O Concello do Valadouro propón axudas extraordinarias para relanzar as cortas de madeira

Ante a previsión de que a crise faga repuntar as vendas de eucalipto, o goberno local quere apoiar ás asociacións de veciños para que amañen pistas forestais e habiliten zonas adicadas ó acopio de madeira para facilitar as sacas e revalorizar deste xeito o prezo

O Concello do Valadouro propón axudas extraordinarias para relanzar as cortas de madeira

Cortas de eucalipto no monte.

En vista do previsible incremento das cortas de madeira nos vindeiros meses, como salvavidas ante a crise, xorden iniciativas que perseguen facilitar ás familias a saca da madeira. Este xoves o Goberno municipal do Valadouro propuxo ao Pleno do Concello a aprobación dunhas bases extraordinarias para regular a concesión de subvencións a Asociacións de Veciños para inversións destinadas á loita contra as consecuencias do Covid-19, e que contarían cunha partida de 70.000 euros.

Segundo explica o alcalde da localidade, Edmundo Maseda, “as asociacións das distintas parroquias poderían adicar os importes concedidos polo Concello a potenciar o sector forestal, vital no noso municipio, xa que nas anteriores crises a madeira foi a táboa de salvación de moitas familias do Valadouro, por iso agora necesitamos estar preparados ante posibles incrementos nas sacas de madeira”.

Con esta dotación económica, que non saíu adiante polo momento polo rexeitamento da oposición, as distintas parroquias poderán realizar arranxo de pistas ou camiños forestais e a compra ou aluguer de terreos para o acopio de madeira, unha das dificultades habituais de propietarios e empresas á hora de realizar as cortas. “O aforro dos nosos veciños e veciñas está no monte e estanse sacando unhas 200.000 toneladas de madeira anuais, polo que se lles facilitamos o acceso ás empresas a madeira vaise pagar máis”, engade Edmundo.

Exemplos de boa xestión

O municipio do Valadouro conta cunha importante riqueza forestal, pois ás 5.000 hectáreas de monte comunal que xestionan as cinco comunidades de montes existentes (Santo Tomé, O Cadramón, Frexulfe, Alaxe e Vilacampa), engádense un bo número de montes de propiedade particular que destacan pola súa boa xestión, como o Monte Rioboo, primeiro monte privado de Galicia en contar cun proxecto de ordenación fai xa máis de 25 anos.

Nas anteriores crises a madeira foi a táboa de salvación de moitas familias do Valadouro, por iso agora necesitamos estar preparados ante posibles incrementos nas sacas de madeira e facilitalas (Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro)

O Concello do Valadouro leva anos tratando de dinamizar e diversificar as actividades tanto agrogandeiras como forestais no municipio a través da organización de xornadas técnicas sobre distintas posibilidades de aproveitamento e traballando da man coas comunidades de montes. Ademais da produción de madeira, algúns dos montes comunais do concello contan con importantes cabanas gandeiras, como é o caso de Santo Tomé.

Pero o monte no Valadouro, e no conxunto da comarca da Mariña, non é tan só unha fonte de ingresos para moitas familias, senón tamén un recurso económico fundamental que crea postos de traballo e move unha potente industria. No val que comparten os concellos de Valadouro e Alfoz ubícanse empresas como Hijos de Ramón Rubal SLCostiña SL, Tapizval Muebles Guerra ou Carpintería Lamelas, que constitúen en conxunto o principal sector empresarial da zona.

A Mariña produciu 1,2 millóns de metros cúbicos no 2019

Microsoft Word - 2020_AEF_Cap8

Cortas de eucalipto no ano 2019 por distritos forestais

A Mariña constitúe unha das principais comarcas produtoras de madeira de Galicia. O ano pasado cortáronse 1.271.573 metros cúbicos de madeira en montes pertencentes a este distrito forestal, que foi tralo de Ferrol e o de Bergantiños-Mariñas Coruñesas o de maior volume de cortas da comunidade.

O 84% do que se corta na Mariña é madeira de eucalipto, máis dun millón de metros cúbicos o ano pasado, seguido de piñeiro (195.000 metros cúbicos). Con todo, o volume total de madeira cortada descendeu un 12,71% en 2019 nesta comarca con respecto a 2018, no que se alcalzara unha cifra total de cortas de madeira de 1.456.725 metros cúbicos (1.220.491 deles eucalipto), liderando entón este distrito forestal o territorio galego.

As cortas de madeira caeron un 12,7% o ano pasado no distrito forestal da Mariña

No conxunto de Galicia, o volume de aproveitamento total, sumando montes de xestión pública e de xestión privada, acadou o ano pasado os 9.703.423 metros cúbicos de madeira, xerando uns 300 millóns de euros para os seus propietarios.

O volume de madeira cortado no 2019 supón un 3,65% menos que o ano anterior, no que se alcanzaron os 10.071.525 m³, segundo os datos do Anuario de Estatística Forestal de Galicia. O 84% da madeira total cortada o pasado ano pertence ás provincias da Coruña (46%) e Lugo (38%), onde sen embargo se produciu en 2019 un importante descenso do volume de madeira cortada (-7,6% no conxunto da provincia), motivado fundamentalmente pola caída de cortas na Mariña.

O monte galego produce un 50% máis de eucalipto ca de piñeiro

Por especies, do volume de aproveitamento total no conxunto de Galicia, o 39% das árbores cortadas o ano pasado foron coníferas (3.798.769 m³), repartidas case a partes iguais entre Pinus pinaster e Pinus radiata e o 61% frondosas (5.904.653 m³), onde o 95% correspóndese con cortas de eucalipto (5.621.230 m³). A respecto do 2018, o volume de cortas de eucalipto descendeu o ano pasado un 5%, mentres que o de piñeiro do país incrementouse un 6,8%.

Os distritos forestais costeiros do norte de Galicia, con maior presenza de eucalipto, son os que acumulan o maior volume de cortas de madeira

O 58% do volume de madeira que sae dos montes galegos son eucaliptos e o 39% piñeiros e só o 3% procede de montes baixo xestión pública. Os distritos forestais costeiros do norte de Galicia, con maior presenza de eucalipto, (A Mariña Lucense, Bergantiños-As Mariñas Coruñesas e Ferrol) son os que acumulan o maior volume de cortas, sumando entre os tres preto do 45% do total de metros cúbicos producidos.

grafico superficie forestal arborada e desarborada por provinciasNo ano 2018 estaban inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor) 1.382 empresas adicadas ao aproveitamento e transformación de madeira na nosa comunidade. Na provincia de Pontevedra están inscritas un terzo delas (462), na Coruña o 26% (361), en Lugo o 24% (326) e en Ourense o 17% (233). Un total de 327 destas empresas adícanse á extracción de madeira dos montes, 235 son aserradeiros e 396 carpintarías. En canto ao número de empresas de servizos forestais, na nosa comunidade existen 473, das que 450 adícanse a traballos silvícolas e 23 son enxeñarías e actividades profesionais relacionadas co asesoramento técnico, segundo os datos do Resfor. Outras 113 son viveiros forestais repartidos polas catro provincias.

En Galicia hai 1.382 empresas de aproveitamento e transformación de madeira, 450 de traballos silvícolas e 113 viveiros

A metade da madeira cortada cada ano en España sae de Galicia, cun potente sector formado por case 3.000 empresas que dan traballo a máis de 8.000 persoas de xeito directo e indirecto, cun volume de facturación total de máis de 2.200 millóns de euros. Así pois, xunto ao agrogandeiro, o sector forestal é sen dúbida un dos pilares nos que apoiarse para saír da crise na nosa comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información