O certame gandeiro Feiradeza celebrarase este ano entre o 7 e o 9 de xullo

O certame gandeiro Feiradeza celebrarase este ano entre o 7 e o 9 de xullo

Reunión celebrada o pasado mérores para decidir as datas de Feiradeza

O certame gandeiro de máis sona da provincia de Pontevedra, Feiradeza, volverá este ano a celebrarse nas súas datas máis habituais, tras ter lugar en 2016 no mes de setembro, para non facelo coincidir con outros eventos do mesmo tipo.

Así, e tras valorar diferentes cuestións, decidiuse que este ano Feiradeza se celebre os días 8 e 9 de xullo, con entrada do gando ás instalacións do mercado gandeiro de Lalín o día 7 do citado mes. Esta decisión tomouse nunha reunión convocada polo concelleiro de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida, que tivo lugar o pasado mércores no concello e na que participaron -ademais do propio edil- o presidente de Africor Pontevedra, Rafael Méndez, e o xerente da mesma organización, José Rodríguez. Así mesmo, asistiron á xuntanza numerosos gandeiros da zona que cada ano colaboran na organización deste evento, que nesta ocasión acollerá o XXIII Concurso e Poxa da Raza Frisona.

Aínda faltan varios meses, polo que as reunións de coordinación para organizar Feiradeza 2016 e o XXIII Concurso e Poxa da Raza Frisona continuarán.

Cambios en Feiradeza 2017

Non obstante, a feira seguirá en xeral as liñas de programación de edicións anteriores, con sorteos, poxas, exposicións de gando e concursos morfolóxicos e de manexadores dotados con máis de 7.000 euros en premios.

Este ano mantense o recoñecemento ás mellores explotacións segundo os datos obtidos no control leiteiro. Trátase da concesión duns premios (sen dotación económica), divididos en categorías dependendo do tamaño das producións, que tratan de visibilizar e pór en valor o bo traballo das ganderías con máis calidade e mellores datos de produción. Así mesmo aumentarase o valor da nai que sairá a poxa e que nesta edición alcanzará os 8.500 kg de produción e os 80 puntos de cualificación morfolóxica.

Por último, e co obxectivo de axilizar os sorteos, no canto de sacar números ata que estes coincidan coa rifa dalgún dos presentes, as persoas que desexen participar no sorteo deberán depositar o resgardo da papeleta nunha urna da que serán extraídos directamente os números gañadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información