro para a madeira de calidade, recta, sen nós e de diámetros superiores ós 35 centímetros; se ben no sector mantense polo de agora a prudencia. “Na actualidade, o nitens tenlle gañada a batalla ó piñeiro, pero haberá que ver se nun futuro o piñeiro pode ser tamén unha opción para diversificar as plantacións”, valora Óscar Piñón.


ACTUALIZACIÓN
Estabilidade nos prezos do piñeiro, baixada no eucalipto (22-X-2019).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información