O consumo de leite líquido prosegue a tendencia á baixa

As vendas caen en toda Europa, con diminucións do 5% en Italia e superiores ó 7% en Portugal. España perde só un 0,7%, pero nos últimos 15 anos a caída acumulada supera o 20%

O consumo de leite líquido prosegue a tendencia á baixa

O envasado de leite líquido caiu un 2,1 % no 2015 no conxunto da UE.

O produto no que está especializada a maior parte da industria láctea galega, o leite líquido Uht, prosegue un ano máis o seu firme retroceso, tanto en España coma no conxunto de Europa. Os datos de maior caída chegan de países como Italia, por riba do 5%, ou Portugal, con baixada dun 7% en leite Uht e dun 11% en leite fresco. España, pola súa banda, experimentou unha reducción do 0,7%, que se suma ó máis dun 20% que leva perdido nos últimos 15 anos.

O mercado de produtos lácteos en España caracterizouse tamén no 2015 por unha baixada das vendas de iogures (-2,2 %) e por un leve descenso en queixos (-0,3%), en tanto medran levemente leites fermentadas e produtos con bifidus (+1,1 %), así como outros produtos lácteos. No país veciño, en Portugal, destacou no 2015 o aumento de cota de mercado dos postres lácteos (+12%).

As previsións apuntan a un aumento dos stocks de leite en po, manteiga e queixos

As dificultades de aumentar o consumo interno de leite e dos seus derivados na UE coincidiron no 2015 cuns mercados de exportación caracterizados por dificultades. China, que nos últimos meses xa está reactivando as importacións, tiña un gran volume de stocks almacenados, polo que no 2015 reduciu as súas importacións por riba do 15%, en tanto outros países de referencia no mercado, coma os árabes, víronse perxudicados polos baixos prezos do petróleo.

Aumentos de produción
Paralelamente ós problemas de comercialización, o conxunto da UE experimentou un aumento da produción no 2015 dun 2,5%. Por países, destacan casos coma os de Irlanda (+13,2%) ou Holanda (+6,8%). España quédase no 2%, en tanto Francia aumentou un 0,2 %, Portugal un 3,5% e Alemania o 1,6 %.

Eses aumentos de produción na UE dirixíronse á fabricación de produtos lácteos industriais como leite en po desnatado (+ 8,1 %), manteiga (+ 4,7%) ou nata (+3,7%). O queixo medrou tamén o 1,4% a nivel de toda a UE, en tanto o envasado de leite líquido caiu o 2,1 %.

As cantidades de leite en po para intervención no que vai de 2016 xa superan ás presentadas ó longo de todo o 2015

Falta de equilibrio de oferta e demanda
A bifurcación entre oferta, que medra, e demanda, máis estancada, leva a que as cantidades de leite en po para intervención pública se estean disparando nas últimas semanas. No primeiro mes e medio do 2016, o volume de leite en po ofertado a intervención (44.600 toneladas) xa supera ó do conxunto do ano 2015 (40.000 toneladas).

O Observatorio Lácteo Europeo calcula que na segunda quincena de abril acadaranse as 109.000 toneladas de tope establecido pola Comisión Europea para intervir leite en po a prezo fixo. Entón, se non hai cambios normativos, a intervención farase a prezo variable por un sistema de subasta á baixa.

As previsións europeas apuntan a que nos próximos meses medrarán os stocks de leite en po, de manteiga e tamén de queixo na primavera, a partir de que a capacidade de secado das torres de leite en po estea ó máximo de funcionamento. Para o 2016 agárdase unha lixeira mellora das exportacións pero no Observatorio Lácteo Europeo considérase imprescindible un axuste da produción para reequilibrar oferta e demanda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información