O cooperativismo galego medra un 20% en socios dende 2007

Agaca celebra a súa asemblea en Santiago e presenta unhas contas anuais das cooperativas socias que superan os 1.500 millóns de euros de facturación

O cooperativismo galego medra un 20% en socios dende 2007

Asamblea de Agaca en Santiago.

As cooperativas agroalimentarias de Galicia presentan un balance positivo nos anos de crise, segundo os datos que ofreceu a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) na súa asemblea anual. Do 2007 ó 2014, o centenar de entidades de Agaca aumentou o número de socios un 20%, a facturación un 16% e o emprego creado un 6%. “As cifras reforzan a imaxe do campo como vía de ingresos estables e emprego digno” -destacan dende a Asociación-, “así coma os beneficios de afrontar os retos da crise dende unha óptica colectiva”.

Agaca celebrou onte en Santiago a súa XXVII Asemblea xeral anual, na que se deu a coñecer o seu balance do 2014, que pechou con resultados positivos e cunha facturación total das cooperativas socias que supera os 1.500 millóns de euros. A entidade subliñou tamén a importancia que está a ter a actividade agraria e agroalimentaria á hora de acoller a desempregados do ámbito urbano que deciden regresar á actividade no rural.

“A evolución positiva do cooperativismo reforza a imaxe do campo como vía de ingresos estables e emprego digno”

Para o 2015, as previsións de Agaca apuntan a un retroceso nas cifras de ingresos das cooperativas, xa que os baixos prezos do leite e da gandaría en xeral están a lastrar as cifras do sector. Neste contexto, dende Agaca incídese no papel de representación que xoga a entidade á hora de apoiar e aglutinar as demandas das cooperativas socias.

Integración cooperativa
Unha cuestión que a Asociación considera prioritaria é a concentración da oferta a través de procesos como a integración cooperativa, de forma que os produtores teñan máis poder de negociación, “As concentracións chegan se hai incentivos, non discursos”, subliñan dende Agaca.

A aplicación de normativas que reequilibren o poder da cadea alimentaria, na que mantén gran peso a distribución comercial, é outra das demandas que se formulan dende Agaca. A entidade formula tamén a necesidade dun maior control dos produtos que entran dende terceiros países, co fin de que se garanta que cumpren cos estándares comunitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información