“O custo das plantas de biogás pode reducirse a 150.000 euros e ser rentable para as granxas”

A bioenerxía obtida a partir dos xurros ten só experiencias piloto en Galicia. Coñecemos co director de Energylab, Juan Rodríguez, un proxecto de investigación que busca aumentar o seu uso. Tamén tratamos os posibles usos de restos de poda de viñedo e kiwi

“O custo das plantas de biogás pode reducirse a 150.000 euros e ser rentable para as granxas”

Juan Rodríguez, director de Energylab

Abordamos co director do Centro Tecnolóxico Energylab, Juan Rodríguez Fernández-Arroyo, algúns dos últimos proxectos, centrados no ámbito agrario, nos que están a traballar. O aproveitamento da biomasa residual e da bioenergía nas granxas son algúns dos eixos nos que investigan.

Un dos campos nos que traballaron é no aproveitamento do metano nas explotacións gandeiras. É unha alternativa viable para as gandarías de vacún?
Si, desde logo. Poida que o marco retributivo actual non sexa o máis idóneo pero na propia xeración de metano, o xurro de vacún é mesmo máis adecuado que o porcino. Co xurro de vacún pódense alcanzar potenciais de produción de biogás de até 30 m3 por tonelada de residuo fronte aos 18m3 /tn do xurro porcino. Para aumentar a viabilidade hanse de reducir os custos de investimento, de operación, de mantemento, mellorar a produción de biogás… Por iso, as liñas de investigación en bioenerxía en Energylab están orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías que permitan reducir os custos destas instalacións e valorizar estes residuos de maneira que se convertan en recursos para diferentes alternativas de uso.

“Para xerar metano, o xurro de vacún é mesmo máis adecuado que o porcino”

A que fins se destinaría esta bioenerxía obtida?
O biogás pode ter un uso directo en caldeiras ou en sistemas de coxeración para xerar calor e electricidade. Tamén se está traballando na mellora deste biogás para a súa transformación en biometano de baixo custo, que proporcione outras alternativas de uso como a súa inxección á rede de gas natural ou o seu uso como combustible de vehículos, que podería ser un exemplo de Economía Circular, ao utilizalo no propio transporte das explotacións gandeiras.

Cales son as liñas de investigación en plantas de biogás nas que están a traballar?
Estamos a traballar, por exemplo, no proxecto PlantaDac, cuxo obxectivo é o desenvolvemento dunha planta de xestión anaerobia de baixo custo e de fácil operación, que poida ser operativa para as explotacións galegas de porcino de tamaño medio, e nas que se xestionen os residuos orgánicos mediante a produción de biogás e un fertilizante, un dixestato, que poida ser usado polas propias explotacións. Esta planta caracterizarase por ser compacta, modular, industrializable e móbil, o que permitirá reducir os custos de investimento.

Outro dos proxectos está centrado no tratamento integral dos xurros porcinos para a súa valorización e a redución das emisións de metano e amoníaco, de xeito que se logre unha solución sustentable e viable economicamente en explotacións gandeiras de tamaño medio pequeno, que son as máis habituais en Galicia. Neste caso baséase no emprego de sistemas de lagunaxe para eliminar o nitróxeno e para, ademais, contar con sistemas enerxéticos baseados no biogás mediante a reconversión das actuais balsas de xurros.

“En Galicia hai só tres plantas de biogás e moito potencial vendo o que se está a facer no resto de Europa”

Cales son os custes estimados que tería a instalación dunha planta de biogás e que redución se podería alcanzar?
A modo de referencia, unha planta de xestión anaerobia deseñada para a xestión duns 3.000m3 anuais de xurro xerado nunha explotación dunhas 110 cabezas de gando vacún, que poida tratar unhas 150 tn/ano de residuos vexetais e que dispoña dun sistema de coxeración para producir enerxía eléctrica e térmica, pode ter un custo de investimento de entre 300.000 a 500.000 euros. En Energylab traballamos para pasar dese orzamento a uns 100 ou 150.000 euros. Cremos que isto é posible e que facilitará que se introduza a tecnoloxía nas explotacións.

Unha das primeiras instalacións foi a da Finca Mouriscade, é factible esta instalación a día de hoxe?
Unha vez terminado o proxecto, é a propia Finca Mouriscade quen se está encargando da xestión e seguemento da planta, pero segue operativa e é unha das tres plantas en explotacións agrogandeiras en Galicia, xunto á da granxa Xustás, en Cospeito, e Casa Macán, en Taboada. O potencial en Galicia é moi grande, sobre todo vendo o que se está facendo noutros países, xa que hai máis de 17.000 plantas en toda Europa e en Galicia temos constancia destas tres no ámbito agrogandeiro.

Biomasa_kiwi-Energylab-

Recollida mecanizada de biomasa de restos de poda.

En materia de biomasa, un dos seus últimos proxectos céntrase no aproveitamento dos restos de poda tanto de kiwi como de vide e coníferas, en que fase se atopa?

Agora mesmo atopámonos a metade de desenvolvemento deste proxecto transfronteirizo que se centra no aproveitamento da biomasa e que permitirá mellorar a competitividade de distintos sectores co desenvolvemento de tecnoloxías máis avanzadas. Na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, a superficie de uso agrícola representa ao redor dun 30% mentres que a de uso forestal chega a un 54%. Con esta dispoñibilidade de recursos xorde este proxecto, xa que o uso sustentable destas biomasa supón unha serie de vantaxes económicas, sociais e ambientais. Así, valorizamos uns residuos que, ademais, representan unha fonte potencial de incendios e que actualmente non é máis ca unha carga económica para os seus produtores.

