O envellecemento da poboación impulsa a gama de alimentos saudables

O directivo de Nielsen España, Luis Pasamontes, analiza os pilares de crecemento de vendas dos produtos de gran consumo nun foro do Cluster Alimentario de Galicia

O envellecemento da poboación impulsa a gama de alimentos saudables

Luis Pasamontes, de Nielsen España, na súa intervención no Foro Galicia Alimentación.

A metade da poboación de España será maior de 50 anos no 2036. O envellecemento progresivo da poboación leva a que a gama de produtos saudables estea a experimentar un impulso que continuará nos próximos anos, segundo as perspectivas que debuxou Luis Pasamontes, directivo de Nielsen España, nun foro organizado polo Cluster Alimentario de Galicia.

A saúde é xa na actualidade un dos pilares do crecemento en vendas das categorías máis dinámicas en produtos de gran consumo. “O 45% dos consumidores españois declara que quere produtos máis saudables” -explicou Pasamontes.- “Tódolos produtos ‘sen’ (sen colorantes, sen lactosa, etc.) ou os produtos ‘con’ (con vitaminas, omega 3, quinoa, etc.) están aumentando as vendas”, valora.

Entre os máis dinámicos, Pasamontes cita os loncheados de polo e pavo, o leite sen lactosa ou os leites vexetais, así como as tortitas de millo e arroz.

O Cluster Alimentario de Galicia presentou tamén onte o proxecto Inclusilver, orientado a impulsar innovacións nos alimentos saudables para o público ‘senior’. O proxecto, no que colaboran nove cluster de alimentación de Europa, conta cun presuposto de catro millóns de euros ata o ano 2020.

Claves de crecemento
Outras tendencias dos produtos que busca o consumidor sitúaas Pasamontes naqueles con características ‘premium’, en produtos ou formatos de conveniencia e nos alimentos sostibles.

– Produtos ‘premium’, que se mercan por capricho. Entran nesta gama cervexas artesáns, xenebra ‘premium’, os snacks ou os viños de alta gama (Ribera del Duero, importación, etc.).

– Produtos de conveniencia, como os ‘ready to use’ (listos para usar), por exemplo pratos preparados ou cafés monodosis.

– Alimentos sostibles. O 77% dos consumidores declara que quere alimentos máis ecolóxicos, solidarios e de comercio xusto. Esa preferencia, segundo Pasamontes, habería que matizala. “Hai que ver se despois no supermercado, ante unha diferenza elevada de prezos, o consumidor se decanta por ese tipo de produtos”, cuestiona.

Comportamento do mercado
As expectativas actuais nos produtos alimentarios son positivas. No último ano, houbo un crecemento en valor das vendas do 2,7%, seguindo a tendencia de mellora iniciada no 2016.

En puntos de venda, o supermercado grande e os pequenos de proximidade son os que maior crecemento experimentan, en tanto que os hipermercados e os supermercados medios perden vendas. “O consumidor busca un establecemento de proximidade cunha ampla gama de produtos”, valora Pasamontes.

O amplio número de supermercados e tendas que ten a súa disposición o consumidor reduce as expectativas do comercio online en España, segundo Pasamontes. “É un dos factores que explica que en España haxa unha menor penetración do e-commerce que noutros países, como Francia ou Gran Bretaña. De tódolos xeitos, haberá que ver como incide no mercado a entrada dun gran operador como Amazon ou a aposta de cadeas como Mercadona”, sinala.

Marcas de distribución
A marca de distribución continúa forte en España, cun 39,5% das vendas, fronte ó 15% que tiña no ano 2000. Durante o último ano, perdeu un 0,2% de cota de mercado, se ben Pasamontes precisa que a marca de distribución segue a medrar, “pero menos que o resto do mercado”.

En canto ás marcas de fabricante, un 28% da súa facturación correspondeuse a condicións promocionais.

Acto de entrega dos premios Galicia Alimentación.

Acto de entrega dos premios Galicia Alimentación.

Xanceda, Pazo de Vilane, Campomayor e Ingapán premios Galicia Alimentación

Os Premios Galicia Alimentación, que concede o Cluster Alimentario, entregáronse onte en Santiago no marco do Foro e Premios Galicia Alimentación, que se desenvolveu na Cidade da Cultura.

Na categoría de mellor proxecto empresarial resultaron gañadores Casa Grande de Xanceda (Mesía), que produce iogures ecolóxicos a partir do leite da súa granxa; e Pazo de Vilane (Antas de Ulla), que se consolidou nos últimos anos na comercialización de ovos camperos.

O premio á mellor estratexia de mercado e internacionalización recaeu na lucense Ingapán, con presenza en 19 países coas súas masas conxeladas de pan, empanadas e outros produtos.

Na categoría de produto innovador do ano, o galardón foi para Granja Campomayor (Palas de Rei), polo seu ovo cocido a baixa temperatura, que comezará a comercializarse en breve. O produto distínguese por ter a clara sólida e por manter a xema líquida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información