O cruce de Porco Celta con Duroc Jersey da os mellores rendementos

Segundo unha investigación realizada pola USC para mellorar o sector porcino na comarca do Deza

O cruce de Porco Celta con Duroc Jersey da os mellores rendementos

Raza Porco Celta.

O cruce de Porco Celta con Duroc Jersey ofrece os mellores resultados en peso e en crecemento, e sitúase entre os mellores en índice de conversión, é dicir na relación entre o alimento consumido e a ganancia de peso obtido.

Estas son as principais conclusións dun estudo biolóxico e xenético realizado pola Universidade de Santiago de Compostela encamiñado a obter unha valoración produtiva do crecemento dos animais, a partir do cruce de Porco Celta con outras razas, para transferir estes resultados aos produtores e tamén para o deseño de curvas de crecemento óptimas e acaídas ao manexo dos animais.

O autor de investigación, o profesor do Departamento de Anatomía e Produción Animal da USC na Facultade de Veterinaria e coordinador do grupo de investigación Recursos zooxenéticos e as súas producións, Antonio Iglesias Becerra, presentou este xoves os resultados do traballo para o que se empregaron datos experimentais resultantes do cruzamentos entre as razas ou marcas comerciais paternais Mangalica, Landrace, Duroc Jersey e Pietrain, con femias da raza porcina Celta, autóctona de Galicia.

O cruce de Celta con Duroc é o máis produtivo, e con Mangalica, o que menos

Os pesos promedio por idade ata os sete meses comportáronse mellor nos cruzamentos Duroc Jersey x Celta, seguidos polos cruces de liñas paternas Landrace e Pietrain, ambos con resultados moi similares. O cruzamento de Mangalica x Celta é o menos eficaz no que se refire a ganancia media diaria de todos os cruces que proveñen das razas paternas estudadas.

A maior eficiencia baseada no consumo de alimento e para a idade de sacrificio aos sete meses resultaron ser os cruzamentos Duroc x Porco Celta, o resto de cruces seguen a mesma pauta que a que se obtivo para os pesos promedio.

No horizonte dun ano, o cruce Duroc x Celta mantén as mellores ganancias de peso conxuntamente ca o cruce con Pietrain. No referente a índices de conversión, é dicir a relación entre o alimento consumido e a ganancia de peso obtida, este cruzamento presenta valores lixeiramente máis altos, e, polo tanto, maiores consumos de alimento que os cruces con Pietrain, aínda que os devanditos consumos compénsaos coas boas ganancias medias diarias de peso obtidas.

Obxectivo: mellorar a calidade do sector porcino da comarca do Deza

A directora do Ibader, Elvira López Mosquera; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Crespo; o presidente de Asoporcel, Manuel Losada, participaron este xoves na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, no acto de presentación dos resultados deste proxecto de investigación, financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra con cargo a fondos europeos, a través do que se persigue mellora a calidade e a competencia do sector porcino na comarca do Deza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información