Que biocombustibles se obterían destes restos?
O obxectivo é optimizar a explotación e o aproveitamento enerxético da biomasa procedente de poda de matogueiras, vide e kiwi, avaliando o seu aproveitamento en procesos de combustión en caldeira, de gasificación e de coxeración ou microcoxeración, para producir fundamentalmente enerxía térmica e eléctrica a pequena escala.

“Estamos a desenvolver aditivos para facer que a biomasa de kiwi e viñedo teña unha combustión máis limpa e con menos emisións”

O alto contido en cinzas desta matogueira limita o seu uso doméstico, ten posibilidades de usos industriais?
É certo que unha das maiores limitacións que nos atopamos é o elevado contido en cinzas, sobre todo nas biomasas de orixe agrícola. Mentres os pellets ou briquetas de maior calidade para uso doméstico teñen uns valores inferiores a 0,7 e 1% respectivamente, os restos de poda de vide e kiwi teñen uns valores superiores a 2,5 e 2,6%. Os restos de orixe forestal, aínda que seguen situándose por encima do permitido, son valores máis próximos ao permitido, ao redor de 1,1 e 1,6%. Para unha valorización real desta biomasa residual de diferente orixe e a creación dun mercado asociado a ela, estamos a desenvolver diferentes procesos de pretratamento con distintos aditivos que, engadidos a esta biomasa, permitan unha combustión máis limpa e con menos emisións.

A recollida destes restos adoita implicar un importante custo que encarece moito o proceso e o seu aproveitamento; realmente, pode resultar viable?
Os avances tecnolóxicos logrados permiten desenvolver maquinaria específica adaptada ás diferentes características topográficas, o que contribúe á redución dos custos. Deseñáronse equipos específicos para a recollida de poda de vide e kiwi e un equipo específico para a recollida de matogueira. Diferentes probas déronnos xa datos da súa viabilidade. Nunha hectárea de viñedo na que se produce de media anual unhas 3 toneladas de poda, pódense recoller de maneira mecanizada 2 tn, o que equivalería enerxéticamente a uns 450 litros de gasóleo. Algo similar ocorre co kiwi, onde por cada hectárea xéranse unhas 4,7 tn de restos ao ano, dos cales 3,6 son susceptibles de recollerse con maquinaria.

“Queriamos ir un paso máis aló de contabilizar os incendios e ver o impacto ambiental que teñen os lumes no monte”

Tamén centrado no aproveitamento forestal, traballaron no cálculo da absorción de CO2 en montes produtores de madeira, que conclusións obtiveron?
Este traballo enmárcase dentro da colaboración que temos coa Asociación Forestal de Galicia e nel tamén participa a USC e FSC. Unha das partes deste proxecto busca o desenvolvemento de metodoloxías para contar con indicadores ambientais específicos sobre os bosques galegos. Un destes indicadores para avaliar o estado dos bosques céntrase nun cálculo máis preciso da fixación de CO2. Desenvolvemos unha aplicación web a través da que é posible avaliar e calcular a absorción de CO2 nas masas forestais galegas, tanto a nivel de Galicia como a diferentes escalas. O estudo permitiunos constatar que existe unha capacidade de fixación en toda a masa galega moi importante.

“Os lumes forestais rexistrados en Galicia entre 2010 e 2015 produciron uns 7 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro”

Pode estimarse tamén o impacto das emisións dos incendios forestais?
En Energylab desenvolvemos a metodoloxía para ter información sobre o balance enerxético, os danos económicos e o impacto ambiental dos incendios forestais. Até agora, o que analizamos foi en base aos partes de incendios do Ministerio entre os anos 2010 e 2015 en Galicia. Neste período rexistráronse case 22.000 incendios que afectaron a unha superficie de máis de 110.000 ha e nos que se produciu unha liberación de enerxía de máis de 60 millóns de MJ e cunhas emisións de gases de efecto invernadoiro debido a esta combustión de rozan os 7 millóns de toneladas. Queriamos ir un paso máis aló de contabilizar os incendios e, a través de fontes oficiais, ampliar esta información para dar unha perspectiva do impacto ambiental que teñen os lumes no monte.

Hai variacións dependendo do tipo de bosque que se calcine nos incendios?
Polo momento non o estudamos pero podería ser susceptible de analizarse en función das distintas masas de árbores que predominan nunhas zonas e outras.

“Os municipios verdes son aqueles nos que os lumes forestais teñen menor impacto ou fan máis por minimizar os riscos”

Neste estudo defínese un novo concepto, o de municipio verde, en que consiste?
A idea xorde para pór en valor os municipios nos que os incendios teñen un menor impacto. Establécense tres criterios para ser considerado municipio verde:
-O número anual de incendios cada 100 km2 de superficie municipal nos últimos 10 anos debe ser menor de 10.
-A superficie media queimada anual cada 100 km2 de superficie municipal nos últimos 10 anos debe ser inferior a 20 ha.
-A máxima superficie queimada no municipio por un único incendio nos últimos 10 anos non pode superar as 30 ha.
Estes criterios expóñense tamén en base á experiencia forestal de Galicia para visibilizar aos municipios nos que os incendios teñen un menor impacto ou que fan máis por minimizar os riscos.

Cantos municipios verdes hai na actualidade en Galicia?
Na provincia da Coruña contabilizamos 29 municipios verdes, do mesmo xeito que en Lugo, mentres que en Pontevedra hai 7 e na provincia de Ourense 6.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información